Sábado 27 Abril 2024

Científicos galegos reconstrúen o misterio dos machados prehistóricos

O arqueólogo do Incipit Xosé Lois Armada dirixe o proxecto, no que tamén participa o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo

Durante as fases finais da Prehistoria europea, principalmente durante a Idade do Bronce e os inicios da Idade do Ferro, grandes cantidade de bronce foron enterradas en forma de depósitos illados, coñecéndose especialmente depósitos de machados de bronce que suman varias toneladas. Esta práctica amosa unha intensidade especial na Europa atlántica e, a pesar dunha longa tradición investigadora e as extensas discusións científicas, segue suscitando numerosas incógnitas. Para contribuír ao seu coñecemento, desde o ano 2018 desenvólvese un proxecto estatal dirixido por Xosé Lois Armada, investigador Ramón y Cajal do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) de Santiago, e no que tamén participan Beatriz Comendador e Aaron Lackinger, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

A investigación, que leva por nome Producción y deposición masiva de bronces plomados en la transición Bronce final-Edad del Hierro de la Europa atlántica (Atlantaxes), conta con financiamento do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade a través da convocatoria de Proxectos Retos. O obxectivo deste proxecto, explican os seus promotores, é analizar unha manifestación especialmente enigmática deste fenómeno: grandes depósitos de machados aparentemente non utilizados e con aliaxes pouco funcionais (altas cantidades de chumbo e/ou estaño) que aparecen en varios lugares da fachada atlántica europea durante a transición Idade do Bronce final–Idade do Ferro.

Publicidade

Fabricación dos machados

“Nós estamos integrados no proxecto principalmente para a parte experimental. Estamos experimentando para intentar coñecer certas particularidades da cadea técnica operativa da produción do bronce ternario, con cobre, estaño e chumbo”, comenta Beatriz Comendador. Os primeiros experimentos de fundición de bronce xa foron realizados a finais de setembro e principios deste mes de outubro no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo, localizado no Parque Tecnolóxico de Galicia, contando coa colaboración infraestrutural da Vicerreitoría do Campus de Ourense. A actividade foi conducida por Beatriz Comendador e Aaron Lackinger en colaboración con Xosé Lois Armada e coa participación ademais de diversos investigadores e colaboradores, como Cristina Incio, Benito Vilas e Diego Torres.

Algúns dos machados utilizados nos experimentos. Fonte: Duvi.
Algúns dos machados utilizados nos experimentos. Fonte: Duvi.

Os experimentos desenvolvidos no CITI consistiron en diversas probas de fundición de machados de tope para testar as posibilidades da súa cadea técnica operativa na Prehistoria. “Moitos destes machados de bronce foron realizados cunha aliaxe de tipo ternario, cunha alta concentración de chumbo, que xa chamou a atención de diversos investigadores, suscitando diversas cuestións de carácter tecnolóxico e funcional”, comenta Beatriz Comendador. Segundo explica a arqueóloga, nos experimento realizados traballouse co prototipo dixital dun machado de tope real, que foi “suavizado e retocado para obter o modelo en ABS nunha impresora 3D”. Posteriormente, detalla, foron fundidas varias réplicas en bronce ternario (cobre, estaño e chumbo) aplicando e controlando diversas variables.

Os resultados serán sometidos a estudos arqueométricos nos próximos meses por parte doutros investigadores do proxecto, como Ignacio Montero, do CSIC de Madrid, e Marcos Martinón, profesor na Universidade de Cambridge. “En función dos resultados deste estudo orientarase o que vamos a facer nos próximos experimentos, que desenvolveremos o vindeiro ano”, indica por último Beatriz Comendador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo demostra a falta de parentesco entre as persoas enterradas xuntas hai 5000 anos

Un equipo investigou as relacións de 58 individuos inhumados na submeseta norte da península ibérica durante as idades de Cobre e Bronce

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos