Sábado 27 Abril 2024

Da escola de Malpica á dos Apeninos grazas á nube

Un pendrive no peto do mestre itinerante que vai dunha escola a outra na súa xornada laboral ou unha conexión a Internet que non dá para moitas alegrías poden ser un pesadelo para o mestre do mundo rural,  un encordio para os cativos e mesmo un atranco para futuras matrículas. Sabedores dos obstáculos que sofren moitas escolas das aldeas – na xerga educativa, os CRA ou Colexios Rurais Agrupados– pero tamén das súas virtudes, a Universidade de Santiago e o Centro de Supercomputación de Galicia levan dous anos inmersos nun proxecto europeo especialmente deseñado para os colexios dos núcleos illados: un entorno web lixeiro, na nube, e con vocación de resolver os apuros lóxicos das distancias e da escaseza, a iniciativa Rural School Cloud. As súas conclusións preséntanse en Santiago este sábado no Salón Noble do Pazo de Fonseca, nun encontro con representantes de varios países do continente do que tamén sairá unha guía, Aprendo na Nube.

Entorno web do proxecto Rural School Cloud, desenvolvido en Galicia pola USC e o CESGA
Entorno web do proxecto Rural School Cloud, desenvolvido en Galicia pola USC e o CESGA

A Rural School Cloud, na que se levan invertidos 287.000 euros de fondos europeos a través da Axencia Europea de Educación, Audiovisual e Cultura, dentro do programa Life Long Learning, permite a conexión de toda comunidade educativa e desta con outras arredor de Europa coas mesmas características; compártense contidos e proxectos de ensino en código aberto e sen poñer en risco conexións á rede que cambalean. Os cativos das aldeas de Malpica e Ponteceso poden así comunicarse cos estudantes das illa danesa de Samso ou cos doutras escolas rurais de Devon, no Reino Unido, ou dun pobo de menos de 2.000 veciños nos Apeninos, en Italia. Todos eles comparten a desgraza duns recursos tecnolóxicos limitados coa fortuna da proximidade, o contacto coa natureza  e unha ratio profesor alumno mínima.
O proxecto bebe en realidade doutro anterior e integramente galego, a Rede de Escolas na Nube, que dende os seus primeiros pasos en 2010 está xa implantado en catro escolas rurais galegas – os CRA de Ribadavia, Boqueixón-Vedra, Ponteceso-Malpica e Vilaboa,  23 unidades en total –, as mesmas que hoxe comparten a experiencia europea con outros 14 de Italia, Macedonia, Reino Unido, Italia e Dinamarca.“A nosa idea é que son centros que hai que preservar, polo que supoñen para o rural, e non só o galego, pero hai que dotalos de ferramentas que axuden a mellorar a súa actividade educativa. Unhas das súas principais necesidades é a colaboración entre o profesorado, que normalmente é itinerante e se move entre diferentes unidades ao longo do día, e a conexión da escola coa casa”, apunta Carmen Morante, coordinadora do proxecto xunto a Beatriz Cebreiro por parte da Universidade de Santiago.

O profesorado dos centros rurais botaba de menos unha ferramenta virtual na que gardar os seus materiais

“Nós traballamos co Centro de Supercomputación de Galicia fai moitísimos anos deseñando solución tecnolóxicas para o ensino, e xorde a idea de experimentar con algún tipo de tecnoloxía que sexa axeitada para contextos con infraestruturas tecnolóxicas pouco fortes”, recapitula Morante, especialista en tecnoloxía educativa.  “Estes centros precisan solucións que non sexan non pesadas e permitan a conectividade. O bo da nube é que a tecnoloxía Cloud se basea na idea de que os recursos están en Internet e non precisas telos ti. Polo tanto, usan Internet como plataforma e ferramentas que non ocupan moito nin requiren moita capacidade das máquinas”.
Hoxe entre os catro centros galegos participantes no proxecto –os únicos representantes do Estado- usan habitualmente as videoconferencias entre eles e co resto dos centros europeos na súa actividade cotiá. Dispoñen na rede de recursos educativos sobre matemáticas, natureza ou cultura local que lles fan aos nenos máis doado entender, por exemplo, que a colleita de cereais ou a vendima son parte da tradición tanto en Ribadavia como en Italia ou Grecia. Comparten mesmo a celebración dun magosto ou o aniversario dos alumnos.
“Sempre traballamos en código aberto e ademais propoñemos unha metodoloxía de como usar esta ferramenta. No futuro, esta tecnoloxía quedaría aberta para que cada escola que desexe usala poda, porque require poucos recursos e un servidor sinxelo. En moitos lugares rurais non chega a fibra, que si chega aos centros educativos de zonas urbanas ou semiurbanas. O acceso a Internet é moi defectuoso e  necesitan software que non sexa pesadas e que traballe en peores condicións de conectividade”,  describe Morante, que uniu esforzos nos últimos dous anos co Centro de Supercomputación de Galicia e a súa coordinadora do proxecto, María José Malmierca.

Publicidade

Os nenos comparten contidos sobre matemáticas, natureza ou cultura local cos outros membros da Rede

Os profesores rurais agradecen, asegura Morante, o alivio da tecnoloxía. “Querer ter ferramentas que lles axuden a que o seu traballo sexa máis fácil e a resolver problemas. Cando atendes a tres centros e tes que ir dun a outro co teu coche,  o que máis se pide é un espazo dixital onde ter os materiais, non ter que ir co pendrive dun lado para outro. Comezan a ver que a conectividade é máis fluída.Por outra banda, o  feito de que o alumnado traballe coa nube incrementa o seu nivel de competencias TIC”, conta Morante.
No horizonte non deixa de facer acto de presenza o futuro da escola rural. Morante cre que o esforzo en manter estes centros merece a pena. “Os centros rurais non teñen os mesmos recursos que outros máis grandes. Primeiro porque se deixou de inverter neles, porque se entende que son centros educativos  que non son rendibles. A min paréceme que o son en termos sociais e educativos porque as experiencias metodolóxicas que se desenvolven nestes contextos é imposible levalas a cabo noutros máis masificados”, defende.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

Que é e como funciona o novo computador cuántico de Galicia?

A máquina máis grande e potente de España e do sur de Europa inaugurouse esta mañá no Centro de Supercomputación de Galicia