O profesor Fernando Fraga, nun acto da Real Academia Galega de Ciencias. Foto: RAGC.
O profesor Fernando Fraga, nun acto da Real Academia Galega de Ciencias. Foto: RAGC.

Falece aos 98 anos Fernando Fraga, pioneiro das ciencias mariñas en Galicia

O profesor foi un dos impulsores do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo e referente para varias xeracións de oceanógrafos

O científico Fernando Fraga Rodríguez (Santiago de Compostela, 1922) faleceu esta fin de semana en Nigrán aos 98 anos de idade. O profesor Fraga foi pioneiro da investigación oceanográfica e química mariña en Galicia e España e un dos impulsores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que o CSIC ten en Vigo.

Despois de licenciarse en Maxisterio na Escola Normal da Universidade de Santiago de Compostela en 1941, Fraga graduouse en 1946 en Ciencias Químicas na mesma institución, con premio extraordinario da licenciatura, e doutorouse en 1949 na Universidade de Madrid coa tese Estudo dos alcaloides da Retama sphaerocarpa, baixo a dirección do doutor Ignacio Ribas.

Ao ano seguinte converteuse en profesor adxunto de Química Orgánica na USC, ata que renunciou en 1953 para incorporarse ao novo Instituto de Investigacións Mariñas, que se puxera en marcha o ano anterior. Neste centro desenvolveu practicamente toda a súa investigación, ata o ano 1987, cando é nomeado Profesor emérito e Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.

Durante a súa traxectoria publicou máis de 120 traballos de investigación e participou nunha quincena de campañas oceanográficas, que lle permitiron coñecer de primeira man os principais mares do planeta, incluíndo a ría de Vigo, á que dedicou un enorme esforzo. Destacan os seus traballos sobre a bioquímica do mexillón, o balance de nitróxeno nos océanos, a dinámica das masas de auga nas rías e a costa galega e a estequiometría da fotosíntese e mineralización.

Dirixiu as teses de doutoramento de recoñecidos investigadores como a finada Aída Fernández Ríos e o profesor Fiz Fernández, ambos os dous académicos electos da RAGC. Os dous científicos dedicáronlle xunto a Eric Desmond Barton unha publicación no ano 2012 na que salientaban as súas achegas pioneiras na análise das augas profundas adxacentes á plataforma continental que achegan nutrientes ás rías galegas, entre outros fitos.

Recibiu numerosos recoñecementos entre os que destacan a Medalla de Galicia (1992), o Primeiro Premio Iberoamericano en Ciencias Mariñas (1999) e o Premio Antonio Casares de Investigación Científico-Técnica (1999).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.