Venres 26 Abril 2024

Lembremos hoxe a Roberto Blanco Torres: cumpre 130 anos

O poeta e xornalista naceu en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e foi asasinado polos fascistas en 1936 tras unha vida de escritura valente

Hoxe, este xoves 18 de marzo de 2021, é un gran día para lembrar a Roberto Blanco Torres, poeta e xornalista, cun galeguismo que consideraba a política como un espazo de encontro e unha parte esencial da dimensión humana. Seica por isto foi asasinado o 3 de outubro de 1936, como tantos outros galegos bos e xenerosos, vítima da violencia e da ignorancia.

Roberto Blanco Torres naceu en Cuntis o 18 de marzo e 1891 e, froito dunha fonda formación clásica, destacou decontado coma un escritor enorme. Cando lle dedicaron en 1999 o Día das Letras Galegas, os críticos coincidiron en que a súa obra poética, por riba da súa beleza, tiña unha xigantesca intensidade expresiva. Pero non é raro: porque Blanco foi sempre intenso. Sempre combativo. Esas cousas que fan moi perigosos aos tipos que saben escribir.

Publicidade

Non é que sexa triste, senón patético ata o ridículo, que un galeguista liberal coma el tivese que morrer dun xeito que algúns compararon coa infamia que se fixo con Federico García Lorca. O 2 de outubro de 1936, despois de pasar un tempo na prisión provincial de Ourense, foi ‘paseado’ polos falanxistas, que o asasinaron e soterraron nunha fosa común no concello de Entrimo. Hai un vello artigo abraiante do seu sobriño neto, o catedrático de Dereito da USC Roberto Blanco Valdés, no que explica perfectamente por que ante tanta ignorancia e barbarie, non hai nada que explicar… Non é doado ter moito que dicir ante algo tan brutal e tan absurdo, como a sarta de crimes que aconteceron nunha Galicia que non viviu a guerra: viviu o terror.

Roberto Blanco, con Castelao, Antón e Ramón Villar Ponte e Antón Losada.

Pero coñecendo os artigos de Blanco Torres semella obvio que el tería escrito o mellor texto sobre a súa propia morte. Articulista combativo, cunha forza na palabra que o fixo mítico en Galicia, colaborou en ducias de cabeceiras da súa época e dirixiu xornais como El Correo Gallego, de Ferrol, El Noroeste ou El País, que se editaba en Pontevedra. Tamén foi redactor xefe de El Pueblo Gallego. E colaborou con todo canto xornal poidamos imaxinar na súa época.

Antes diso estivo en Cuba, onde fundou e dirixiu publicacións importantísimas, ao tempo que participaba na efervescencia galeguista da Habana daquela época, a mesma onde naceron o himno e a bandeira. E todo isto dende un agrarismo que pasou a galeguismo e rematou nunha fonda convicción republicana. De feito, anos mais tarde, foi membro da dirección executiva da Federación Republicana Gallega. Tamén foi Fundador da Asociación Galega de Escritores. E  aceptou ser gobernador civil de Palencia durante un breve tempo nos primeiros anos da República. Do mesmo xeito que foi perseguido polos seus artigos en varias ocasións durante a mesma época republicana.

Roberto Blanco Torres, homenaxeado no Día das Letras de 1999, hoxe cumpriría 130 anos. Lembrémolo polo seu xeito de escribir, pola trascendencia da súa obra xornalística, pola súa palabra combativa e a súa enerxía política conciliadora, pero tamén polo feito irracional e dramático como foi asasinado aquel día de outubro de 1936.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses