Xoves 2 Maio 2024

Falar dúas linguas é a mellor ximnasia cerebral

Ser bilingüe é unha vantaxe. Non só por poder comunicarte con máis xente. Tamén, porque o cerebro está mellor equipado e é máis áxil naquelas persoas que falan dúas linguas. Así o demostran ducias de estudos nos últimos anos, o último deles o da investigadora Viorica Marian, da Universidade de Northwestern, en EUA, publicado na revista ‘Brain and Language‘.

As súas conclusións demostran que ser bilingüe é como facer exercicio cerebral. Por exemplo, unha persoa que fala castelán e galego fai unha ximnasia mental involuntaria que axuda ao seu cerebro no presente e podería atrasar o Alzhéimer ou a demencia no futuro. Viorica Marian compárao cun semáforo: “Os bilingües sempre están a poñer luz verde ou vermella a unha ou outra palabra, nun idioma ou outro; elixindo a correcta; cando fas isto continuamente, o teu cerebro exercítase e estás mellor preparado para procesar a información”.

Publicidade

O experimento de Marian usou estudantes de 18 a 27 anos da Universidade de Houston. 17 deles eran bilingües entre español e inglés, mentres que outros 18 só falaban inglés. A investigadora usou estes idiomas porque os tiña preto, “pero supoñemos que os resultados son similares en todas as linguas”, explica.

Os escolares bilingües teñen máis capacidade para abstraerse do ruido da clase

Fixéronse sesións durante tres anos cos alumnos dándolles debuxos de obxectos. Mentres buscaban a palabra para designalos, os científicos analizaban o seu cerebro por resonancia magnética. Nos bilingües había máis actividade e máis capacidade de abstracción. E un efecto non esperado na proba: os que falan dous idiomas concéntranse mellor, mesmo en situacións difíciles. “Os nenos bilingües ignoran máis doadamente o ruído de clase”, explica Viorica Marian.

Un cerebro máis flexible

Outra investigación viu a luz estes días. É do Instituto de Aprendizaxe e Ciencias do Cerebro da Universidade de Washington (Seattle), que estudou os nenos que estudan en dúas linguas ao mesmo tempo. E concluíron que o cerebro dun bilingüe “é moito máis flexible, afronta situacións máis complexas polo que busca mellor as solucións e acaba resultando moito máis áxil”, segundo explica Patricia K. Kuhl, directora do estudo, que foi presentado ao Congreso dos Estados Unidos. “A nosa investigación serviu para tranquilizar á sociedade fronte ao temor bastante espallado de que un alumno que crece entre dous idiomas prexudica a lingua materna e a aprendizaxe doutras materias”, afirma o científico Andrew N.Meltzoff, do mesmo centro.

Tampouco fan falta grandes estudos para ver que estudar en dúas linguas non prexudica ao alumno. No último informe PISA, da OCDE, sobre alumnos europeos de 15 anos, a media española en comprensión lectora estaba en 461 puntos. En Galicia, coa metade de materias en galego, está por enriba: 479 puntos. E no País Vasco, en 487, éuscaro de por medio.

Os bilingües non son máis intelixentes, pero saben elixir antes a información relevante

Claro que España, aínda que teña catro linguas cooficiais (castelán, catalán, éuscaro e galego) non é un exemplo de bilingüismo masivo, precisamente. Segundo datos do CIS, o 89% da poboación española ten o castelán como lingua materna, o 9% o catalán ou o valenciano, o 5% o galego e o 1% o éuscaro. Pola contra, no planeta, as persoas bilingües son maioría: o 60% da poboación mundial.

Din os últimos estudos que son máis intelixentes as persoas bilingües? Radicalmente, non. Din que os seus cerebros están mellor adestrados e protexidos para o futuro. “Os bilingües poden ser especialmente hábiles para inhibir información irrelevante”, explica Viorica Marian, que como vantaxe engadida sinala que poden aprender outra lingua máis doadamente. Xa están afeitos ao exercicio de “cambiar de chip”, de elixir entre as palabras apropiadas dun ou outro idioma.

Prevención do Alzhéimer

Nos EUA, o auxe do español xera algúns receos e o tema está de moda. Judith Kroll, da Universidade de Pennsylvania (EUA), investigou tamén o asunto e conclúe que as vantaxes dos bilingües non significan que sexan máis intelixentes, nin que aprendan mellor. Pero si son persoas ‘multitarefa’, capaces de procesar varias actividades ao mesmo tempo e desprezar rapidamente a información irrelevante que percibe o seu cerebro.

Hai uns meses, un estudo sobre o mesmo tema publicado na revista ‘Neurology’ por Thomas H. Bak amosou que usar dúas linguas cada día conseguía atrasar unha media de catro anos a aparición de Alzheimer. Cambiar dun idioma a outro parece ser un estímulo para o cerebro, de xeito que este se fabrica unha especie de ‘reserva cognitiva‘.

Aos dous recentes estudos en EUA, hai que engadir outros, tamén en España. Os profesores da Universidade de Granada María Teresa Bajo e Pedro Macizo estudaron en 2011 con voluntarios que falan español e inglés. E tras medir o seu tempo de resposta e actividade cerebral ante unha pregunta, os investigadores observaron que as persoas bilingües son capaces de activar dous idiomas ao mesmo tempo, mesmo en situacións nas que só necesitan un. Como explican, o blingüismo non só mellora a atención senón que tamén é adestra a memoria destas persoas, coma se fose unha especie de ‘ximnasia mental’.

Así que ser bilingüe parece unha vantaxe. Polo menos, o cerebro exercítase. E, co tempo, cos anos, parece que dá resultados.

4 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

Por que o cerebro dos vertebrados é tan complexo? A clave está en virus antigos

Uunha secuencia xenética derivada de primitivos retrovirus resulta esencial para producir mielina, a capa que protexe as fibras nerviosas

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217