Venres 29 Marzo 2024

Unha exposición da Academia de Ciencias achega as melloras da Química á nosa vida diaria

A exposición "Química para un mundo mellor" poderá verse no claustro do Pazo de Fonseca de Santiago ata o vindeiro 30 de outubro

Canto se reduciu a mortalidade infantil grazas ás vacinas e os antibióticos? Como foi o proceso que permitiu a síntese dos fertilizantes de nitróxeno, que hoxe alimentan arredor da metade da poboación mundial? Como se pode converter unha substancia procedente dunha especie mariña nun fármaco antitumoral? As respostas a estas cuestións e a moitas máis poderán verse na exposición “Química para un mundo mellor“, que desde este xoves e ata o vindeiro 30 de outubro está aberta no claustro baixo do Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela por iniciativa da Real Academia Galega de Ciencias.

A mostra consta de 20 paneis nos que se describen algúns dos fitos da química aplicada e o seu impacto na sociedade, tendo en conta o traballo das industrias galegas neste aspecto. Despois da súa estadía en Santiago, a exposición, producida por GCiencia, percorrerá nos vindeiros meses outras cidades e vilas galegas.

Publicidade

O acto de inauguración contou coa participación do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o vicerreitor de Planificación e Proxección Exterior da USC, Gumersindo Feijoo; o presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez; e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan M. Lema Rodicio. “Química para un mundo mellor” enmárcase na conmemoración neste 2019 do 150º aniversario da creación da táboa periódica, e da homenaxe que a RAGC rende ao químico Tomás Batuecas como protagonista do Día da Ciencia en Galicia, que se celebra o vindeiro martes 8 de outubro.

O conselleiro Francisco Conde destacou da exposición: “Aquí podemos ver como a industria química foi, e é, un elemento moi importante para comprender a relevancia que teñen o coñecemento, a formación e a investigación no progreso de Galicia”. Pola súa parte, o presidente da RAGC que iniciativas como esta mostra “contribúen a desmontar a visión negativa, e moitas veces inxusta, que se ten cara á Química hoxe en día. Grazas a ela conseguíronse avances impensables hai algo máis dun século”, expuxo Lema Rodicio. Gumersindo Feijoo subliñou que “o estado do benestar actual non sería posible sen a química”, xa que fixo posible que a cidadanía teña hoxe unha vida moito mellor ca os dos seus devanceiros.

Visitas guiadas

A RAGC pon a disposición de todas as persoas visitas guiadas gratuítas desde este venres día 4 ata o 31 de outubro, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. No caso de querer realizar a visita en grupo, é necesario reservar con antelación enviando un mail a ragciencias@ragc.gal.

 

“Química para un mundo mellor”, paso a paso

No percorrido pola mostra poden observarse os diversos sectores de actividade da química, nos que se destacan os principais esforzos científicos realizados ao longo da historia para lograr novas solucións en sectores tan relevantes como a alimentación, a saúde, o medio ambiente ou os materiais. En cada un resérvase tamén un espazo para reseñar os fitos rexistrados en Galicia en relación a cadanseu ámbito, coa participación de preto dunha vintena de empresas (Finsa, GalChimia, Viaqua, Ceamsa, Ence, AMSlab, Repsol, Lonza Biologics, Instituto de Cerámica de Galicia, Pharmamar, Alcoa, Nanogap, Mestrelab, Foresa, Zendal, Syngenta e Bioetanol Galicia-Vertex Bioenergy).

Vacinas: os primeiros experimentos coa inmunización contra a varíola, a finais do século XVIII deron pé a Expedición Balmis, unha viaxe que partiu da Coruña e salvou a vida de millóns de persoas ao levar a vacina ‘in vivo’ a América.

Antibióticos: as infeccións eran, antes destes medicamentos, unha sentenza de morte en moitos casos. Hoxe, cunha pílula ou unha inxección, podemos protexernos contra estas doenzas grazas ao avance das investigacións.

Analxésicos: a dor é un mecanismo natural de resposta do corpo humano, pero ás veces é tan intensa que é preciso calmala. Os diferentes tipos de analxésicos melloran en moitos casos a nosa calidade de vida.

Antitumorais: os fármacos do futuro poden estar no mar. A busca e síntese de substancias con propiedades anticanceríxenas recorre aos lugares máis insospeitados, como os fondos mariños.

Enfermidades raras: son un abano enorme de doenzas que afectan a entre un 6 e un 8% da poboación mundial, en moitos casos na infancia. E moitas non teñen aínda un tratamento eficaz, polo que é preciso investigar constantemente.

Novos fármacos: co paso do tempo somos testemuñas de novas doenzas que xorden no planeta. Fronte a elas, os científicos deben buscar novas solucións, como se fixo cos antirretrovirais no caso da sida.

Potabilización: a auga é esencial para a nosa vida cotiá, tanto para o funcionamento do noso corpo como para a hixiene. Un saneamento e depuración óptimos melloraron en gran medida a nosa sociedade.

Xabón:os axentes infecciosos adoitan aparecer en condicións de limpeza deficiente. O xabón, polas súas propiedades, permitiu a eliminación destes patóxenos e, deste xeito, a propagación de moitas doenzas.

Colorantes: ata hai algo máis dun século, as tinturas só se podían obter de xeito natural. Pero a síntese dos primeiros colorantes marcou un antes e un despois na historia da moda, a industria téxtil e, por extensión, de toda a sociedade.

A exposición abrangue campos como a saúde, os novos materiais, a nanotecnoloxía e as enerxías limpas

Nanopartículas: a natureza evolucionou durante centos de millóns de anos a unha escala que os nosos ollos non poden ver. Pero agora, o ser humano pode, grazas á ciencia e á tecnoloxía, traballar a medidas nanométricas para mellorar as propiedades de todo tipo de materiais.

Cerámica: foi unha das primeiras artes da humanidade, pero hoxe é clave nas viaxes espaciais. Os materiais cerámicos teñen unhas propiedades que permiten facer desde louza ata próteses, pasando por escudos térmicos.

Metalurxia: o aluminio era un completo descoñecido hai 200 anos. Pero cando puido ser illado, desencadeou unha industria esencial para o crecemento económico e social do planeta.

Derivados do petróleo: é, literalmente, o líquido que move o mundo. Ademais dos medios de transporte, os produtos resultantes da destilación do cru teñen todo tipo de aplicacións, algunhas delas descoñecidas.

Taboleiros: o ser humano valeuse da madeira desde os seus albores. Pero a capacidade científica para obter moitos e moi diversos usos deste material renovable converteuna nunha peza clave do progreso.

Celulosa: primeiro foi o papiro e despois o pergamiño. Pero a capacidade de sintetizar a celulosa a partir das árbores conseguiu que o papel pasara a formar parte da nosa vida cotiá.

Agroquímicos: unha mala colleita pode mudar a historia dun país, como aconteceu en Irlanda coa gran fame do século XIX. Por iso é preciso dispoñer de métodos de control contra as pragas que acaban coas colleitas.

Fertilizantes:a capacidade de produción natural dos cultivos é limitada. Por iso son precisos os adobos sintéticos que incrementan a produtividade. Foi un dos factores que permitiu o gran crecemento da poboación mundial.

Química Verde: o panorama da crise climática obriga a enfocarse cara a unha produción máis sostible dos recursos. Investigar para mellorar a eficiencia destes procesos é un alicerce para coidar mellor o planeta.

Bioetanol: Este alcol xa se está usando como parte do combustible dos vehículos. Deste xeito conseguen reducirse as emisións dos gases de efecto invernadoiro, ademais de producir enerxía e pensos coa súa fabricación.

Bioplásticos: a partir de diversas fontes vexetais, tanto terrestres como mariñas, poden sintetizarse plásticos con maior capacidade para degradarse e menor impacto medioambiental.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario