Fernando Aguado: “Un satélite de menos de 100kg pode facer fotos de resolución métrica”

O coordinador da Agrupación Aeroespacial da UVigo participou no ciclo de encontros "Vigo Científico", organizados pola Zona Franca e GCiencia

O 30 de novembro de 2007, unha chamada de teléfono puxo en marcha a aventura espacial da Universidade de Vigo. Aquel día, ás oito da tarde, unha antiga alumna de Fernando Aguado, Estefanía Sarmiento, que traballaba no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) en Madrid, comentoulle ao investigador que a Axencia Espacial Europea (ESA) ía ofrecer lanzamentos gratuítos de nanosatélites. Ao día seguinte, Aguado púxose en marcha e comezaron as reunións cos Gobernos galego e español. E algo máis de catro anos despois, en xaneiro de 2012, o Xatcobeo, o primeiro satélite deseñado pola Agrupación Aerospacial da UVigo, saía cara ao espazo desde a Güiana francesa.

Viñeron logo o Humsat-D, o DustCube, o Serpens ou o Lume-1. Creouse Alén Space, unha empresa impulsada por estudantes da universidade viguesa que hoxe é unha referencia no mundo do New Space, a enorme xanela aberta grazas ao desenvolvemento tecnolóxico que permitiu lanzar ao espazo satélites moito máis pequenos e, por tanto, cun prezo moito máis reducido. Todo este proceso, que converteu á área de Vigo nun polo de innovación aeroespacial, resumiuno onte Fernando Aguado no ciclo “Vigo Científico”, organizado por GCiencia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Esta institución foi, segundo lembrou Aguado, un apoio esencial para o avance do ecosistema xurdido arredor da Agrupación Aeroespacial da universidade. A base de Alén Space sitúase, de feito, nas instalacións da Zona Franca no polígono de Porto do Molle, en Nigrán, no marco dunha cooperación que o investigador da UVigo cualificou de “excelente” e un “orgullo”, e que se viu recoñecido por institucións como a ESA, que “recoñece a nosa profesionalidade e entusiasmo, que somos unha cidade emprendedora a pesar de que neste campo partimos sen apenas experiencia”. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, que introduciu o encontro con Aguado, salientou tamén a satisfacción polo feito de que un proxecto “nacido do talento da Universidade de Vigo e que contou co apoio da Zona Franca sexa quen de captar tanto interese e investimentos para os seus proxectos”.

“Podemos traballar no espazo desde Vigo e Galicia”

Aguado, que é membro da Academia Internacional de Astronáutica e colabora con grupos de todo o mundo, quixo destacar a posibilidade de que é posible desenvolver proxectos deste tipo desde aquí grazas á aposta estratéxica que se puxo en marcha hai xa varios lustros. “Nós non definimos só un satélite, senón un programa a longo prazo, para formar estudantes e xerar riqueza que se poida reinvestir aquí; os propios estudantes que comezaron connosco son os que agora lideran Alén Space. E moitos outros están traballando hoxe na Axencia Espacial Europea, son profesores universitarios nos Estados Unidos… Podemos traballar no espazo desde Vigo e Galicia, achegando solucións a nivel global, e estamos xa nun punto no que o selo da formación pola que apostamos aquí xa abre portas”, resume.

A gran oportunidade do “Novo Espazo”

A aposta da Agrupación Aeroespacial pola nova xanela do New Space, ou “Novo Espazo”, permitiu deseñar desde Vigo os coñecidos como cubesats, obxectos pouco maiores ca un brik de leite. “A miniaturización dos compoñentes electrónicos permitiu que poidan incorporarse maiores prestacións cun menor tamaño, e no espazo, o custo de lanzamento depende da masa; é moito máis barato lanzar un satélite de 1kg ca un de centos ou miles de quilos”, explica o investigador.

Este aumento de oportunidades viuse tamén empurrado por unha electrónica máis barata e accesible. “”Un satélite de menos de 100kg, do tamaño dunha lavadora, pode facer fotos de resolución métrica, algo que hai algúns anos era absolutamente impensable”, destaca. Isto, unido á aposta dos centros de investigación por “un ecosistema de innovación aberta, onde se comparten coñecementos e se fomenta a colaboración”, permitiu a transferencia de ideas e un avance en conxunto moito máis rápido.

A rede 5G e, con ela, a coñecida como Internet das Cousas, dá tamén pé a outra nova xanela chea de oportunidades nas telecomunicacións. “Se nos últimos anos xa vivimos unha revolución grazas a poder estar conectados á rede en todo momento, esta vai ser outra gran revolución, porque o menor tempo de latencia das comunicacións e a maior velocidade farán posibles cousas ás que hoxe aínda non se chegou”.

Aguado quixo lembrar tamén a crecente participación femenina nestas ramas da enxeñaría, nas que a presenza de mulleres foi menor durante moitas décadas. “Nalgunhas institucións xa están superando o 50%, e iso é un sinal de avance”, dixo.

O ciclo Vigo Científico terá as súas seguintes citas os días 13 e 20 de abril. Participarán, respectivamente, Begoña Vila, astrofísica viguesa que actualmente traballa na NASA, onde forma parte do equipo encargado da posta a punto do telescopio James Webb, o ‘sucesor’ do Hubble, e Manuel E. Garci, biólogo mariño, autor de numerosos documentais galardoados como O mar da fin do mundo ou O reino dos cefalópodos, que leva máis de 30 anos investigando e percorrendo os fondos mariños da ría de Vigo e divulgando o seu gran valor natural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.