As investigadoras galegas esixen estabilidade no Congreso: “Aos 40 temos que deixalo ou emigrar”

Representantes de InvestiGal denuncian a precariedade na comisión para a reforma da Lei de Ciencia

Vanessa Valdeiglesias e Zulema Varela fronte ao Congreso dos Deputados.
Vanessa Valdeiglesias e Zulema Varela fronte ao Congreso dos Deputados.

Dignificar a profesión, nin máis nin menos. Esa é a principal petición da Rede Galega pola Investigación (InvestiGal), que este mércores compareceu no Congreso dos Deputados con motivo da reforma da Lei de Ciencia. Todas as súas propostas reclaman o mesmo: a oportunidade de conseguir un emprego estable e fuxir dos contratos temporais. “A carreira investigadora está marcada pola precariedade”, apuntou a científica Zulema Varela, a voz de InvestiGal no Congreso xunto á súa compañeira Vanessa Valdeiglesias.

Máis polo miúdo, as investigadoras galegas reclamaron medidas que sexan capaces de reverter a popularmente coñecida como “fuga de cerebros”. É dicir, ter que marchar ao estranxeiro para atopar as oportunidades laborais que non encontran no país. Tamén solicitaron a creación da figura de investigador, ausente nas universidades. “Son centros punteiros nos que hai que impartir tamén docencia, pero non existe un posto no que se dedique só a investigar”, explicou Varela. Tamén se reclamou no Congreso que se acepte un modelo de currículo normalizado, que non teña que variar nin modificarse en función das convocatorias ás que se presenten os investigadores. “Queremos que se reduza a burocracia”, indicou Varela.

Porque os obstáculos dentro da carreira investigadora son moitos e difíciles de sortear. “É un campo moi esixente e competitivo. Unha inviste parte da súa vida persoal nisto e cando chega aos 40 anos ou ben o ten que deixar ou ben ten que marchar fóra”, denunciou Varela. Ela tamén recoñeceu que a profesión, de portas para fóra, non é accesible. E reclama máis divulgación. “É importante que se saiba o que podemos ofrecer e o importantes que somos”, dixo en referencia á ciencia, como disciplina clave para o avance social.

“É importante que se saiba o que podemos ofrecer e o importantes que somos”

Malia a dificultade da situación, a sensación é boa. “Vemos que hai ganas de facer un Pacto pola Ciencia a nivel estatal, que os grupos parlamentarios están moi pola labor”, explicou Varela con optimismo. Ela cre que a pandemia puido influír sobre este cambio de orientación e pensamento, posto que a crise sanitaria demostrou o necesaria que é a investigación científica. Con todo, ela opta por manter a cautela. “Din que van incrementar o investimento. Está ben, pero o importante é que o fagan con sentidiño“, afirmou.

InvestiGal non foi o único colectivo participante na subcomisión, tamén o fixeron outros que loitan, tanto dende dentro como dende fóra do país, por dignificar a carreira investigadora. De feito, esta rede galega fundouse a principios de 2020 con ese obxectivo principal: o de mellorar as condicións do sector. Polo de pronto, fan unha valoración positiva da súa comparecencia. “Polo menos escoitaron as nosas peticións”, resumiu Varela. Esperan que pronto se pase da escoita aos feitos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.