Tomas Lindahl. Foto: Holger Motzkau.
Tomas Lindahl. Foto: Holger Motzkau.

Tomas Lindahl, Nobel de Química 2015, visita Galicia en novembro

O científico sueco, experto na reparación do ADN, abrirá a 25ª edición do Encontro Galego Portugués de Química o 20 de novembro

O Programa Conciencia de divulgación científica, que leva xa 13 anos traendo ata Galicia a numerosos expertos mundiais, entre os que destacan un bo número de Premios Nobel, anunciou este venres que Tomas Lindahl, Nobel de Química en 2015, visitará Santiago de Compostela no mes de novembro. Lindahl será o encargado de abrir o XXV Encontro Galego Portugués de Química, que terá lugar na cidade do 20 ao 22 de novembro. Continúa así a 14ª edición do programa Conciencia, que en maio deste mesmo ano contou cunha das persoas que sucedeu ao investigador sueco: Ben Feringa, Nobel da mesma disciplina en 2016.

Naceu en Estocolmo en 1938 e estudou Medicina no Instituto Karolinska, onde desenvolveu o seu interese pola bioquímica e se doctorou en 1967. Durante a súa etapa postdoutoral nas Universidades de Princeton (Nova Jersey) e Rockefeller (Nova York), decatouse de que os ARN transferentes, uns pequenos ácidos nucleicos implicados na fabricación de proteínas, se degradaban espontaneamente ao seren quentados.

Esta observación marcaría a súa futura carreira científica, xa que se preguntou se o ADN, o ácido nucleico que codifica a nosa información xenética, podería sufrir unha descomposición semellante. Tras volver a Suecia como profesor de química médica e fisiolóxica á Universidade de Gothenburg, o traballo pioneiro de Lindahl demostrou que o ADN é unha molécula intrinsecamente inestable, levándoo a postular que as células deben contar con sistemas de reparación eficientes que aseguren o mantemento da súa estabilidade xenómica.

Nos seguintes anos, o seu laboratorio identificou numerosas enzimas de reparación, o que lle permitiu definir e reconstituír o mecanismo universal de reparación por escisión de bases. As contribucións de Lindahl permitiron abrir un novo campo de investigación con profundas implicacións na nosa comprensión da bioloxía molecular básica e da aparición de enfermidades xenéticas, así como no desenvolvemento de novas terapias antitumorais.

Todos estes avances levaron ao xurado dos Nobel a outorgarlle o galardón na categoría de Química en 2015, xunto aos seus colegas Aziz Sancar e Paul Modrich.

Ademais dos seus logros científicos, segundo expoñen desde a USC, tamén debe recoñecerse o mérito de Tomas Lindahl na concepción dos laboratorios de Clare Hall, dos que foi o seu primeiro director desde 1986 ata 2005. Baixo o seu liderado, este pequeno centro de investigación ao norte de Londres converteuse nun dos centros de referencia a nivel mundial no estudo dos tres erres do metabolismo do ADN: Reparación, Recombinación e Replicación.

Na actualidade, Tomas Lindahl continúa como científico emérito no Instituto Francis Crick de Londres. Ademais do premio Nobel, Lindahl recibiu outros premios de gran relevancia, como a Medalla Real da Royal Society en 2007, o Prix Etranger do INSERM (2009) e a Medalla Copley da Royal Society en 2010, o galardón científico máis antigo do mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.