Galaicos, un pobo entre dous mundos: o percorrido por 2.000 anos de historia

Chega a Pontevedra a exposición que amosa o legado dos antigos poboadores de Galicia a través de 20 xacementos arqueolóxicos da provincia

“Galaicos. Un pobo entre dous mundos” é un percorrido por 2.000 anos de historia de Galicia, a través de 20 xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra. Unha viaxe polo patrimonio histórico e cultural das Rías Baixas, que é unha das zonas de España con maior densidade de depósitos arqueolóxicos. Trátase dunha exposición didáctica movida por un fío conductor que atravesa os distintos momentos históricos, o patrimonio cultural e os xacementos máis emblemáticos.

O noroeste peninsular foi, pola súa posición xeográfica, o punto de encontro entre a cultura e o comercio atlántico e mediterráneo, entre dous mundos diferentes que deixaron a súa pegada na terra dos galaicos. Así, esta mostra expón a forma de vida daquela sociedade e a influencia que outras culturas pudeiron exercer nela e na transformación do territorio. Investigacións arqueolóxicas recentes amosaron, grazas ao material achado nos xacementos, a presenza de elementos propios da cultura mediterránea.

Publicidade

Segundo explica no vídeo promocional da Deputación de Pontevedra Alfredo González-Ruibal, arqueólogo e científico no CSIC, sempre existiu certo desequilibrio: a alta cultura era aquilo parecido ao mediterráneo, e o que non, semellaba barbarie ou primitivo. Neste sentido, a exposición pretende ser unha reinvindicación: “Os bárbaros non eran exactamente tan bárbaros”. José Suárez, arqueólogo e coordinador científico na intervención no Monte do Facho, define esta cultura como unha das máis orixinais e creativas da Idade do Ferro do occidente europeo.

Cada obxecto é unha pequena cápsula do tempo que contén información sobre o modo de vida do pobo galaico. Ademais do valor arqueolóxico, os obxetos reflicten unha realidade e son mediadores entre a actualidade e o pasado. Deste xeito, durante o percorrido mostrase a evolución da sociedade e a súa forma de vida dende a prehistoria ata a antigüidade tardía.

Publicidade

A exposición chegou este venres 4 de outubro ao Museo de Pontevedra, despois de visitar o Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), en Madrid e o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Valencia. Desde estes días, e ata o 2 de febrero de 2020, a exposición atoparase no Museo de Pontevedra (martes a sábado de 10.00h a 21.00h; domingos e festivos de 11.00h a 14.00h), con entrada gratuita.

Fío condutor

O percorrido comeza cun audiovisual que amosa e sintetiza a idea principal da exposición: o papel de Galicia como punto de conexión entre dous mundos. Despois a viaxe pasa por distintas etapas, dende o final da Idade de Bronce (1500 a.C.) ata finais do século VI. Un total de 7 etapas, das que se expoñen os xacementos e achados que mellor amosan a realidade que se vivía. Na Idade de Bronce atópase a Cabeciña de Oia, na costa suroeste, onde se atoparon gravados idénticos aos da fase final do megalitismo na Bretaña francesa.

Na Idade de Ferro atópase a maior concentración de gravados rupestres de Europa, no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro.

Entre o 400 e o 19 a.C. comeza a apertura das rutas marítimas, que deixou a súa pegada no xacemento do Alobre, na ría de Arousa, e o de Monte de Castro en Ribadumia.
Dos séculos I e III consérvase o único exemplo de salina mariña de evaporación solar do Imperio Romano, na cidade de Vigo. Desta etapa tamén se destaca a vila marítima da illa de Toralla, clave da entrada á ría de Vigo.

Os séculos que pechan a exposición son do cuarto ao sexto, co renacemento cultural traído pola elite grecorromana, cando se edificaron a vila romana de Adro Vello, en San Vicente do Mar (O Grove) e o Museo Quiñones de León, no antiguo pazo da Lavandeira.

A viaxe conclúe cun vídeo con abraiantes tomas aéreas, que convidan a visitar as estructuras e as súas paraxes. A converxencia de tradicións culturais e a actividade comercial converten o noroeste peninsular nun enclave único que combina valor histórico, paisaxe e tradición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades