Vista aérea da depuradora de Ourense. Fonte: acuaes.com.
Vista aérea da depuradora de Ourense. Fonte: acuaes.com.

Sete depuradoras galegas serán analizadas para alertar de rebrotes da Covid-19

A Universidade de Santiago, Augas de Galicia, Sergas e varias empresas de xestión da auga asinan un convenio para desenvolver protocolos de detección

A detección do SARS-CoV-2 a través das augas residuais das depuradoras é un método de investigación que se está a desenvolver en numerosos países desde as primeiras semanas da crise da Covid-19. Nalgúns casos, as análises permitiron atopar restos do coronavirus mesmo antes de que se confirmaran os primeiros positivos pola infección. En Galicia tamén se desenvolveron iniciativas neste sentido, como as realizadas na Coruña ou Ourense, que constataron a circulación do virus nestas cidades. E esta liña de traballo guiará un novo proxecto no que participan institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, Augas de Galicia e varias empresas encargadas da xestión e tratamento da auga.

O convenio asinado este luns, cunha duración de dous meses, regula unha unha colaboración científico-técnica que permitirá efectuar unha alerta temperá sobre a presenza do coronavirus mediante o seguimento dos residuos xerados nas depuradoras. A ferramenta permitirá, no caso de ser necesario, efectuar unha alerta temperá sobre a aparición de brotes por SARS-CoV-2, “con tempo de antelación para tomar as medidas acaídas para a mitigación da extensión do proceso infectivo”, explican desde a USC. A investigación inclúe os lodos tratados así como os residuos de desbaste, areas e graxas.

Metodoloxía

Serán obxecto de análise sete EDAR de Galicia, tomando como criterio as súas diferencias tecnolóxicas, a prevalencia do virus nos concellos ás que dan servizo e o posible rebrote debido á recepción de poboación procedente doutros territorios. En concreto, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Ribeira, Sanxenxo e Viveiro serán as localizacións analizadas. As mostras serán procesadas en tres pasos: concentración de virus, extracción do ARN viral e detección e cuantificación do ARN por RT-qPCR usando dous xenes. Asemade, trataranse os datos obtidos para estimar o comportamento do SARS-CoV-2 e o seu material xenético nos compartimentos e correntes da EDAR, coa axuda dun modelo matemático de simulación de tratamento de auga.

O acto de sinatura do convenio desenvolveuse este luns no Centro de Estudos Avanzados da USC e tomaron parte no mesmo o reitor Antonio López, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; e Juan Manuel Lema Rodicio do Instituto CRETUS; xunto aos representantes das empresas operadoras da auga.

O convenio recolle unha colaboración científico-técnica entre diversas entidades para analizar a posible presenza do SARS-CoV-2 nas depuradoras. Foto: Santi Alvite.
O convenio recolle unha colaboración científico-técnica entre diversas entidades para analizar a posible presenza do SARS-CoV-2 nas depuradoras. Foto: Santi Alvite.

Antonio López, logo de facer un relatorio das distintas iniciativas de colaboración desenvolvidas pola USC dende o inicio da crise motivada pola pandemia da Covid-19, como é o caso da produción de xel sanitizante ou a cesión de equipamento de protección, afirmou que “o maior valor que temos fronte a esta situación son as nosas capacidades investigadoras”. Con este proxecto “o coñecemento dá un paso máis na mellora das condicións de vida da sociedade”. Deste xeito, “poñemos ao servizo da sociedade os nosos recursos máis valiosos e asumimos o liderado da nosa contorna”, declarou o reitor.

Juan Lema, pola súa parte salientou que este proxecto permitirá realizar un seguimento ou mesmo previr a incidencia do virus. Neste sentido, as experiencias previas xa desenvolvidas indican que o virus pode estar presente no intestino mesmo con antelación á súa manifestación clínica, o que explicaría a presenza de material xenético en lodos de depuradora. A experiencia asociada a este proxecto permitirá validar o sistema de alerta con tecnoloxías distintas en cidades diversas.

Na súa intervención a titular de Infraestruturas e Mobilidade, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, agradeceu o traballo dos profesionais da auga e  a súa actuación “exemplar” durante a pandemia. “Con anticipación, con planificación, con plans de continxencia, con provisión suficiente de material e, moitas veces, con importantes sacrificios profesionais, ocupáronse de que, en todo momento, tivésemos auga de calidade”, sinalou.

Alén da USC, a través do seu Instituto Cretus, e de Augas de Galicia, tomarán parte nesta investigación membros do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ‘Alvaro Cunqueiro’, baixo a coordinación de Benito Regueiro García; así como as empresas operadoras Aqualia (Vigo e Ribeira), Emafesa (Ferrol), Espina y Delfín (Sanxenxo), Gestagua (Lugo), e Viaqua (Ourense e Viveiro), realizando a toma de mostras e as analíticas de caracterización dos parámetros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.