Mércores 8 Maio 2024

Arquivo Valle-Inclán: consulta 4.500 documentos e 80.000 imaxes do xenial escritor

Máis de vinte anos de traballo de investigación ven por fin a luz. O Grupo de investigación Valle-Inclán da USC (Givius), presentou este martes na Facultade de Filoloxía o Archivo Digital Valle-Inclán (1888-1936), un portal que contén o fondo documental, bibliográfico, iconográfico e gráfico do escritor, con 4.500 documentos e 80.000 imaxes dixitalizadas. Pode consultarse libremente e está dispoñible en versión trilingüe: galego, español e inglés.

O fondo bibliográfico e documental do GIVIUS, segundo a USC, “constitúe a orixe e soporte do Arquivo Dixital Valle-Inclán, e é produto da adquisición paulatina das obras do autor publicadas en vida e da persistente indagación hemerográfica en bibliotecas locais, estatais e internacionais, que permitiron recompilar una extensa tipoloxía de material textual, iconográfico e gráfico, fundamental para reconstruír e documentar episodios biográficos de Ramón del Valle-Inclán, o seu pensamento estético e político, o peculiar proceso de escritura e publicación das súas obras, así como trazar a traxectoria e posición da produción valleinclaniana no campo literario do seu tempo”.

Publicidade

Arquivo dixital de autor

O modelo de arquivo dixital de autor empregado deseñouse para analizar a complexa obra de Valle-Inclán, que describe a produción do escritor vilanovés e permite reconstruír tanto a secuencia creativa dun texto como a súa múltiple rede de relacións profesionais e artísticas. A sistematización e explotación dese vasto corpus requiría a posta en marcha dunha base de datos e o desenvolvemento dunha ferramenta web que permitise a catalogación, visualización, consulta e exportación da información, algo posible grazas ao traballo do grupo Enxenio-LBD da Universidade da Coruña e do Cesga, onde se aloxa o Arquivo Dixital. O LBD atesoura unha ampla experiencia na creación de bases de datos e sistemas de información así como de bibliotecas dixitais e recuperación da información no campo específico das Humanidades. Precisamente o auxe das humanidades dixitais foi posto en valor polo vicerreitor Vicente Pérez Muñuzuri, que avanzou que se trata “dunha das liñas estratéxicas en investigación da USC”.

Portada do arquivo dixital Valle-Inclán.

Así, o arquivo non é, segundo aclaran os seus impulsores, simplemente un repositorio ou biblioteca dixital da obra do escritor, senón que constitúe un potente recurso de investigación grazas ao modelado de datos e ao buscador avanzado implementado, que permite, entre outras posibilidades, obter nunha consulta a historia textual dunha obra, rastrexar concordancias ou o visualizar a rede de máis de 2.000 suxeitos tecida polo escritor cos axentes e organismos consignados.

A directora do grupo Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, fixo no acto un relatorio do proxecto dende os seus inicios. “Cando nos reunimos coa empresa Enxenio-LBD e nos preguntaron que era o que queríamos conseguir coa arquivo respondémoslles cun “todo”, contou. E, en efecto, “agora calquera persoa interesada poderá gozar coa iconografía ou as ilustracións, baixar as obras orixinais, importar citas textuais para traballos de investigación, achar os xornalistas que o entrevistaron, os ilustradores dos seus libros, os artistas que o retrataron, as institucións e os organismos que frecuentou, os xornais onde publicou…”, explicou a profesora Santos. “En definitiva –dixo- o noso obxectivo é devolverlle á sociedade o que nos prestou con fondos públicos”.

No acto de presentación, que presidiu o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, interviñeron, ademais de Margarita Santos, a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; a xestora do Archivo Digital Valle-Inclán, Carmen Vílchez; o director do CESGA, Mauro Fernández; a profesora da Universidade da Coruña e membro do Grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD), Ángeles Saavedra Places; e María José Malmierca, do CESGA.

Presentación do arquivo Valle-Inclán. Foto: USC.

Amplo equipo

O equipo interdisciplinar que levou a cabo o deseño e construción do Arquivo foi dirixido no ámbito académico por Margarita Santos Zas e integrado por Rosario Mascato Rei, Francisca Martínez Rodríguez e Carmen E. Vílchez Ruiz, quen, ademais, realizou os labores de coordinación co equipo informático do Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña dirixido por Ángeles Saavedra Places e Eduardo Rodríguez López. No ámbito académico tamén foi fundamental o traballo de procura, compilación e sistematización do fondo documental desenvolvido por Javier Serrano Alonso.

O Arquivo Dixital Valle-Inclán é unha realidade grazas ao financiamento dun Proxecto de Investigación do MICINN e ás axudas concedidas ao GIVIUS en dúas convocatorias consecutivas do programa Grupos de Consolidación e Estructuración de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas

Que é e como funciona o novo computador cuántico de Galicia?

A máquina máis grande e potente de España e do sur de Europa inaugurouse esta mañá no Centro de Supercomputación de Galicia

CESGA e Fujitsu crean un centro en Galicia para desenvolver e impulsar a tecnoloxía cuántica

O obxectivo é promover a investigación neste campo e atraer investimento para abordar os retos que afronta a sociedade actual

O primeiro computador cuántico de Galicia: estas son as chaves para entendelo

A recente adquisición do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) pode ter aplicacións en ámbitos como a saúde e a intelixencia artificial