María José Alonso, na cerimonia de ingreso celebrada en Washington.

María José Alonso ingresa na Academia de Medicina dos Estados Unidos

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso acaba de ingresar como académica na National Academy of Medicine de Estados Unidos (NAM) nunha cerimonia celebrada en Washington DC durante o 47º Evento Anual desta institución. A incorporación á NAM está considerado unhas das máis altas honras nos campos da saúde e a medicina e recoñece a personalidades que demostran logros profesionais extraordinarios a manifestan un compromiso de servizo coa institución.

A nominación da profesora Alonso estivo avalada por Patrick Couvreur, da Universidade de París Sur, e Robert Langer, do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. En palabras do presidente da Academia Victor Dzau, a docente da USC “foi elixida polas súas achegas pioneiras no desenvolvemento de nanotecnoloxías que permiten aos fármacos superar barreiras biolóxicas. Estas nanomedicinas foron avaliadas a nivel preclínico e/ou clínico no tratamento de enfermidades que afectan a diversas patoloxías e tamén en vacinación”.

Traxectoria investigadora
A profesora Alonso coordinou varios consorcios de investigación internacionais financiados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates ou a Comisión Europea e actualmente participa en sete proxecto internacionais, cinco deles financiados pola Comisión. É autora de 256 publicacións científicas con máis de 13.000 citas (factor h65) e inventora de 20 familias de patentes. A calidade dos seus traballos científicos levouna a situarse no Top 10 dos investigadores/as en Farmacoloxía a nivel mundial segundo o ránking internacional Times Higer Education, sendo a investigadora española máis influínte na área de Farmacia e Farmacoloxía segundo o ránking do índice h.

Alonso é a investigadora española máis influínte no eido da Farmacoloxía

Forma parte do consello editorial de once revistas científicas. Entre 2006 e 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC e asesora do Ministerio de Ciencia e Innovación para a elaboración da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación de 2011 ademais de ter integrado o consello asesor do Ministerio de Sanidade. Ao longo da súa carreira foi merecedora de numerosos premios entre os que destacan o Jaume I de Novas Tecnoloxías, o Marie-Janot, o Nóvoa Santos e o premio María Josefa Wonenburguer. Ademais da súa pertenza á Academia de Medicina de Estados Unidos, María José Alonso tamén é membro de tres academias en España: A Real Academia Nacional de Farmacia, a Academia de Farmacia de Galicia e a Real Academia Galega de Ciencias.

Recentemente, foi nomeada membro do prestixioso College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) e o pasado mes de xullo foi elixida presidenta electa da Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbitos dos sistemas de liberación de fármacos e a nanomedicina.

NAM
A National Academy of Medicina de Estados Unidos foi fundada en 1970 pola National Academy of Science. Ocúpase de cuestións cruciais nos ámbitos da saúde, a ciencia e a medicina, así como das súas políticas asociadas, inspirando accións positivas con repercusión en todos estes sectores.

A NAM traballa xunto á Academia Nacional de Ciencias e a Academia Nacional de Enxeñaría como ente asesor independente, para proveer unha análise obxectiva nestes campos. Ademais leva a cabo outras actividades para resolver problemas complexos e informar sobre decisións de política pública. Desempeña tamén unha función fundamental no fomento da educación e a investigación, recoñecendo os achados máis sobresalientes e contribuíndo ao acercamento social en materia de ciencia, enxeñaría e medicina.

Máis de 2.000 membros integran esta Academia, elixidos en recoñecemento aos seus logros profesionais e ao seu compromiso coa institución. Anualmente elixe a non máis de dez membros internacionais. A catedrática da USC é a segunda española que ingresa na Academia, tras o acceso en 2016 de Josep Dalmau, profesor de Neuroloxía da Universidade de Barcelona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.