Martes 19 Marzo 2024

Os 30 científicos galegos que fixeron historia

O Consello da Cultura Galega publica unha escolma do "Álbum da Ciencia" que recolle 30 nomes de referencia e as súas achegas á investigación

Hai máis de 30 anos, segundo recordou este martes o catedrático Francisco Díaz-Fierros, botou a andar a idea de crear un dicionario histórico dos científicos que marcaron a historia de Galicia, da man do grupo de Historia das Ciencias do Seminario de Estudos Galegos. Comezaron a elaborarse os traballos sobre máis de 200 científicos, que culminaron na creación, en 2007, do Álbum da Ciencia impulsado polo Consello da Cultura Galega (CCG). “Unha xoia da institución”, subliñou a coordinadora da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, Elena Vázquez Cendón, e un “agasallo para a sociedade galega”, en palabras de Xosé Antón Fraga, coordinador do Álbum.

Unha xoia que dá un novo paso coa publicación dunha escolma de 30 biografías de científicos que salientaron pola súa relevancia, orixinalidade ou representatividade na historia da ciencia en Galicia. Desde o máis antigo, nacido no século XVIII, un referente mundial como Xosé Rodríguez, o Matemático de Bermés, ata as pioneiras femininas, como Jimena Fernández de la Vega, Ángeles Alvariño ou María Wonenburger, a publicación, xa dispoñible en formato dixital, dirixida por Xosé Antón Fraga e con ilustracións de Nuria Díaz, percorre cun estilo accesible e divulgativo as vidas e as achegas destes nomes para amosarllos á sociedade galega, e en especial ao eido educativo.

Publicidade

A escolma de 30 biografías vai acompañada con ilustracións de Nuria Díaz.
A escolma de 30 biografías vai acompañada con ilustracións de Nuria Díaz.

O Álbum da Ciencia recolle hoxe en día 284 biografías de investigadores e investigadoras, dispoñibles na rede. É “unha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de Academia das Ciencias virtual”, segundo subliña o Consello. De aquí xa saíran proxectos como as unidade didácticas dedicadas a Domingo Fontán, Sarmiento de Gamboa, Juan Rof Codina, Roberto Nóvoa Santos ou Ramón de la Sagra.

A selección destes 30 científicos realizouse practicamente por unanimidade, segundo subliñaron Fraga, Díaz-Fierros (anterior coordinador da sección de Ciencia do CCG), e Elena Vázquez. “Todos merecen estar porque realizaron un importantísimo labor científico”. Hai 27 homes e tres mulleres, algo explicable coa situación de que “ata hai pouco máis dun século non se lles permitía facer estudos superiores”, explicou Fraga. Desde ese momento agroman as figuras da ciencia en feminino en Galicia, como as tres incluídas na escolma.

No acto co que se presentou o volume divulgativo do Álbum da Ciencia coas 30 biografías, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, avogou por “que siga vivo o álbum da ciencia, para seguir espertando o interese pola cultura científica”. Álvarez tamén adiantou que para dar a coñecer o álbum haberá actividades de difusión e divulgación por centros educativos de toda Galicia.

O libro xa está dispoñible para descargar (en formato PDF) na páxina web do Consello da Cultura Galega, nesta ligazón.

As 30 biografías do libro:

Ramón María Aller
José Alonso López
Ángeles Alvariño
Ángel Baltar Cortés
Francisco Bellot Rodríguez
Fernando Calvet
Antonio Casares
José Casares
Antonio Casares Rodríguez
Juan Jacobo Durán Loriga
Jimena María Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán
Gabriel Fernández Taboada
Domingo Fontán
Cruz Gallástegui
Miguel Gil Casares
José González Olivares
Víctor López Seoane
Baltasar Merino
Roberto Nóvoa
Isidro Parga Pondal
Casiano de Prado y Vallo
José Rodríguez Carracido
José Rodríguez González
Juan Rof
Ramón de la Sagra
Guillermo Schulz
Antonio Valenzuela Ozores
José Varela
Ramón Varela
María Josefa Wonenburger

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Os dez avances da ciencia galega en 2023

Repasamos un ano de achados e logros liderados polos centros de investigación e as tres universidades públicas de Galicia

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías