Xoves 28 Marzo 2024

Castañazo ás súas alerxias

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

Acordámonos delas nos magostos, pero fóra dos meses de outono afixémonos a desprezar as castañas, que foron básicas na nosa alimentación ata a invasión americana do millo e a pataca. Resulta que neses tempos de modernidade e abandono do rural, as castañas vólvense converterse en alimento salvador contra a miríade de alerxias que asolagan as tripas dos habitantes da metrópole. Practicamente ninguén é alérxico ás castañas, o sector da alimentación decatouse e empeza a recuperalas.
Tal idea é unha das que roldou aos impulsores do proxecto Senalergal, unha iniciativa de cinco empresas medianas galegas que se aliaron para evitar malas dixestións aos seus consumidores con alerxias. Trátase das marcas Alibós, Daveiga, Montiño, Prestes, Kiwi Atlántico e Bioselección, especializadas, respectivamente, nas castañas, as galletas, os embutidos, os queixos, os kiwis e os produtos biolóxicos. O proxecto, que conta con financiamento da Axencia Galega de Innovación a través do programa Conecta Peme, permitiu crear bolos e embutidos sen glute ou queixos sen lactosa, para ledicia dos intolerantes a estas substancias, aproveitando as materias primas dos participantes.

A compañía exporta case toda a produción do froito

No proxecto interviñeron técnicos dos laboratorios de Anfaco, do Centro Tecnolóxico da Carne e da Universidade da Coruña, segundo explica Rocío Freire, responsable de Calidade de Alibós, compañía baseada en Monterroso (Lugo). “Contamos co asesoramento de Pepe Solla, que participou en catas conxuntas e nos deu indicacións sobre cuestións organolépticas, para adaptar os produtos ao uso hostaleiro”, explica Freire.
En Alibós (vén de Alimentos do Bosque), empezaron a fixarse nas castañas a mediados dos oitenta, despois dunha etapa inicial máis centrada no cultivo de cogomelos. Agora convertéronse nun dos principais transformadores de castaña de Galicia, que á súa vez está á cabeza de España en produción do froito. Case toda a que recollen e compran a pelan, conxélana e expórtana. “Máis do 90%, mandámola a países da UE, a Suíza, a Estados Unidos ou a Xapón“, indica Freire, que sinala que no país nipón o gusto pola castaña está tan estendido que ata algunha multinacional das barriñas de chocolate creou variedades con castaña exclusivas para ese mercado.

Alibos4
A planta de Alibós.

“Nos EUA enchen con elas os pavos do Día de Acción de Grazas, e en Suíza úsanse moito para crear un puré doce ao que chaman vermicelles”, conta. “Co proxecto Senalergal tiñamos un obxectivo dobre: crear un novo produto e valorizar subprodutos do pelado e conxelado. Tratamos de desenvolver un semiprocesado, un produto intermedio entre a castaña crúa e o puré elaborado. Teriamos unha castaña cocida e triturada para subministrar a industrias que elaboran puré e evitaríanse parte do procesado”.
En Galicia, en cambio, o consumo segue sendo “moi pequeno”. “Traballamos para potencialo. Axudou a creación da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e a través da hostalaría, que a vai introducindo en pratos que combinan moi ben como ela, como é a carne de caza,” indica a experta, que esboza unha teoría sobre a reticencia que segue tendo o gran público. “O consumo tradicional vaise recuperando pouco a pouco. Durante a guerra era maioritario, era o único que había e quitou moito a fame, e quizais por ese recordo a xente aínda é remisa a volver usalo na cociña”.

Publicidade

“Senalergal crea un novo produto e valoriza subprodutos”

Alibós transforma entre seis e sete millóns de quilos de castaña ao ano, tanto que ten que comprar en parte de Portugal ou Cáceres porque a produción en Galicia non alcanza ás súas necesidades. En parte por ese motivo están a desenvolver outros proxectos, centrados na produción, que de frutificar supoñería ademais a recuperación dos soutos da bisbarra da Ulloa. “Levamos uns anos querendo potenciar a recuperación e plantación tradicional de castiñeiros, que por motivos de éxodo da poboación e o seu envellecemento foi quedando máis abandonado”, sinala Freire, que constatou que as plantacións ou se deixan de lado ou se substitúen por outras máis centradas na produción de madeira de piñeiro ou eucalipto. “Agora ou plantamos nós mesmos ou asesoramos os propietarios para que planten variedades con bo rendemento industrial e de pelado. Ocupámonos do coidado durante o crecemento e da recollida”. Ata o momento plantaron 300 hectáreas de castiñeiros novos que esperan ter disposto para producir nun prazo curto.
Esa é a primeira pata, a segunda consiste en conseguir volver irmandar aos castiñeiros cuns vellos socios, os cogomelos. Inoculamos micorrizas para que no chan se xeren fungos, combinamos as raíces dos castiñeiros cos cogomelos”, apunta Freire, que aposta por este desenvolvemento conxunto que recupera a simbiose tradicional. E por enriba, devolvendo as abellas aos bosques para incentivar a polinización e conseguir mellores resultados. “Estudamos a instalación de alvarizas en soutos abandonados que estamos recuperando”. Todo un ecosistema reanimado se prospera a idea, apoiada nun proxecto con financiamento europeo coa colaboración do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), dependente do Ministerio de Economía. Con plantacións que abranguen dende Lalín e Agolada a Os Ancares, o desquite da castaña está en camiño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Festa da pisa da castaña: manter o vínculo coa terra no Courel

A aldea de Froxán, nunha das zonas salientables do xeoparque da Unesco, acolle esta celebración gastronómica e etnográfica

Dairylac: como dar valor aos lácteos e apostar pola economía circular

A empresa, baseada en Melide, transforma as materias primas e investiga para obter bioplásticos a partir dos seus subprodutos

Daveiga: o pan do século XV que arrasa na Galicia do XXI

A empresa chantadina vai camiño do seu terceiro ano consecutivo posicionada entre as empresas europeas de maior crecemento grazas as súas Galletas Mariñeiras

Crean na UVigo un dispositivo que captura e almacena CO2

Un dispositivo capaz de capturar e almacenar CO2 en poscombustión ou...