Martes 19 Marzo 2024

A ciencia pon luz no suceso de Allariz que matou 25 persoas e ‘salvou’ os curas

A análise sobre a caída dun raio na igrexa de San Salvador de Piñeiro, en 1902, rescata unha das meirandes traxedias producidas por este fenómeno

Na mañá do día de San Xoán de 1902 estase a oficiar un funeral na igrexa de San Salvador de Piñeiro, en Allariz. Varios cregos presiden a cerimonia no altar. Algunhas persoas asisten ao acto e, non lonxe de alí, cunha calor abafante, un bo número de labregos realizan o seu labor nunha temporada de alta actividade no campo. O calmuzo xa avanzaba que, en calquera momento, unha treboada podería descargar na zona. Así foi, e os campesiños, mollados e suorentos, corren a refuxiarse no templo.

Prodúcese entón un suceso que, cos anteollos daquel tempo, tiña todas as compoñentes para ver nel algún tipo de acción divina: un raio impacta no campanario da igrexa e a descarga eléctrica, sen lugar para evacuar, percorre as paredes e o chan da igrexa. Entre a descarga e o derrubamento de parte da bóveda do edificio, os danos causan a morte de 25 persoas e feren de gravidade outras 40. Os curas, no altar, lonxe do derrubamento e da aglomeración dos fieis, resultan ilesos. Que aconteceu, e como pode explicar a ciencia aquel suceso tráxico? Un artigo de investigación publicado na revista Cadernos de Atención Primaria da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) analiza o vivido aquela mañá do 24 de xuño de 1902 en Allariz. O traballo está asinado por Roberto Fernández Álvarez, médico do centro de saúde da vila alaricá, o historiador Antonio Blanco Rodríguez, profesor xubilado do IES A Carballeira de Ourense, e o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira Pérez.

Publicidade

Unha serie de catastróficas coincidencias

O artigo analiza as claves meteorolóxicas e médicas que confluíron para o fatal desenlace. Segundo os rexistros que existen, o suceso de Allariz é, con moita probabilidade, unha das maiores catástrofes provocadas directamente pola caída dun raio das que se ten constancia. E foron varias as catastróficas coincidencias que se uniron na traxedia, segundo explica o catedrático Jorge Mira.

En primeiro lugar, o propio templo e a súa localización. “As igrexas adoitaban ser os edificios máis altos das aldeas, e ademais os campanarios adoitan acabar en punta, con cruces de ferro. Son, por tanto, o obxectivo ‘perfecto’ para cumprir co coñecido ‘efecto punta’, que describiu Benjamin Franklin, un efecto físico que fai que as cargas dun corpo se tenden a separar o máis posible entre elas e, por tanto, móvense cara ás zonas extremas”, conta Mira. Así, o campanario, pese a atoparse co mesmo potencial que o chan, atópase a unha menor distancia da nube, en cuxa base, nos momentos nos que se forman as treboadas, está nunha tensión moi alta.

Na actualidade, a meirande parte dos campanarios están dotados dun sistema para evacuar as posibles descargas eléctricas cara á terra, os coñecidos como pararraios. Pero a igrexa de San Salvador non o tiña, e a enorme carga buscou os ocos por onde puido, rebentando pedras, destruíndo parte da bóveda e atravesando moitos dos corpos presentes no templo. Ademais, engade Mira, a propia igrexa estaba nun promontorio cun substrato composto, en parte, por materiais ferrosos, o que aumentou a condutividade no momento da descarga.

Vítimas do suceso, no chan da igrexa. Foto: Luis Fernández Pérez.
Vítimas do suceso, no chan da igrexa. Foto: Luis Fernández Pérez.

No referente ao fenómeno eléctrico que xerou o raio, o lugar tamén era acaído para que se producise unha traxedia. Os investigadores falan de dúas claves fundamentais. En primeiro termo, a propia xestación das células tormentosas, que “teñen a súa orixe na rápida elevación de grandes masas de aire quente e húmido, cun ascenso vertical que pode formar torres de máis de 10 km de altura.” Este “arrefriamento e posterior caída do vapor dende a parte superior desas torres ioniza a atmosfera, ata crear diferenzas de potencial de varias decenas de millóns de voltios entre a parte baixa da torre e a superficie terrestre”.

As condicións que fan posible este proceso son habituais en áreas da provincia de Ourense durante os meses centrais do ano: “un quecemento moi rápido da superficie terrestre, que provoque intensas evaporacións, e ventos laterais frouxos durante o proceso de formación das torres de nubes, que eviten que estas se trunquen”.

O outro factor que contribuíu á fatalidade está nos propios corpos que morreron por mor do raio. Tal e como expoñen os autores do artigo, a mestura da calor abafante e a auga caída na treboada converteu os labregos suorentos e mollados en vítimas propicias. “A gran cantidade de falecidos atopa a súa explicación non só no número de persoas que acode ao enterro, senón o daqueles labregos que, coas súas roupas empapadas pola choiva, se refuxiaron na igrexa, o que provocou un amontoamento de corpos mollados, en posible contacto uns con outros”, contan.

Mais tamén a suor foi decisiva, probablemente “o máis relevante do caso”. Un factor vinculado directamente ás causas da morte anotadas polos expertos que tiveron que certificar os óbitos. “Se a epiderme se atopa cuberta de suor, como sería o caso de moitos dos asistentes, en particular os que viñan de traballar, a electricidade percorre a superficie vaporizando a suor e a humidade cun efecto explosivo que pode desposuír á vítima de zapatos e roupa, se ben deste xeito atenúase en parte a circulación interna da corrente. Isto explicaría o aspecto de chamuscadura, con ignición das roupas e parte da pel dalgunhas vítimas“, engaden os autores do traballo. Fan referencia ás testemuñas dalgunhas das crónicas do suceso, que expoñen que “a varios dos feridos a corrente eléctrica arrincoulles a pel, carbonizándolles os tecidos”.

Por que se libraron os curas?

Unha vez resolta a cuestión sobre o tráxico desenlace de boa parte dos presentes na igrexa, cómpre centrarse, como fai o artigo, nas razóns que libraron aos sacerdotes que oficiaban o funeral nunha escena mortal. “Ademais de estar afastados do centro do sinistro, con seguridade usarían calzado illante, de piso de goma ou sola“, postulan os autores do traballo. Pola contra, os fregueses, humildes e con poucos recursos “calzarían zocos con remachados con ‘ferras’ metálicas que potenciaron o efecto da descarga”, e outros mesmo irían descalzos.

“Asfixia branca”

A análise aborda tamén as causas concretas da morte dalgunhas vítimas. Parte delas faleceron polo impacto do derrubamento da bóveda do tempo. Pero outras pereceron por mor do que se coñece como “asfixia branca”, así definida polo aspecto co que quedan os corpos inertes. Nalgúns casos, os corpos quedaron semi-carbonizados, pero noutros, a visión era moi distinta. “Se a corrente penetra ao interior do corpo, percórreo polas vías de menor resistencia: o sistema nervioso e os vasos sanguíneos. A nivel cardiovascular pode dar lugar a unha parada ventricular que conduce á asistolia, a cal, por cesamento da perfusión, produce unha coloración cutánea pálida”, expoñen os investigadores. Esta é a asfixia branca.

Así o describiron testemuñas como o escritor Neira Cancela, que deixou dito: “No presbiterio, á beira do altar maior, había unha fermosa moza en indolente actitude. A boca entreaberta e riseira; a longa trenza da súa loura cabeleira servía de apoio á súa cabeza xentil, e diríase que o fragor da tempestade aletargara os seus sentidos: non parecía un cadáver, parecía un anxo durmido coas ás encartadas”.

A desaparición da igrexa de San Salvador de Piñeiro

Monolito de homenaxe ás vítimas da traxedia de Allariz, a carón da estrada OU-320. Fonte: Google Street View.
Monolito de homenaxe ás vítimas da traxedia de Allariz, a carón da estrada OU-320. Fonte: Google Street View.

O templo, hoxe desaparecido, situábase moi preto da actual estrada OU-320, que une Allariz e Taboadela. De feito, a rúa que parte da ponte do río Arnoia e se corresponde con esta estrada recibe o nome de rúa do Piñeiro. Porén, a catástrofe deixou unha fonda pegada na zona. Non se repararon os danos, e na década de 1920 a igrexa desmontouse e parte das pedras aproveitáronse para construcións novas.

Hoxe en día, os únicos vestixios no lugar son algunhas pedras da construción orixinal e un monolito que rende homenaxe “ás infortunadas vítimas da catástrofe acontecida o 24 de xuño de 1902”. O suceso é bastante descoñecido en Galicia, e mesmo en Allariz, a pesar de ser unha das meirandes traxedias vinculadas a un raio da que existe constancia. E tampouco está exento de misterio, por mor das peculiares circunstancias que o rodearon. Unha reportaxe de Cuarto Milenio rescatou a historia no ano 2019, e acabou motivando a investigación sobre a que agora, 119 anos despois, a ciencia tenta poñer algo máis de luz.


Referencia: A asfixia branca: mito e realidade de vintecinco mortes por un raio (Publicado en Cadernos de Atención Primaria).

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Atopan unha estela funeraria de 2.000 anos nun xacemento de Allariz

O xacemento de Armea amplía as súas dimensións cunha nova intervención arqueolóxica

As últimas vítimas humanas do lobo en Galicia: pode pasar outra vez?

Varios episodios de ataques de cánidos a persoas rexistráronse nos séculos XIX e XX no país: o último mortal produciuse en San Cibrao das Viñas en 1974

Atopan unha cabeza antropomorfa do século I en Armea (Allariz)

A nova campaña de escavacións na Cibdá, cunha importante ocupación na época romana, achega novos froitos sobre a cronoloxía do enclave