Xoves 28 Marzo 2024

Diego Peña: “Isto abre a porta a controlar a fotosíntese ou a respiración celular”

O químico galego do CiQUS é un dos autores do revolucionario estudo sobre a visualización da carga das moléculas que publica "Science"

É un traballo de ciencia básica, sen aplicacións inmediatas, pero que vai marcar moitas investigacións e artigos que se publicarán nos vindeiros anos no estudo de moléculas esenciais para que seres vivos funcionen. A fotosíntese, a respiración celular ou a produción de enerxía a partir da luz solar están baseadas nas transferencias de carga entre moléculas. Ata agora, ninguén puidera observar e inducir cambios atan pequena escala nestes elementos. Conseguírono físicos do IBM Research de Zúrich, co apoio, entre outros, do químico galego Diego Peña Gil (Santiago de Compostela, 1974), nun traballo que hoxe publica a prestixiosa revista Science. Peña expón que este traballo podería marcar a senda para conseguir cousas que hoxe só están ao alcance da natureza despois de moitos millóns de anos de evolución: o control de procesos como a fotosíntese ou a respiración celular.

De onde vén este traballo?

Publicidade

– Isto xorde dun artigo publicado tamén en Science en 2012 dirixido polos investigadores de IBM, que son físicos especializados en microscopía de forza atómica. Naquel momento demostramos que cunha modificación que se fixo na punta do microscopio, onde poñen moléculas de monóxido de carbono podiamos conseguir resolución submolecular; é dicir, mirar dentro de moléculas individuais, algo que sempre foi un soño dos químicos.

Agora ben, entón tiñamos unha limitación: só o podiamos facer con moléculas neutras, que non tiveran carga. E iso era un impedimento para moitos traballos porque moitas das moléculas máis relevantes con funcionalidade biolóxica son moléculas cargadas.

Pero o que se conseguiu agora foi cambiar un pouco a técnica, cunhas capas que illan a molécula e conseguen que a carga sexa estable. E grazas a isto podemos visualizar os cambios que acontecen na estrutura da molécula cando está cargada, e que afectan tamén á súa función, algo que ata agora non podiamos facer.

Diego Peña publica en “Science” un revolucionario estudo sobre a carga das moléculas

Que implicacións ten isto?

– Como diciamos, moitas das moléculas relevantes nos sistemas biolóxicos están cargadas. Observando isto, ábrese a porta a poder controlar visualizar, estudar e controlar moléculas cargadas por primeira vez e, por tanto, controlar procesos biolóxicos nos que as moléculas cargadas son relevantes, como a fotosíntese, a respiración celular, as células fotoeléctricas, etc. Por exemplo, na fotosíntese: o feito de converter a luz en enerxía baséase na transferencia de enerxía dunha molécula  a outra. Con este avance temos un banco de probas para comprender mellor procesos deste tipo, como é a fotosíntese. Quizais axude no futuro a desenvolver células fotovoltaicas máis eficientes, ou mesmo algún día, a fotosíntese artificial.

– Que se fixo desde o CiQUS?

– O que achegamos foi a interpretación destas imaxes desde unha perspectiva química. É dicir, comprender o que aconteceu coas moléculas nesas observacións.

Colabórase con dúas multinacionais como Exxon e IBM.

– É curioso, porque aínda que haxa dúas empresas multinacionais, trátase dun traballo de investigación básica. Con ExxonMobil temos colaborado noutros traballos con aplicacións prácticas, e foi como chegamos a isto. E no caso de IBM, é unha institución que fai investigación básica pura, non buscan obter patentes. Deciden investir os cartos nisto porque cren que é a mellor maneira de obter impacto, en vez de poñer publicidade na camiseta dun equipo de fútbol. En España choca algo, porque non é habitual que unha empresa aposte pola ciencia básica e de calidade. Para eles un Nobel é moito máis importante ca 100 patentes. A investigación básica de hoxe vai ser a aplicada dentro de 30 anos, e téñeno moi claro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

O novo nanotransportador é capaz de fusionarse coa membrana plasmática e liberar moléculas bioactivas no citosol

A fotosíntese como inspiración para deseñar unha tecnoloxía que capte enerxía solar

Buscarán novas estratexias de captura con materiais orgánicos sostibles