Xoves 18 Abril 2024

Califa: o detector de partículas que Galicia exportará a Alemaña

Un equipo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) rematou na USC a construción dos primeiros módulos do detector Califa, un calorímetro capaz de detectar simultaneamente partículas, cargas e radiación gamma cubrindo un rango enerxético sen precedentes. O detector, construído nas instalacións da universidade compostelá, iniciou este luns viaxe cara as instalacións do centro FAIR (Facility for Antiproton and Ion Research) de Darmstadt, en Alemaña, onde serán probados nas primeiras campañas de toma de datos do centro nos próximos meses e algunhas das cales liderará o equipo da USC.

O centro FAIR é a nova institución de investigación internacional para o estudo da estrutura e propiedades da materia visible que forma o Universo. A profesora da USC e coordinadora do equipo, Dolores Cortina, explica que centro estará equipado cos máis potentes aceleradores de antiprotóns e ións pesados do mundo e constrúeo un consorcio internacional de países que contribúen a financiar o seu custe, próximo aos 1.500 millóns de euros. 

Publicidade

O aparello podería ter importantes aplicacións no eido da imaxe médica

O centro funcionará como un laboratorio de acollida para máis de 3.000 investigadores de 50 países que desenvolverán investigación básica e aplicada no campo da física nuclear. Na colaboración española figuran 50 investigadores/as do CSIC, CIEMAT e das universidades Complutense, de Granada, Huelva, Politécnica de Barcelona, Sevilla, Vigo e de Santiago de Compostela. A colaboración entre os equipos galegos da USC e Uvigo puxo especial interese en que a construción da estrutura mecánica do detector se realice en empresas galegas especializadas na fabricación de carbono, mecanizado de precisión e metroloxía.

O equipo da USC participa dende hai máis dunha década no experimento R3B, unha das colaboracións científicas máis importantes de FAIR na que están implicados 230 científicos e científicas de quince países e que se dedica ao estudo da estrutura e dinámica do núcleo atómico. Dolores Cortina, líder da área estratéxica do IGFAE orientada á física nuclear, coordina tamén o experimento dende maio de 2017. Entre as contribucións máis destacadas deste grupo de investigadores da USC en R3B atópase o deseño e agora a construción do detector Califa. Como explica a profesora Cortina, é importante destacar que a tecnoloxía de detección utilizada neste tipo de detectores, así como as técnicas de reconstrución da información que se colecta son compartidas coas que se desenvolven no campo da imaxe médica.

Parte do detector Califa. Imaxe: USC.
Parte do detector Califa. Imaxe: USC.

R3B utilizará ións radioactivos a velocidades próximas ás da luz e permitirá desenvolver un amplo programa de investigación que abordará cuestións cruciais para a física nuclear, tales como o estudo de propiedades fundamentais dos núcleos atómicos e da forza responsable de unir os protóns e neutróns que os forman, así como de reproducir as reaccións que teñen lugar nas estrelas e que son responsables de xerar a súa enerxía e crear os elementos presentes no Universo. O custe do detector supera os 3,5 millóns de euros,  o 22% dos cales foi financiados con fondos captados polo equipo da USC.

O equipo da USC implicado na construción do detector CALIFA intégrano Héctor Álvarez Pol, José Benlliure Anaya, Pablo Cabanelas Eiras, David González Caamaño e Dolores Cortina.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O comportamento humano altérase de xeito notorio en grupos de máis de 180 persoas

Unha nova análise matemática permite comprender como cambiará unha empresa ou unha rexión por medrar de tamaño

A forza dos raios: mortais nun radio de dez metros e inofensivos dentro dun coche

A presenza da gaiola de Faraday provoca que o campo electromagnético dentro dun condutor en equilibrio estático sexa nulo

Héctor Álvarez, especialista en física nuclear: “A nova fusión é un progreso histórico”

O investigador principal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías ensalza a potencialidade do logro científico pero advirte que a súa comercialización “aínda queda lonxe”

Alain Aspect, John F. Clauser e Anton Zeilinger gañan o Premio Nobel de Física

A Academia Sueca recoñece o traballo destes científicos polos seus experimentos de entrelazamentos de fotóns e por seren pioneiros na ciencia da información cuántica