Venres 29 Marzo 2024

A ciencia das Illas Cíes sae á rúa

Pódese explicar o afloramento cun pequeno balde transparente de auga e un pouco de tinta. É posible viaxar centos de anos cara ao pasado mergullándose nos sedimentos? Como se distribúen as especies na superficie, na zona intermareal e no mundo submarino das Illas Cíes? Todo isto, e moito máis, aprendéno estos días na Porta do Sol de Vigo máis de 300 escolares de sete centros educativos da cidade nos obradoiros “Cíes, Patrimonio de Ciencia“, que impulsa o Concello de Vigo e a candidatura que promove o arquipélago para a súa entrada na lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

Ao remate da visita, cada escolar levou consigo un “Pasaporte Cíes”, que certificaba os seus coñecementos sobre as illas

Seis experimentos, coordinados cada un deles por monitores expertos en bioloxía e ciencias mariñas, explicaban as “mil caras das Cíes”, como rezaba precisamente un dos expositores. Os rapaces pegaban os ollos á urna de vidro na que un secador de pelo facía circular a auga. O aire do secador simulaba o vento do norte que converte á auga da costa galega nun manancial de riqueza. Como acontece isto? A auga da superficie desprázase cara a outras latitudes, e no seu lugar, a auga máis fría (representada na urna cunha tinta de cor negro) sobe cara arriba e arrastra consigo unha gran cantidade de nutrientes.

Publicidade

Noutra das mostras, uns reactivos, mesturados en cadanseu tubo de ensaio con excrementos de gaivota e fertilizante, evidenciaban a presenza de materia orgánica e fosfatos en ambas mostras. Que quere dicir isto? Que as gaivotas, alén das molestias das que ás veces se queixan os visitantes das Cíes, son esenciais para manter o ecosistema: as súas feces fertilizan o solo, fan medrar a vexetación e enriquecen as Illas.

Foto de familia dos escolares, monitores e representantes do Concello.
Foto de familia dos escolares, monitores e representantes do Concello.

Ao experimentar con produtos químicos, estes dous eran os expositores que máis deixaron coa boca aberta aos mozos e mozas, mais o resto das paradas da ruta foron igualmente interesantes. A importancia da pesca artesanal (“Conservamos se usamos?”), as capas do sedimento que agocha a Lagoa dos Nenos, a variedade da paisaxe do arquipélago (“As mil caras das Cíes”) ou a distribución da cadea trófica da flora e a fauna (“Os habitantes das Cíes”), chamaron igualmente a atención da rapazada, que acribillou a preguntas aos monitores.

“Por isto está a auga tan fría cando nos bañamos?”, preguntaba unha moza cando lle explicaron o afloramento. “Pois a min un día fertilizoume unha gaivota, que me caeu iso enriba!”, bromeaba outro respecto das propiedades agrícolas das feces. A conclusión final foi case unánime; aínda que moitos viñan aprendidos da casa, unha das visitantes exclamou cando xa volvía cara ao colexio “Canto hai que aprender nas Cíes!”.

Os sedimentos da Lagoa dos Nenos, o papel das gaivotas ou o afloramento foron algúns dos temas tratados

A medida que iban aprendendo en cada parada a importancia científica das Illas Cíes desde diversas perspectivas, os rapaces e rapazas ían cubrindo en cada punto un “Pasaporte Cíes” con cadanseu selo. Ao final, xa eran expertos coñecedores do arquipélago, polo que tamén estaban máis preparados para protexelo”.

A xornada da mañá rematou co encontro dun grupo de escolares co alcalde de Vigo, que quixo que os rapaces se concienciaran da necesidade de coidar as Cíes. “Son unha paraxe extraordinaria, nós temos a obrigación de coidalas e conservalas, e de dicirlle aos nosos fillos, e aos nosos netos que tamén as coiden”. E remarcou tamén o traballo do comité científico que traballa dentro da candidatura á Unesco. “Temos investigadores de talla mundial que están estudando desde hai moitos anos as Illas, e agora traballan para que sexan consideradas Patrimonio da Humanidade. E todos temos que apoialos”, concluíu.

Os obradoiros “Cíes, Patrimonio da Ciencia”, continúan na tarde do xoves e o venres, de 17 a 20 horas, abertos para o público xeral. Pola mañá, o venres, unha nova quenda de escolares de centros educativos de Vigo achegaranse á Porta do Sol para descubrir o valor científico do arquipélago. O evento, organizado polo Concello de Vigo, conta coa colaboración de GCiencia.

As imaxes da xornada

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:35

A titánica loita dun polbo por sobrevivir ao ataque dun congro nas Rías Baixas

Un estudo describe as grandes habilidades destes moluscos para escapar e loitar contra os seus depredadores

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital