Venres 26 Abril 2024

‘Fotos’ en 3D para conservar o mosteiro de San Martiño Pinario

Un traballo dun investigador da USC desenvolve unha modelaxe do edificio compostelán para contribuír á súa preservación

O mosteiro benedictino de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela é un dos edificios máis destacados do casco antigo da cidade, e clave para comprender a historia compostelá. Estes días acapara a actualidade despois do anuncio do procedemento para declaralo como Ben de Interese Cultural de cara ao ano 2021. E acaba de ser tamén o banco de probas para un traballo liderado polo enxeñeiro Simón Peña, do departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo, para desenvolver unha modelaxe do edificio en tres dimensións. O traballo, que tamén asinan Mariluz Gil e Juan Ortiz, foi publicado na revista Measurement, e enmárcase na tese de doutoramento de Simón, que inclúe outros traballos na zona histórica da cidade e no rexistro 3D de petróglifos.

“A relevancia principal do traballo do mosteiro de San Martiño é que mediante medios moi básicos conséguese obter un modelo 3D de unha calidade suficiente para múltiples aplicacións de estudo e conservación patrimonial”, explica Peña. Este tipo de análises son cada vez máis usadas para avaliar o estado de diversos elementos patrimoniais e acometer posibles reformas.

Publicidade

A fachada da igrexa, segundo conta Simón, “reúne as condicións idóneas para a aplicación da técnica da fotogrametría, a amplitude e pendente da praza de San Martiño permite unha toma fotográfica cómoda da fachada dende distintas perspectivas, o cal garante obter resultados de calidade con esta técnica”. Do mesmo xeito a “excepcional” relevancia artística da fachada, con “esculturas e formas xeométricas complexas” permite que “a técnica da fotogrametría pode mostrar o seu gran potencial”.

A fotogrametría para conservar e difundir o patrimonio

Non podemos conservar o que non coñecemos“, expón o investigador. Deste xeito, as novas ferramentas de modelaxe “documentan a posición, forma e cor exacta dos bens patrimoniais nun momento determinado no tempo, permitindo unha conservación, estudo e divulgación máis eficiente e atractiva”. É unha ferramenta moi interesante en elementos como os petróglifos, para detectar formas e motivos que ás veces son complicadas de observar a simple vista.

A análise de San Martiño permitiulle a Simón Peña, que tamén está iniciando un proxecto profesional coa marca Xeodron, analizar outros edificios do casco histórico compostelán con esta mesma técnica, como as “fachadas do Hostal dos Reis Católicos, praza da Inmaculada ou a estreita rúa da Troia, onde o limitado espazo dificulta notablemente aplicación da técnica”, apunta.

A análise tamén se estende a outros edificios históricos que na actualidade están en proceso de restauración, como o mosteiro de Sobrado dos Monxes. Neste caso, “o obxectivo é obter un modelo 3D do exterior e interior da igrexa unha vez sexa restaurada”. Deste xeito, di Simón, o traballo “permitirá obter planos de detalle do edificio e será empregado para a divulgación dende aplicacións web onde os visitantes poderán visualizar directamente o modelo 3D”.

Hai uns días, con Xeodron, Simón Peña presentou outro dos traballos de modelado en 3D, correspondentes á igrexa de Santiago de Cereixo, en Vimianzo, onde se expón con gran nivel de detalle o uso destas tecnoloxías.

Na actualidade, as técnicas de fotogrametría estanse nutrindo dos avances tecnolóxicos e do uso de vehículos aéreos como os drones para a toma de datos e técnicas de impresión 3D para a presentación de resultados.


Referencia: Desktop vs cloud computing software for 3D measurement of building façades: The monastery of San Martín Pinario (Publicado en Measurement).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un xigantesco mapa 3D dá a medida máis precisa da expansión do universo

O instrumento DESI cartografa galaxias e cuásares e mide a velocidade de crecemento do cosmos hai entre 8.000 e 11.000 millóns de anos

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro

Á venda unha casa que forma parte do mosteiro cisterciense de Montederramo

Familias, negocios e unha escola pública ocuparon dependencias do convento após da desamortización e ata entrado o século XXI