Toda a información do movemento cooperativo galego, nun clic

O asistente virtual Saves forma parte dun proxecto de Mª José Cabaleiro e Carlos Iglesias, investigadores do centro Ecobas da UVigo

Entre 1330 e 1400 cooperativas existen na actualidade en Galicia, destacando pola súa importancia as dos ámbitos do cooperativismo agrario e o cooperativismo de traballo asociado. Mentres o primeiro agrupa tanto a pemes, como a grandes empresas, o segundo está integrado, sobre todo, por microempresas de todos os sectores, onde tamén coexisten experiencias cooperativas doutras clases, como as cooperativas do mar, servizos sociais, consumo, vivenda, transportes ou servizos financeiros. “Todas elas conforman o movemento cooperativo galego que, ano tras ano, consolida a súa implantación en Galicia”, explica a docente e investigadora do centro de investigación Ecobas da Universidade de Vigo, María José Cabaleiro Casal, que xunto ao tamén docente e investigador Carlos Iglesias Malvido traballan desde o ano 2011 nun proxecto de investigación centrado neste ámbito.

Precisamente ao abeiro deste traballo, os investigadores de Ecobas puxeron en funcionamento Saves, Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, un asistente virtual que da acubillo á información máis relevante do movemento cooperativo galego, “centralizada nun único espazo e accesible a golpe de clic”, que pretende ser unha ferramenta de traballo para todos os axentes implicados no cooperativismo e na economía social en xeral. Fronte á dispersión en fontes estatísticas diversas que presenta a día de hoxe a información sobre cooperativismo en Galicia e á ausencia dunha serie histórica con datos comparables no tempo, Saves publica progresivamente os seus resultados a través dunha aplicación web. “En realidade, en cada unha das fases do proxecto incorpóranse indicadores e resultados novos, que van na liña das necesidades á que cada unha delas trata de dar resposta”, detalla Cabaleiro, que lembra que o terceiro informe, Perfil económico-financeiro da cooperativa galega, xa está dispoñible desde esta semana, amosándose nel indicadores individuais por cooperativa, de xeito que calquera empresa poida ter o seu perfil económico financeiro e comparalo cos indicadores globais ou da súa clase dispoñibles no segundo informe.

Publicidade

Contido e acceso aos informes

O asistente virtual desenvolvido polos investigadores de Ecobas está a disposición de todo o público no referido a información básica e non protexida, mentres que aos informes teñen acceso as cooperativas; a administración pública, especialmente a Subdirección Xeral de Economía Social; as principais asociacións do sector: Agaca e Espazocoop; e o persoal investigador das tres universidades galegas. “Así mesmo, unha vez que remate a actividade, os resultados poden servir de referencia para estender o asistente ao conxunto das entidades da economía social”, explica Cabaleiro, que salienta que os datos son recompilados por persoal contratado para o proxecto, e a partir de aí son tratados para seren reconvertidos en indicadores sociais, económicos e financeiros axeitados para as sociedades cooperativas, un labor que é responsabilidade do persoal investigador de Ecobas. O mérito “está no traballo de compilar toda a información, dispersa en fontes moi variadas, procesada con criterios e metodoloxías específicas, distintas ás aplicadas para as empresas convencionais e publicada de forma descontinua no tempo. Os membros da Escola de Estudos Cooperativos son conscientes da ardua tarefa que está permitindo construír Saves”, sinala o investigador Carlos Iglesias.

Saves conta co co-financiamento do centro de investigación Ecobas da Universidade de Vigo e das entidades da Rede Eusumo, en particular da Subdirección Xeral de Economía Social, dependente da Consellería de Emprego, Economía e Industria da Xunta. Colaboran ademais as unións de cooperativas galegas Espazocoop e Agaca e a Escola de Estudos Empresariais de Vigo, “que estivo con nós desde o inicio desta idea, pondo a nosa disposición os seus espazos e a súa desinteresada colaboración”, destacan Cabaleiro e Iglesias.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

A UVigo participa no descubrimento dunha gran fusión que marcou a infancia da Vía Láctea

A investigación na que colabora o catedrático Fernando Aguado identifica os restos dunha galaxia anana absorbida hai uns 12.000 millóns de anos

Científicos galegos avalan as terapias con realidade virtual para persoas con dano cerebral adquirido

Dous estudos pioneiros demostran a eficacia dun modelo baseado en 'exergames' que combina estimulación física e cognitiva