Venres 29 Marzo 2024

Manel Monteagudo non estivo 35 anos en coma: a escuridade intermitente do escritor galego

O relato do escritor galego contradí as súas propias afirmacións, nas que sostén que alternou fases de catatonía con etapas de lucidez por mor das secuelas dun accidente en 1979

José Manuel Blanco Castro, cuxo seudónimo como escritor é Manel Monteagudo, naceu no ano 1957 en Cando, no concello de Outes. O día do seu 22º aniversario, o 28 de febreiro de 1979, tivo un grave accidente no Golfo Pérsico, mentres traballaba nun mercante, que lle deixou severas secuelas. Todo ata aquí é certo, e así o corroboran diversas fontes consultadas que coñecen de preto a historia dun dos homes dos que máis se está a falar nos últimos días en Galicia e España. A partir de aquí sucédense dúbidas e neboeiros que desembocaron nunha fervenza de sospeitas sobre canto hai de verdade no relato que, convenientemente adornado, o fixo famoso como a persoa que espertou nun mundo moi diferente despois de 35 anos en coma.

Antes do accidente de Golfo Pérsico

Non parece haber moito de ficción na mocidade de Manel antes do accidente. Naceu en Cando pero, sendo moi novo, os seus pais mercaron unha casa en Orro, no concello de Noia, a uns quilómetros da aldea natal, e alí se moveron, segundo confirma unha veciña da zona. Nunha entrevista para a revista Terra de Outes publicada en 2020, ademais de falar dos seus primeiros anos, Manel Monteagudo fala de como traballou desde neno, como tantos outros coetáneos e veciños, no mar e logo na emigración. Nun conxelador de Vigo que ía a Suráfrica, nun mercante primeiro en Barcelona e logo en Alemaña. Despois do servizo militar, en 1979 pon rumbo ao golfo Pérsico na viaxe que cambiaría a súa vida. Un accidente en Basora, un funil clave no tráfico do petróleo de Oriente Medio, provócalle graves danos que o levan ao coma e que, durante décadas, lle impediron levar unha vida normal.

Publicidade

Manel Monteagudo confirma o que xa dixera: non estivo 35 anos en coma

Manel Monteagudo, nunha foto da súa mocidade. Fonte: Revista Terra de Outes.
Manel Monteagudo, nunha foto da súa mocidade. Fonte: Revista Terra de Outes.

Non, non foron 35 anos en coma

Aquí comezan as luces e sombras na historia de Manel Monteagudo. Parece descartado que estivese 35 anos en coma, toda vez que a Real Academia Galega define esta condición como un “estado patolóxico caracterizado pola perda da consciencia, da sensibilidade e da mobilidade”. É probable que, polas graves secuelas que padeceu ou a medicación que tomaba, a Manel non lle queden recordos deses 35 anos na escuridade ata o ano 2014. Pero non estivo inmóbil, segundo confirman varios veciños, entre eles o seu amigo da adolescencia Xoán Mariño, presidente da Asociación Terra de Outes.

O propio Manel desmente na citada entrevista de 2020 a súa propia afirmación sobre os 35 anos de coma. Conta que despois dunha longa convalecencia, en 1981 comezou a alternar períodos de catatonía (síndrome psicomotriz caracterizada pola perturbación ou perda da mobilidade e a vontade e períodos de súbita excitación, frecuentemente asociada a certas enfermidades psíquicas ou a estados alterados de consciencia, segundo a RAG) con episodios de certa lucidez. Pero incide nun detalle importante para o relato: as secuelas do accidente causábanlle “perda total de memoria”.

As propias declaracións de Manel Monteagudo desmenten que estivese en coma durante 35 anos, pero apuntan a unha posible amnesia, xunto a outras secuelas do accidente

“A veces por unhas horas, e outras por uns días, tiña estes períodos de lucidez. E durante un deles, casou coa súa moza. Despois de casar foron para Vigo. Pero seguiu durante moitos anos nesa situación, alternando etapas en estado vexetativo [caracterizado pola ausencia de actividade intelectual ou de manifestacións emocionais, di a RAG] con outras de maior consciencia”, conta Xoán Mariño. Neses primeiros anos, Manel menciona igualmente que se produciu o nacemento das dúas fillas, aínda que por “respecto” cara á familia non dá máis detalles do asunto.

O amigo dá conta de que as secuelas de Manel eran graves. “Vino unha vez que veu por Outes, anos despois, arredor de 2001 ou 2002, e contoume o seu accidente e o que seguía sufrindo. Non podía estar só nunca, porque en calquera momento perdía o coñecemento e caía, esvaecíase e volvía ao estado comatoso. E así durante moitos, moitos anos”.

Extracto da entrevista en "Terra de Outes" na que Manel Monteagudo explica o vivido na súa convalecencia.
Extracto da entrevista en “Terra de Outes” na que Manel Monteagudo explica o vivido na súa convalecencia.

Mariño engade máis detalles: “Nos últimos deses anos en estado case catatónico, empezou a recibir un tratamento que o mantiña coma un zombi; estaba esperto, estaba de pé, pero era igual que lle falases, que non se enteraba de nada, ata que lle cambiaron a medicación e ese cambio permitiulle recuperar a plena consciencia. Desde ese momento foi como se resucitase. Comezou a ser capaz de falar con todo o mundo, recordar, recoñecer, entender…”.

Pola súa parte, desde a editorial Galaxia, coa que Manel Monteagudo publicou o poemario Mar e Vento e actualmente prepara outra obra, cínguense a aclarar que “a historia é verdadeira”. GCiencia intentou contactar con Manel, por agora sen obter resposta.

Que chegou a afirmar realmente Manel Monteagudo?

É difícil determinar se Manel Monteagudo esaxerou, canto menos desde a súa percepción, como viviu en primeira persoa eses anos de escuridade. Pero non é certo o que afirmou, por exemplo, a finais de outubro en Radio Pontevedra, nunha entrevista na que tamén avanzaba a inminente publicación dun libro para contar a súa historia. E durante as moitas entrevistas destes últimos días, tampouco desmente en ningún momento os titulares nin emenda as afirmacións de xornalistas e presentadores que conversan con el.

Pero si pode ser que para el non haxa lembranzas deses 35 anos, aínda que tivese momentos de ‘lucidez’. É dicir, que ficase con amnesia, perdendo totalmente a memoria de todo este tempo. E, por tanto, cómpre considerar que unhas secuelas desta magnitude puidesen alterar a súa percepción dos feitos.

Nas numerosas entrevistas que fixo, o relato de Manel percorre varios puntos de forma recorrente. Sostén que o ‘espertar’ se produce en 2014, e fai mención ás canas no cabelo da que era a súa moza a finais dos 70, á súa perplexidade ao descubrir os teléfonos móbiles, as dificultades para adaptarse ao euro, a sorpresa ao coñecer que España gañase un Mundial de fútbol ou a reacción desconcertante ao mirarse nun espello que mercou a súa muller. “Non, ese non sou eu, ese é un vello!”, lembraba coa voz cortada pola emoción na Radio Galega, aínda que logo matiza que nese momento non era quen de falar, que simplemente eran as palabras que resoaban na súa cabeza.

Sobre as secuelas, nunha entrevista con EFE engade que algunhas secuelas mantéñense hoxe, como o feito de non pode levantar pesos, nin “baixar a cabeza”, xa que lle provoca mareos que poden causarlle perdas de consciencia.

Que puido pasarlle a Manel Monteagudo?

A recuperación despois dun longo estado de coma é extraordinaria, pero existen precedentes, tamén en Galicia. Miguel Parrondo, un coruñés que en 1987 tivo un grave accidente de tráfico, espertou 15 anos despois, en 2002, un tempo que para el estivo “absolutamente en branco”. No caso de Manel Monteagudo, por razóns obvias de privacidade, desde o Sergas non dan información do historial clínico.

Tampouco hai moitos detalles sobre o proceso de recuperación e rehabilitación de Manel desde 2014, no momento no que o seu estado de saúde comezou a estabilizarse. Sostén que tivo que aprender de novo a falar, a ler e a escribir. Desde entón desenvolveu unha prolífica actividade creativa e xa publicou varios libros. No seu perfil da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), bota algo de luz sobre este período. Conta que “por causa das secuelas que me deixou o accidente, estiven practicamente vexetal durante 35 anos até que o 15 de outubro de 2014 me deron a alta médica, aínda que teño que tomar medicación o resto da miña vida”.

Sobre a súa actividade literaria, di que “no ano 2015 escribín un pequeno poemario que titulei Reflexións poéticas, autoeditado. Na actualidade, alén de escribir relatos, que publico semanalmente nas redes sociais, escribo poemas e prosa poética. Velaquí a orixe dos meus primeiros libros non autoeditados, Camiño á lagoa dos bardos (2019), De mariño a poeta (2021) e Mar e Vento (2021)”.

Segue habendo, por tanto, espazos de escuridade nos 35 anos que transcorreron desde o accidente de Manel Monteagudo en Irak e o suposto espertar de 2014. Algún veciño seu entrevistado a raíz do fenómeno viral sostén, probablemente con razón, que o viu facer “vida normal” durante este tempo. O que non deixa de ser compatible, porén, coa amnesia e os episodios de catatonía descritos por outros veciños e coñecidos e, sobre todo, coa visión parcial dos demais que tecen día a día os nosos prexuízos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o estado de coma (e o que non é)

As persoas que sofren un dano cerebral severo poden recuperarse parcialmente nalgúns casos, pero as secuelas seguen presentes

Manel Monteagudo confirma o que xa dixera: non estivo 35 anos en coma

O escritor, que ficou con secuelas dun grave accidente con 22 anos, recoñece que moitas das súas afirmacións dos últimos días foron falsas

O cúmulo de galaxias Coma

Cada unha destas galaxias alberga milleiros de millóns de estrelas como acontece coa nosa propia galaxia Vía Láctea