Elena Vázquez Cendón, co mapa de Fontán. Foto: Anxo Iglesias.

Elena Vázquez Cendón, co mapa de Fontán. Foto: Anxo Iglesias.

“A Carta é coma un ‘Big data’ da Galicia de hai 200 anos”

A decana da Facultade de Matemáticas da USC lembra a figura do xeógrafo, que cita sempre nas súas clases e charlas de divulgación

Unha das primeiras cousas que fixo Elena Vázquez Cendón ao tomar posesión como decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela foi colocar no seu despacho a Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán. Para ela é unha obra esencial na súa carreira, que transmite sempre que pode nas clases e nas charlas divulgativas que imparte. Porque o mapa foi tamén unha ferramenta científica que se seguiu empregando durante moitos anos para o desenvolvemento do territorio, a través das estradas, os camiño de ferro e outras infraestruturas que hoxe vertebran o país.

– Cando escoitou falar por primeira vez de Fontán?

– Unha das primeiras referencias que teño del foi cando souben que era un dos matemáticos que estaba no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago. É un sitio que ten moito sabor a saber, e os matemáticos temos a sensación de que somos unha porcentaxe moi pequena en moitos sitios. E ver que estaba alí, xunto ao matemático Rodríguez, pareceume algo moi valioso.

E despois, cando coñecín a existencia da Carta Xeométrica, eu que me adico á simulación en zonas costeiras, e que teño moi presente a importancia da xeometría do territorio, empapeime nela. E desde ese momento, Fontán acompañoume sempre; sempre falo del nas charlas, nas clases, porque é moi importante contar que alguén fixo unha obra así aquí en Galicia.

– Conta moitas veces a importancia da Carta para que se desenvolveran infraestruturas que hoxe vertebran o territorio. Pode poñer algúns exemplos?

– Gonzalo Méndez, profesor da Universidade de Vigo e moi bo coñecedor da súa figura, sempre conta que Fontán pensou desde o comezo na Carta Xeométrica como o punto de partida para comunicar Galicia por estrada e por ferrocarril. E iso é máis admirable aínda, porque se demostra que pensou en Galicia non só como científico, senón como cidadán comprometido con ela. Non puxo lindeiros, senón que abriu camiños. E hai que pensar que partiu de cero, non había nada antes del.

Os primeiros trazados de ferrocarrís, nos que el mesmo participou, fixéronse sobre Fontán. E despois, todos os trazados de estradas – e moitas delas fixéronse no tempo no que a Carta tivo maior vixencia, ata mediados do século XX – seguen os camiños marcados por el.

E o que tamén descoñece moita xente é que en Galicia fomos pioneiros nisto; grazas a Fontán tivemos un adianto de moitas décadas respecto ao resto do Estado e a outros territorios, cunha innovación enorme. O propio Otero Pedrayo contaba que utilizaba o Fontán como a súa guía de viaxe para percorrer Galicia, polo preciso que era. Para min, a Carta é un gran ‘Big data’ da Galicia de hai 200 anos.

Elena Vázquez amosa a Carta Xeométrica. Foto: Anxo Iglesias.

Elena Vázquez amosa a Carta Xeométrica. Foto: Anxo Iglesias.

– Por que xorde precisamente aquí unha obra tan importante como a Carta?

– Polas mesmas razóns polas que xorden, en moitos casos, os grandes polos de coñecemento. Fontán foi un gran científico, pero tamén un moi bo estudante que tivo un gran mestre: Xosé Rodríguez. Rodríguez foi outro gran innovador, un visionario que se adicou a facer, que quixo e respectou moito a Galicia, pero que tamén aprendeu moito do que acontecía fóra. Estaba moi en contacto coa escola francesa e mesmo foi convidado polo zar de Rusia a dirixir o observatorio de San Petersburgo. E aí está a clave: non se trata só de mirar cara a adentro, senón tamén de ser permeable ao que vén de fóra.

E os dous viron que era importante saír, pero saír para volver, para aplicar o aprendido en Galicia. Rodríguez foi unha semente de coñecemento, e todo apunta a que retou dalgún xeito a Fontán a que fixese a triangulación de Galicia.

Hai tamén unha parte moi importante de querencia polo territorio, de implicación política, pero para facer, non para sacar partido. Lembro que nunha lección maxistral de apertura de curso, Enrique Vidal Abascal decidiu falar da importancia dos matemáticos no rexurdimento cultural de Galicia en vez de falar de xeometría diferencial, porque lle pareceu que iso era máis compartible e entendible.

E nisto Fontán foi un referente tamén. El sentiuse orgulloso de ter honrado a Galicia como deputado no Congreso, e de non ter mediado nin pedido emprego nin para el nin para ninguén. Era unha persoa cunha gran conciencia social, de servizo á sociedade.

– Como cambiou a historia de Galicia?

– As achegas que todos facemos pódense referenciar de moitos xeitos. E as referencias xeográficas, é dicir, vincular feitos a xeografías, fannos coñecer mellor moitas cousas. Digamos que a Carta Xeométrica é o nivel 0 desde o que podemos construír moitos niveis novos.

Aínda que pensemos en global, temos que ter os pés na terra. E creo que Fontán nos puxo os pés na terra, fíxonos saber onde estabamos, para axudar a movernos. É como se nos dese unha aplicación moi moderna para conectarnos coa nosa contorna.

– Sendo tan relevante, por que non é tan célebre e coñecido como outros galegos ilustres?

– O que tamén dicía Vidal Abascal era que a universidade ten que achegar aos galegos unha maior conciencia da nosa personalidade como pobo e como cultura. E a veces o que pasa é que non estamos suficientemente orgullosos do que temos, e non estamos afeitos a aplaudir ás persoas que nos fixeron medrar.

Fontán resolveu problemas, máis ca crealos, e pode que por iso non ocupou titulares. El tivo a humildade suficiente para non trazar fronteiras no mapa, demostrou que moitas fronteiras son mentais, que fan que a xente non recoñeza o suficiente o traballo que fan os outros.

Temos que valorar máis ás persoas que suman, e Fontán, neste senso, foi unha figura moi importante. Alguén pouco coñecido, pero moi recoñecido. A Domingo Fontán si que se lle recoñeceu o que fixo, pero en baixiño, e temos que ser altofalantes do seu traballo.

E máis hoxe en día, nun mundo tan dominado polas comunicacións, a trigonometría é algo esencial, o gran ‘para que’ das matemáticas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.