Científicos da USC patentan un dispositivo para revalorizar o sangue da industria cárnica

Investigadores da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC patentan un dispositivo que permite revalorizar o sangue e outros subprodutos da industria cárnica. A instalación inventada polo profesor da área de Máquinas e Motores Térmicos da USC José Manuel Magide e polo enxeñeiro de Industrias Alimentarias Hiram Varela Rodríguez, posibilita a transformación de sangue cru en fariña de sangue, un produto ben cotizado e con múltiples aplicacións industriais.

A nova instalación e dispositivo que veñen de patentar estes investigadores da USC presenta importantes vantaxes respecto doutros sistemas xa operativos no mercado. A transformación do sangue en fariña de sangue é unha técnica moi pouco espallada na industria cárnica, segundo indica José Manuel Magide, xa que “os mecanismos actuais que transforman sangue líquido en fariña de sangue implican procesos máis custosos e reportan un produto final dunha calidade sensiblemente inferior á que posibilita a instalación patentada en maio pola USC”, sinala.

Publicidade

A fariña de sangue é un produto ben cotizado no eido industrial

O dispositivo inventado na EPS posibilita que proceso de conversión do sangue en fariña descorra a unha temperatura moi suave, o que, a diferenza da aplicación de tratamentos a altas temperaturas, minimiza o deterioro proteico do sangue, que non ve así afectadas as propiedades orixinais dos seus compoñentes, ao tempo que mantén un valor ou cotización moi alta no mercado. Outra das vantaxes que presenta a nova instalación patentada atinxe a cuestións de aforro ou optimización enerxética. Magide explicou neste senso que “a fonte de enerxía para o secado que se emprega no sistema que vimos de patentar provén dos propios efluentes residuais da industria cárnica, o que garante un custo máis baixo”.

Apenas un mes despois de acadar a patente do seu invento e logo de que o seu proxecto xa recibira premios outorgados polos Colexios de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e tamén pola USC, José Manuel Magide e Hiram Varela, avalían na actualidade diversos escenarios para, primeiro, executar o seu invento e, logo, proceder á súa implantación nun matadoiro e industria, a fin de poder testar o seu rendemento e, de ser o caso, introducir modificacións ou melloras orientadas á optimizar o proceso. Outra das opcións contempladas pasa pola venda da patente, indicaron.

O dispositivo da EPS minimiza o deterioro proteico e aforra enerxía

O prezo da execución do dispositivo e a instalación proposta é elevado, sinala Magide, quen cifra entre 180.000 e 400.000 euros o seu custe, en función da cantidade de sangre procesada. Esta necesaria inversión inicial xeraría retorno a curto prazo e en menos de cinco anos xa estaría a xerar beneficio, dixo Magide, quen tamén sinalou como vantaxes do seu invento o seu deseño “modular e flexible” e a aplicación de “procesos respectuosos co medio ambiente” para converter un residuo altamente contaminante, como é o sangue , nun produto valioso e cotizado.

A xestión do sangue como residuo orgánico foi durante anos a solución máis estendida nas industrias cárnicas e implica custosos tratamentos de depuración que non permiten a revalorización dos seus compoñentes, algúns moi ben cotizados no mercado, tales como o son os aminoácidos esenciais, albumina, fibrina…, e con múltiples aplicacións industriais.

O novo invento patentado por José Manuel Magide Ameijide e Hiram Varela permitiría investir radicalmente esta situación, xa que este novo dispositivo posibilita solucionar a xestión do sangue como residuo e valorizalo a través da súa transformación en fariña. Este novo produto, cuxa cotización oscila entre 500 e 1.300 euros por tonelada, presenta moitas aplicacións. De feito, a fariña de sangue é apta para a elaboración de pensos, pero tamén na industria química e farmacéutica (cosméticos, reactivos, colorantes…) na alimentación humana (emulsións, panadería, xeles, embutidos…) ou mesmo ten aplicacións para filtros antigás, extintores, emulsións asfálticas, antídotos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aceites de ourego e tomiño para controlar o impacto da flora na muralla de Lugo

Científicos da Escola Politécnica Superior demostran que o uso destes produtos son unha "alternativa respectuosa" para a conservación do monumento

A Academia Galega de Ciencias entrega os seus premios de Transferencia de Tecnoloxía

O presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, aposta por que a ciencia de calidade leve os seus resultados á empresa

Lugo acolle a primeira cuberta reticular do mundo feita con eucalipto

A estrutura, realizada pola Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural da USC, izouse no Campus Terra, cunha I+D cen por cen feita en Galicia

Premio de Transferencia en Galicia a un proxecto para facer fariña co sangue dos matadoiros

A Academia de Ciencias e a GAIN galardoan tamén un dispositivo anticontaminación e as lentes de contacto de HGBeyond