Sábado 20 Abril 2024

Manel Monteagudo confirma o que xa dixera: non estivo 35 anos en coma

O escritor, que ficou con secuelas dun grave accidente con 22 anos, recoñece que moitas das súas afirmacións dos últimos días foron falsas

Como xa expuxera anteriormente nas súas propias declaracións antes de converterse en foco mediático nos últimos días, o escritor galego Manel Monteagudo (pseudónimo de José Manuel Blanco Castro) recoñeceu este venres que non pasou 35 anos en coma. Este suposto estado de paréntese na súa vida, que noutras versións foi un período vexetativo, como replicaron numerosos medios sen que el o chegase a desmentir, nunca foi tal. En declaracións recollidas por varios medios e difundidas polo programa La hora de La 1, chega a afirmar que “nunca” estivo en coma despois do accidente sufrido en Irak no ano 1979. “Debín de contalo antes porque isto ‘saíuse de nai’, como coloquialmente se di”, engadiu.

Con todo, mantén, como expuxo en varias ocasións nos últimos anos, que aquel golpe lle deixou severas secuelas. “Debido ao accidente tiña todos os días, todos os días, durante 35 anos, de 14 a 16 desmaios diarios”.

Publicidade

Como comezou a medrar a historia?

As palabras de Manel Monteagudo botan por terra as informacións nas que se falaba do acontecido ata 2014, ano no que el sitúa a súa recuperación, e que impulsaron o rebumbio nos últimos días. Os titulares repetían a afirmación dos 35 anos en coma, que o propio Monteagudo non negaba, aínda que chocasen coas súas propias palabras previas. Parece claro, por tanto, que o accidente en Irak e as secuelas existiron, como contan persoas cercanas a el, pero non está claro o estado no que ficou.

En 2019, nunha entrevista en La Voz de Galicia, cinguía o estado de coma a 64 días e unha posterior amnesia que se prolongou 35 anos. Os xornalistas que o entrevistaron daquela coinciden en sinalar as secuelas de Manel e conclúen que probablemente, por un problema de expresión ou na comprensión das súas palabras, a bóla comezou a medrar nalgún momento.

As valoracións de neurólogos, algún deles consultado por GCiencia, coinciden en que é moi improbable que o estado de coma, ou no seu defecto vexetativo, se prolongase de forma continuada durante todo o tempo. Si hai lugar, por exemplo, a que o accidente deixase algún tipo de consecuencia postraumática que alterase a súa memoria, aínda que por razóns obvias de privacidade, non é posible comprobalo no seu historial clínico. Varias fontes médicas consultadas coinciden, igualmente, en que descoñecían o caso. Con todo, tanto amigos como outras persoas próximas a Monteagudo respaldan a veracidade de feitos como o accidente e as graves secuelas de saúde que sufriu.

Manel Monteagudo non estivo 35 anos en coma: a escuridade intermitente do escritor galego

Nas últimas datas, a primeira afirmación de Manel Monteagudo respecto aos 35 anos de coma remóntase dúas semanas atrás, o 29 de outubro, en Radio Pontevedra. Á pregunta do xornalista, responde: “Si, estiven 35 anos en coma”. Outra entrevista coa Agencia EFE espertou o interese de decenas de medios de comunicación que replicaron a historia de Manel, ás veces da súa propia voz.

A versión en 2017

Nunha mensaxe pública na súa conta de Facebook que data do ano 2017, Manel engade máis matices á difícil vida que afrontou logo do accidente. Dirixíndose a outra persoa, expón que “moitas cousas que che narrei contáronmas, e outras comencei a recordalas fai tan só cinco anos [sería en 2012], posto que despois do accidente eu non lembraba nada”, e cingue o seu estado de amnesia, por tanto, a 33 anos.

Engade máis detalles sobre a súa situación, aclarando que estivera encamado outro ano despois do accidente en Irak, e que pasado un tempo puido comezar a erguerse con axuda, xa que entre outras secuelas tiña unha parálise no lado esquerdo e desmaios constantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Manel Monteagudo non estivo 35 anos en coma: a escuridade intermitente do escritor galego

O relato do escritor galego contradí as súas propias afirmacións, nas que sostén que alternou fases de catatonía con etapas de lucidez por mor das secuelas dun accidente en 1979