Karen Uhlenbeck, primeira muller en gañar o ‘Nobel’ das matemáticas

O seu traballo en xeometría e física matemática levan a esta profesora estadounidense ao premio Abel

Karen Uhlenbeck.

A Academia Norueguesa de Ciencias e Letras outorgou o premio Abel 2019, considerado o ‘Nobel’ das matemáticas, á estadounidense Karen Keskulla Uhlenbeck “polo impacto do seu traballo en análise, xeometría e física matemática”. Esta profesora da Universidade de Texas tamén é unha firme defensora da igualdade de xénero na ciencia.

Karen Keskulla Uhlenbeck (Cleveland-Ohio, 1942) é o nome que anunciou hoxe a Academia Norueguesa de Ciencias e Letras, quen recoñece “os seus logros pioneiros en ecuacións diferenciais parciais xeométricas, teoría de gauge e sistemas integrables, e polo impacto fundamental do seu traballo na análise, a xeometría e a física matemática”. Os seus estudos sentaron as bases para modelos xeométricos contemporáneos en matemáticas e física.

O interese da galardoada pola teoría de gauge inspirouse nos traballos dun compañeiro tamén laureado co premio Abel, o defunto Sir Michael Atiyah. Esta teoría é unha linguaxe matemática da física teórica, e as achegas de Uhlenbeck nesta área foron esenciais para a comprensión matemática moderna de modelos en física de partículas, teoría de cordas e relatividade xeral.

Uhlenbeck tamén desenvolveu ferramentas e métodos en análise global, que agora utilizan moitos xeómetras e analistas de forma cotiá. “Karen Uhlenbeck recibe este premio polo seu traballo fundamental na análise xeométrica e a teoría de gauge, que cambiou drasticamente o panorama matemático. As súas teorías revolucionaron a nosa comprensión das superficies mínimas, como as formadas por pompas de xabrón, e problemas de minimización máis xerais en dimensións máis altas”, destaca Hans Munthe-Kaas, presidente do Comité Abel.

Ademais de investigadora, Uhlenbeck é unha firme defensora da igualdade de xénero en matemáticas e na ciencia en xeral. Cando era nena, encantáballe ler e soñaba con ser científica. Actualmente é visitante senior na Universidade de Princeton e no Instituto de Estudos Avanzados ( IAS). Dentro deste é unha das fundadoras do Instituto de Matemáticas de Park City ( PCMI), cuxo obxectivo é capacitar a mozos investigadores e promover o intercambio de coñecemento fronte aos desafíos das matemáticas.

Tamén é cofundadora dun programa de Mulleres e Matemáticas (WAM) creado en 1993 para recrutar e capacitar a mulleres para liderar a investigación en matemáticas en todas as etapas das súas carreiras académicas.

“O recoñecemento dos logros de Uhlenbeck debería ser moito maior, xa que o seu traballo levou a algúns dos avances máis importantes en matemáticas nos últimos 40 anos”, sentenza Jim Al-Khalili, membro da Royal Society. O rei Harald V de Noruega entregará o premio Abel á laureada deste ano durante unha cerimonia que se celebrará o próximo 21 de maio en Oslo.

O premio Abel considérase o ‘Nobel‘ das matemáticas, aínda que ás veces outórgase tamén ese reconociento ás medallas Fields, que se conceden a matemáticos que non cumprisen os 40 anos. A primeira muller que conseguiu unha, no ano 2014, foi a iraniana Maryam Mirzakhani, falecida en 2017.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.