Menhires en Galicia: do Cristal á Lapa de Gargantáns

As pedras altas da cultura megalítica non teñen no territorio galego e do norte de Portugal unha presenza tan notable como as mámoas

Lapa de Gargantáns (esquerda) e croquis do menhir de Cristal (der.).

O galo Obélix tería pouco traballo na terra dos antigos galaicos. Porque, mentres a nosa terra é rica en mámoas, os menhires escasean ata o punto de que non é doado atopar exemplos destes megalitos nin en Galicia nin no norte de Portugal.

Por iso é importante a chamada Lapa de Gargantáns, un menhir que non ofrece dúbidas sobre a súa identificación como monumento datado no Neolítico, mentes que se manteñen debates sobre outros atopados en Galicia.

Situado no concello de Moraña, en Pontevedra, a Lapa de Gargantáns mide 192 cm de altura e 50 de diámetro, ten forma cónica e base cadrada. Na súa superficie aparecen unha vintena de cazoletas gravadas, xunto a varias marcas en forma de ángulo e dúas liñas serpenteantes. Foi atopado en 1958 e incorporado ao escudo do municipio pola súa importancia histórica.

Máis complicado é determinar a natureza doutros menhires atopados no país. Un dos máis importantes está situado moi próximo ao dolmen de Axeitos, no lugar de Cristal, no concello de Ribeira. Está emprazado a só 1,5 km en liña recta e atópase plantado en vertical no xardín dunha casa, cuxos propietarios afirman que descubriron este megalito nun terreo a uns cen metros e soterrado en posición horizontal baixo uns dous metros de terra.

Dolmen de Axeitos: a alfaia da arte megalítica

A pesar das complicacións para a súa adscrición crono-cultural, varios estudos apoian a súa autenticidade como monumento megalítico, por exemplo apuntando á súa decoración con cazoletas, algo común nestas obras como sucede por exemplo no menhir de Gargantáns. A arqueóloga Vitoria Villoch, que entrevistou aos descubridores, salienta que xunto ao menhir tombado, que mide uns 250 centímetros, foron atopadas unhas pedras que supoñen que servían como calzos. Se estas rochas fosen de cuarzo, este feito sería transcendente, xa que foi sinalado este material construtivo como significativo para esa función no fenómeno tumular galego .

O menhir de Cristal é un fito arqueolóxico a engadir ao dolmen de Axeitos, xa que en Galicia e o Norte de Portugal prodúcese un fenómeno inverso ao do Alentejo e o Algarve. Se alí abundan os menhires, aquí escasean ata o punto de que apenas poderiamos sinalar a xa mencionada Lapa de Gargantáns, en Moraña (Pontevedra), descuberta en 1958 e a única que non expón dúbidas. Poderían engadirse a este megalito outros cuxa adscrición crono-cultural segue en debate como a ‘Pedra Chantada’ de Vilalba, ‘A Pedra Alta’ de Cortegada e, en menor medida, os menhires da Veiga.

Nos últimos tempos, hai aberto un novo debate sobre os menhires en Galicia. De feito, algúns estudos chegan a sinalar máis dun cento no país, identificándoos como ‘pedrafitas’. Pero o debate sobre a súa natureza segue aberto, con interpretacións de que moitas destas pedras poderían non ter unha orixe na cultura megalítica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.