Ilustración sobre a deseucaliptización. Fonte: Portal das Palabras.
Ilustración sobre a deseucaliptización. Fonte: Portal das Palabras.

Deseucaliptización é a Palabra do Ano 2018

O Portal das Palabras, iniciativa impulsada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, anunciou este xoves que o neoloxismo “deseucaliptización” foi a gañadora da votación á Palabra do Ano 2018. Con 3.114 votos, máis da metade dos 5.724 votos emitidos, o termo “reflicte un aspecto destacado da crecente preocupación pola xestión dos nosos montes”, segundo a entidade que impulsa esta iniciativa. Aínda que non está recollido no Dicionario, axústase ás regras de formación de palabras en galego.

Por detrás de deseucaliptización quedaron dous termos que marcaron tamén a actualidade nos últimos 12 meses, protagonizados polas reivindicacións de igualdade real arredor do 8 de marzo, Día da Muller. Así, a segunda máis votada foi, de feito, feminismo, con máis dun milleiro de votos. A terceira foi sororidade, que acadou uns 650 votos, e a quinta, apoderamento, que superou os 300. Entre estes dous termos colocouse fariña, con máis de medio milleiro de apoios nunha listaxe que pechou fascismo.

A deseucaliptización

Non é a primeira vez que a inquedanza polo grande avance dos eucaliptos nos nosos montes deixa rastro na elección da Palabra do Ano, segundo subliña o Portal das Palabras. En 2017 venceu afouteza, pero entre as finalistas estiveron vaga de lumes e a forma oposta á gañadora de 2018, eucaliptización. Desta volta a vencedora “apela ao desexo de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento”, segundo reflicte a iniciativa.

A orixe deste termo, segundo explica o Portal das Palabras co gallo da súa elección como Palabra do Ano, subliña que foi o maxistrado e botánico francés Charles-Louis L’Héritier, quen lle deu o nome, no s. XVIII, de Eucalyptus obliqua á arbore que chegou ao British Museum desde a famosa expedición do capitán James Cook. O termo está formado pola unión do prefixo eu-, que significa ‘ben’, e kaliptós, que significa ‘cuberto’. Ambos os elementos son de orixe grega: Eucalyptus significa literalmente ‘ben cuberta’, referido á cápsula das súas flores, e ‘oblicua’ remite á forma da base das follas cando son adultas.

O prefixo eu- aparece noutras palabras da nosa lingua cos significados de ben, agradable, correcto, verdadeiro. Así temos: eufonía (efecto agradable ao oído), eumicetos (fungos verdadeiros) ou eupéptico (que facilita a dixestión). Relacionado con kaliptós, o outro elemento compositivo desta voz, está o nome Calypso, que era como se chamaba a ninfa que se ocultaba nunha illa e que entretivo a Ulises durante sete anos na súa viaxe de retorno a Ítaca. Un nome tamén recordado porque era o do barco do capitán Cousteau, e outros, pola música caribeña.

Ante a preocupación social ante o avance das plantacións desta árbore, os colectivos ecoloxistas de Galicia empezaron a difundir o neoloxismo eucaliptización, que describe a tendencia da nosa masa forestal, e o seu reverso, deseucaliptización, que quere denominar o complexo movemento de quitalos do monte.

A formación de verbos derivados de substantivos é frecuente na nosa lingua, por exemplo árbore>arborizararoma>aromatizar etc. Sobre o substantivo “eucalipto” formouse así este neoloxismo que se axusta ás regras de formación de palabras propias do noso idioma. Deste xeito, mediante a sufixación xurdiu o verbo “eucaliptizar” e, engadindo o prefixo des-, co sentido de negación ou privación, compúxose o termo “deseucaliptizar”, e de aí “deseucaliptización”, que sería o substantivo que indica acción e que chegou a ser Palabra do Ano de 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.