Parte dos autores do primeiro volume 'Marco Numérico' do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Imaxe cedida por Xosé Díaz.
Parte dos autores do primeiro volume 'Marco Numérico' do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Imaxe cedida por Xosé Díaz.

Así se fai unha revista científica desde Vila de Cruces

Pode un instituto dunha pequena vila galega poñer en marcha unha revista de investigación que cumpra cos criterios de revisión por pares, acorde ao método científico e co seu correspondente abstract en inglés en cada artigo? Na súa xusta medida, a resposta é afirmativa. O IES Marco do Camballón de Vila de Cruces lanzou hai uns días o primeiro número de Marco Numérico, unha publicación de investigación matemática impulsada polos propios estudantes e escrita en galego. Este centro participa tamén noutro proxecto ben interesante que desenvolven varios institutos do país: a Nosa, a Axencia Espacial Galega.

Todo xurdiu ao abeiro da asignatura optativa de Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º de Bacharelato, segundo explica o profesor Xosé Díaz, docente do departamento de Matemáticas do centro cruceño. “Pareceunos o momento axeitado. Os rapaces xa tiñan unha bagaxe e un coñecemento suficientes para asumir a responsabilidade dun proxecto así”.

Cada un dos artigos dos alumnos de Vila de Cruces inclúe unha revisión por pares e un ‘abstract’

Un dos obxectivos do profesorado era que os estudantes perderan o medo a un proxecto que podería parecer reservado a grandes grupos editoriais e investigadores cunha traxectoria moito máis dilatada. “Non é preciso un coñecemento tan profundo para facelo – reflexiona Díaz – porque cando un está realizando unha investigación científica, moitas veces ten que recorrer a expertos doutras disciplinas para completar os seus artigos; ninguén pode ser especialista en todo”.

Baixo esta idea, a do traballo colaborativo, desenvolvéronse as investigacións. Pero o consello editor de Marco Numérico non puxo o carro diante dos bois. Os primeiros cálculos que fixeron, antes dos realizados para cada un dos sete artigos da revista, foron os do financiamento. Obtiveron unha axuda da Consellería de Educación para lanzar en papel unha primeira tirada. E entón seguiron adiante.

“Arredor de varios puntos da materia, fomos propoñendo traballos, nos que os propios estudantes investigaban, traballaban e sacaban conclusións. Traballamos sempre en grupos, corrixindo, buscando posibles melloras e avanzando en conxunto”, lembra Xosé Díaz.

Alumnos do instituto que participan en "Marco Numérico".
Alumnos do instituto que participan en “Marco Numérico”.

E sen perder nunca de vista os estándares do mundo académico. Así, ademais da revisión por pares derivada do traballo en común, incluíuse tamén o abstract (resumo en inglés) que debe levar todo artigo. Para isto contaron co apoio do departamento de Inglés do instituto, do mesmo xeito que o departamento de Lingua Galega analizou e revisou o contido dos sete artigos escritos no noso idioma para garantir a súa excelencia.

O resultado é unha publicación de 76 páxinas que promete ter continuación nos vindeiros cursos. “Nestas idades, os rapaces teñen unha capacidade creativa enorme e moita curiosidade. Moitas veces fan un traballo que, alén das avaliacións e os proxectos que teñen que presentar, acábase perdendo. E este é un xeito de conservalo”, expón Xosé Díaz.

O número 1 de Marco Numérico, que conta cun limiar da decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, xa se pode descargar da web do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Nas próximas entregas, segundo explica o profesor, a idea é abrir a revista a traballos doutros centros educativos. “Xa o tivemos en conta á hora de pensar no título da revista; fixemos o plantexamento de ‘Dentro do marco’ para os traballos do instituto e de ‘Fóra do marco’ para as propostas que nos cheguen doutros lugares”.

Aquí podes descargar o número 1 de Marco Numérico.

Índice de artigos:

A Lei de Benford. Estudo descritivo. Este artigo busca validar descritivamente a coñecida Lei de Benford, que afirma que os números presentes na nosa vida diaria comezan maioritariamente pola cifra 1. Tras recompilar os números presentes nun xornal nunha data concreta, realízase a análise de frecuencias correspondente. As conclusións do estudo dinnos que a Lei de Benford “empeza a manifestarse coa variabilidade de datos na súa procedencia, na referencia, no punto en que así crebamos a estrita aleatoriedade e introducimos múltiples influencias que afectan á distribución dos datos”.

Descrifrando o Enigma. Unha das técnicas de descifrado de textos en clave é a análise de frecuencias. Unha vez que temos a análise de frecuencias das letras do texto en clave poñémolo en relación coas frecuencias das letras do idioma de referencia no que está composta a mensaxe. A partir de aí establécense correspondencias que usamos como clave para desencriptar a mensaxe orixinal.

Chove ou non chove? Partindo do rexistro de datos da estación local da rede de Meteogalicia, situada na parroquia de Camanzo, modelízase a evolución das precipitacións como un modelo estocástico. Isto permite estimar as probabilidades de estado chove ou non-chove nun día concreto para o concello de Vila de Cruces se o día anterior choveu ou non.

O teorema dos infinitos monos. Este é un coñecido resultado de teoría da probabilidade que non deixa de resultar sorprendente. No artigo analízase a probabilidade de que un conxunto de monos (de 1 a infinitos exemplares) escriba a palabra CAMBALLÓN sobre un teclado. O enfoque do traballo é dobre: probabilístico e estocástico.

Modelo para o cálculo das pensións. A reforma das pensións do ano 2013 introduciu un novo modelo de cómputo para as pensións que ten suscitado numerosos debates. O artigo analiza as distintas etapas de implantación desta lei a través dos coeficientes de axuste que se aplican á base reguladora, a fin de obter información sobre a tendencia no tempo do sistema de pensións.

Correlación de magnitudes exoplanetarias. O artigo analiza a correlación de magnitudes asociadas a exoplanetas confirmados a partir dos datos do NASA Exoplanet Archive. Realízanse varios contrastes de hipóteses para ver de estudar que magnitudes (raio e masa planetaria, período orbital, excentricidade, raio estelar, densidade, distancia á estrela) inciden sobre o fenómeno do tránsito, unha certa variación na luminosidade dunha estrela provocada polo paso do planeta por diante dela.

Método de calibración do sensor de ozono MQ131 para placa Arduino. Este traballo pon de relevo de que maneira as matemáticas e os métodos numéricos e estatísticos están relacionados coa robótica. O fabricante do sensor de ozono MQ131 para placa Arduino non subministra o sensor calibrado, isto é, o sensor recolle datos asociados á concentración de ozono presente, pero non devolve o valor desa concentración. O artigo sistematiza un método de calibración deste tipo de sensores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.