Pulo internacional ao proxecto do CiQUS de recrear o esqueleto das células

Trinta millóns de dólares para apoiar o 3% das solicitudes máis sobresaíntes. Logo dun riguroso proceso de selección dun ano de duración, o investigador do CiQUS Javier Montenegro vén de acadar unha das 30 axudas que acaba de conceder a organización HFSPO (Human Frontiers Science Program Organization), entre máis de 1.000 candidaturas de 60 países.

O HFSP é un programa internacional de apoio á investigación en Bioloxía, que promove a colaboración interdisciplinar entre institucións de distintas nacionalidades incentivando o estudo de problemas biolóxicos complexos para os que aínda non hai resposta. As novas axudas, concedidas ao abeiro da temática «Mecanismos complexos en organismos vivos», enfatizan o valor dos proxectos máis arriscados e innovadores.

Publicidade

esqueleto celular

O novo proxecto, liderado desde o CiQUS por Javier Montenegro (ERC Starting Grant 2015), desenvolverase ao longo dos vindeiros  tres anos en colaboración cos investigadores Neal Devaraj (Universidade de California) e Toshihide Takeuchi  (Universidade de Osaka). Trátase dunha aproximación de alto risco, que busca reconstruir de forma artificial un orgánulo celular de máxima importancia: o citoesqueleto celular.  Ao igual que o esqueleto moldea o corpo humano e manteno en pé, este citoesqueleto dá forma e estrutura ás  células, permitíndolles realizar funcións complexas como moverse, dividirse ou transportar substancias.

As células sintéticas axudarán a comprender como evolucionaron as células complexas

A aparición do citoesqueleto –unha intrincada rede de fibras que crece no interior das células- foi un paso clave para que as células primitivas poideran evolucionar e competir mellor polos recursos. Agora, o proxecto coordinado desde a Universidade de Santiago de Compostela fará uso da Química Sintética para investigar este fenómeno biolóxico a partires dun modelo de citoesqueleto artificial, baseado en materiais sintéticos. Así, o equipo internacional de investigadores deseñará e sintetizará no laboratorio un citoesqueleto completamente artificial para reproducir o proceso de formación e destrucción desta rede de fibras no interior das células, acadando deste modo un sinxelo modelo que permita entender mellor o seu funcionamento interno.

Ao longo do proxecto, o equipo do CiQUS encargarase de fabricar os nanotubos que constitúen o citoesqueleto, mentres que os seus colaboradores con base en San Diego (California, USA) e Osaka (Xapón) prepararán as membranas que conteñen as fibras e proteínas que funcionarán como transportadores dos catalizadores para a formación ou destrucción desta rede:  «fibras, membranas e proteínas: acoplando estas tres compoñentes agardamos conseguir células mínimas que nos permitan comprender mellor a importancia e o funcionamento do citoesqueleto», explica Montenegro, que advirte do posible alcance da investigación: «a creación de células sintéticas híbridas ampliará a nosa comprensión de como e por que as células vivas complexas evolucionaron no noso planeta, o que supón un importante reto científico», asegura.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos

Roubar a estabilidade dunha molécula ultra-estable durante unha fracción de segundo: así o estuda o CiQUS

O científico Luis M. Mateo recibe a prestixiosa Bolsa Branco Weiss que financiará o proxecto ‘PhthalocyanYnes’ con máis de 635.000 euros durante cinco anos