Vista aérea do castro da Lanzada.

Guía de viaxe para descubrir aos galaicos

A provincia de Pontevedra alberga algúns dos xacementos que máis datos revelan sobre a vida e o legado deste pobo

“Todo o que non se parecía á cultura mediterránea era etiquetado como bárbaro e atrasado, pero nos galaicos está unha das culturas máis interesantes do occidente de Europa durante a Idade de Ferro”, sosteñen os investigadores. E á beira do Atlántico, onde se cría que terminaba o mundo coñecido, mais tamén na porta cara o gran océano, quedan aínda hoxe moitos vestixios que podemos percorrer a carón das Rías Baixas. Estes son algúns deles.

Santa Trega

O xacemento de Santa Trega. Desde o alto do monte do mesmo nome, controla desde hai moitos anos a desembocadura do río Miño. É un poboado galaico-romano ocupado desde o século IV a. C. ata o século I d. C. O seu sistema construtivo reflicte a tradición castrexa, na que predominan as construcións circulares cunha arquitectura defensiva e doméstica. Cunhas 20 hectáreas de superficie, é un dos maiores castros atopados ata agora en Galicia, e  iso que só se escavou ata o momento un 5 % da súa superficie total. Unha parte do poboado destaca polas casas-patio, formadas por distintas estancias agrupadas ao redor dunha zona común. As familias deste barrio manexaban un enxoval doméstico marcado pola presenza masiva de cultura material romana. As cabanas aséntanse directamente sobre a rocha nai, os seus muros están recubertos de cal e area e no seu interior algunhas posúen bancos encastados.

Entre os anos 2015 e 2016 realizáronse importantes achados, como unha cabeza pétrea, ánforas e lucernas romanas, pezas de Terra Sigillata, fragmentos de labras decoradas, unha cunca millefiori (única no norte de Península), un puñal lexionario, o remate dun torque de ouro e máis de 42.500 pezas. Santa Trega é, sen dúbida, un dos legados patrimoniais máis importantes das Rías Baixas e de Galicia.

A Lanzada

Este xacemento, situado no municipio de Sanxenxo, moi preto da praia do mesmo nome, non é un castro. Neste caso acolle, entre outros restos, unha factoría de salgaduras que ocupa unha extensión considerable nun emprazamento privilexiado entre as rías de Pontevedra e de Arousa, con boas zonas de fondeo e minas de estaño na contorna inmediata. Foi, sen dúbida, un importante núcleo comercial, sen evidencias de fortificación, excepcional pola súa arquitectura e con solucións construtivas moi avanzadas e sen comparación no mundo galaico; pola súa actividade económica, con numeroso gando bovino, restos de équidos e de grandes concheiros que remiten a unha actividade marisqueira especializada. Tamén se documentan pías que se relacionan con parte dunha factoría de salgadura, a primeira deste tipo documentada no noroeste peninsular.

Ata hai pouco considerábase que os romanos trouxeran á costa galega este tipo de industria. Porén, os achados na Lanzada demostran que os galaicos xa elaboraban estes produtos douscentos anos antes da chegada de Roma. Un dos elementos que converten A Lanzada nun xacemento singular é a súa extensa necrópole. O cemiterio data de entre os séculos II e VI e nel exhumáronse un total de 102 individuos, dos cales 43 poden adscribirse ao período tardío. Pero non só se morría na Lanzada en época tardía. Descubriuse unha gran estrutura rectangular de cachotaría cun pórtico lateral vinculada coa necrópole que data de entre os séculos IV e V e que posiblemente se tratase dunha pequena igrexa.

A factoría de salgadura da Lanzada expón que esta industria xa existía en Galicia antes dos romanos

Monte do Facho

O monte do Facho, un miradoiro natural situado na península que separa as rías de Vigo e Pontevedra, acolleu ao longo dos séculos distintas expresións. No século X a. C. foi un poboado, desde o século IV a.C. ao I d.C. foi un castro galaico e ao longo dos séculos II e IV d.C. asentouse na cima un santuario na honra do deus Lar de Beróbriga. Todos estes trazos aínda se conservan a día de hoxe. Este santuario, único da Idade de Ferro, onde se desenvolvían diferentes rituais, reflicte a evolución de ritos e crenzas que segue existindo en época romana cando se depositaron centos de altares dedicados a este deus.

A Cabeciña

Castro da Cabeciña, en Oia. Fonte: galaicos.depo.gal.
Castro da Cabeciña, en Oia. Fonte: galaicos.depo.gal.

A Cabeciña sitúase en Oia, na costa suroeste de Galicia. Neste lugar, cunha ampla panorámica sobre o Atlántico, levantouse un recinto fortificado mediante a construción dunha muralla monumental. Nesta paisaxe sitúase unha estación de arte rupestre na que destacan os gravados de combinacións circulares incompletas engarzadas unhas con outras, excepcionais en Galicia e idénticos aos documentados na fase final do megalitismo en sitios como o dolmen de Gavrinis na Bretaña francesa.

Castro Landín

O xacemento de Castrolandín, en Cuntis, foi unha aldea agrícola situada nun esporón granítico ao pé do fondo do val do río Galo. Existe unha vivenda que imita o modelo de casa-patio, formada por distintas dependencias. O antigo acceso ao castro péchase e ábrese cunha nova entrada monumental con torreóns e unha escalinata no extremo noroeste. A familia que a habitou concentra gran parte dos bens de importación de orixe cartaxinés e romano, sobre todo contedores de viño. Os achados do castro mostran a existencia de contactos comerciais, coa presenza de cerámica de orixe púnico e romano, pero tamén producións da Meseta como a fíbula de cabaliño.

Monte do Castro

O xacemento de Monte do Castro en Ribadumia exerce o control do territorio ao emprazarse sobre un alto desde onde se domina o val final do río Umia, con visibilidade directa sobre unha ampla paisaxe. Nos séculos III e II a. n. e. o castro sofre unha gran transformación: as antigas cabanas de materiais perecedoiros abandónanse e as defensas do asentamento adquiren unha gran monumentalidade.

Adro Vello

A vila romana de Adro Vello sitúase en San Vicente do Mar, no Grove. Alí documentáronse restos que formaban parte dunha pequena fábrica de salgadura, en uso nos séculos I e II, sobre a que se constrúe posteriormente unha vila baixorromana. Como no caso do xacemento veciño da Lanzada estableceuse aquí unha necrópole funeraria. En época sueva levantouse un novo centro relixioso, en uso durante os séculos VI e VII.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.