Cosmoloxías: arte e ciencia unidas no Colexio de Fonseca

A mostra é a primeira actividade de ArtLAB, un proxecto do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para tender pontes entre as dúas disciplinas

A obra da artista plástica Irene Dubrovsky protagoniza a primeira actividade de ArtLAB, unha nova iniciativa interdisciplinar do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) cuxo obxectivo é unir arte e ciencia, indagar nas súas interseccións e tender pontes entre ambas, achegando a ciencia á sociedade desde un punto de vista diferente. A exposición “Cosmoloxías” inaugúrase este xoves 28 ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, nun acto no que intervirá o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

“Cosmoloxías” componse dunha serie de obras cartográficas inspiradas no Universo da artista Irene Dubrovsky (Buenos Aires, 1972)  que evocan os mapas reais que tentan explicar a súa orixe mediante grandes pregos de papel entretecido e discos perforados.

Publicidade

A obra visual desta artista plástica arxentina residente en Ciudad de México articúlase nunha poética da cartográfica onde conflúen a súa historia e herdanza migrantes, en obras minuciosas e sutís. Utiliza a xeometría como linguaxe primordial, estruturando as súas pinturas en grandes pregos de papel tecidos, pregados ou perforados en forma de discos, mapas e partituras. Traballa con espazos reticulares e redes curvas que aluden a espazos infinitos, propiciando un diálogo interdisciplinario que permita os entrecruzamentos de arte e ciencia.

Outra das pezas de "Cosmoloxías". Fonte: irenedubrovsky.com.
Outra das pezas de “Cosmoloxías”. Fonte: irenedubrovsky.com.

Dubrovsky presentou o seu traballo en numerosas exhibicións, entre elas a Bienal de La Habana (Cuba), coa exposición Cartografías Satelitales, así como na Bienal de Curitiba e a Bienal de Cuenca. A súa obra Mapas de la alteridad espúxose no Palacio Exipto de Lisboa e no Centro Pére Prune de Barcelona, ademais de no Instituto de Cultura de México en Viena e Madrid. Outras obras destacadas que itineraron por centros de arte internacionais foron Vuelo de Cronos (Museo Universitario del Chopo, México), Universos Progresivos (Galería Puerta Roja, Hong Kong) e World Maps (Galería Couturier, Los Ángeles). Na actualidade, desenvolve o proxecto Un espejo de agua para las estrellas para o xardín botánico de Oaxaca, en México.

Publicidade

Coloquio entre ciencia e arte

Á mostra, que poderá visitarse ata o 15 de marzo, súmase un coloquio entre a artista e distintas personalidades do mundo da arte e a ciencia que acollerá o Centro ABANCA Obra Social o 6 de marzo ás 19:30 horas. Participarán o escritor Agustín Fernández Mallo, o físico e pintor David Crooks, a decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón, o físico José Edelstein e a cantante Uxía, e a moderadora do encontro, a xornalista Ainhoa Apestegui.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un ciclo de divulgación científica leva a investigación sobre Galicia a seis vilas do Camiño de Santiago

A iniciativa de Observer ‘Camiños de Ciencia’ celebrarase entre setembro e novembro con charlas gratuítas arredor da arqueoloxía, xeoloxía ou astronomía

O físico Antón Baleato incorpórase ao IGFAE: “Quero axudar a construír rede e cultura científica en Galicia”

O cosmólogo creará o seu grupo de investigación no centro para impulsar o proxecto ACCELENS, beneficiado cunha Starting Grant

Do CERN ao Revenidas: a ciencia sobe ao escenario con máis de dez relatorios da man do IGFAE 

O festival acollerá por primeira vez en Galicia unha iniciativa que aposta por achegar a investigación á sociedade a través das palabras de trece investigadores nacionais e internacionais