O detector Tristan, xa a bordo do Sarmiento de Gamboa. Imaxe: USC.
O detector Tristan, xa a bordo do Sarmiento de Gamboa. Imaxe: USC.

Un detector galego-portugués de raios cósmicos viaxa rumbo á Antártida

O detector de raios cósmicos de alta resolución Tristan (Trasgo para Investigacións Antárticas) viaxa xa cara a Antártida a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa nunha misión de apoio á Campaña Polar Española. Tristan foi desenvolvido por unha colaboración entre a Universidade de Santiago e o LIP de Coimbra (Laboratorio de Instrumentación e Física Experimental de Partículas) e irá tomando datos de forma continua entre os paralelos 42ºN (Vigo) e 53ºS (Punta Arenas, Chile), que se sumarán aos que recolecte no traxecto de regreso a próxima primavera.

O equipo encargado do desenvolvemento de Tristan agarda con esta campaña reunir unha gran cantidade de datos de alta precisión en dúas épocas do ano distintas (outono e primavera), o que permitirá profundar na forma de corrixir en terra o efecto da temperatura da atmosfera nos raios cósmicos, problema que está sen resolver dende o seu descubrimento a comezos dos século XX.

O detector instalarase nun observatorio na Antártida para medir os raios cósmicos na rexión austral

O proxecto Tristan está dirixido polo profesor Juan A. Garzón, do LabCAF do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e forma parte da colaboración ORCA (Observatorio de Raios Cósmicos Antártico) que coordina o profesor da Universidade de Alcalá Juan José Blanco. Esta última achega ao observatorio un monitor de neutróns de baixa e alta enerxía e un telescopio de muóns.

O detector instalarase de forma definitiva no observatorio ORCA na base antártica española Juan Carlos I na próxima campaña 2019-2020. Deste xeito, o observatorio terá capacidade para medir a incidencia de raios cósmicos en superficie nesta rexión cun precisión angular e unha capacidade de identificación de partículas sen precedentes. Os rexistros que se acaden permitirán mellorar o coñecemento tanto da natureza e e orixe dos raios cósmicos como da actividade solar ou o campo magnético terrestre, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.