Eva Dafonte: ‘Ás veces penso ‘estou no CERN!’… é algo tremendo traballar aquí’

Eva Dafonte, xunto ao Centro de Datos do CERN, que almacena toda a información xerada no complexo. Foto: R. Pan.
Eva Dafonte, xunto ao Centro de Datos do CERN, que almacena toda a información xerada no complexo. Foto: R. Pan.

Muller nun mundo de maioría masculina – oito de cada dez estudantes de informática son homes -, unha galega ao mando de decenas de científicos de todo o mundo, subdirectora do Servizo de Bases de Datos, que xestiona a inxente cantidade de información xerada no experimento máis grande do mundo. Máis dun xigabyte de datos a cada segundo, o que suporía, cada ano, poder poñer unha enriba da outra 4 torres de CDs da altura do Mont Blanc. Eva Dafonte Pérez (Ourense, 1979) leva xa 13 anos aquí.

– Como chega unha moza de Ourense ao CERN?

– Preparando o proxecto de fin de carreira na universidade, un compañeiro falounos do CERN e das oportunidades que ofrecía (a el comentárallo un primo seu de Castellón). Unha amiga e máis eu animámonos a enviar a solicitude para unha bolsa, tamén para outros centros de investigación. O CERN foi o primeiro en aceptar a solicitude, e así empecei cunha bolsa dun ano que se estendeu a tres, e despois un contrato de cinco anos como persoal, e despois o indefinido. E ata hoxe.

– Para explicarllo á xente: como contribúe a que isto funcione día a día?

– Traballo no grupo de bases de datos. Aquí encargámonos das bases de datos que se utilizan tanto para o funcionamento básico do CERN (control de entrada e accesos ao LHC, administración ou compras) como do control dos aceleradores (entre eles o LHC) e das aplicacións dos experimentos. Sen as nosas bases de datos, o acelerador de partículas non se pode poñer en marcha.

– Cando reflexiona sobre o que supón formar parte dun proxecto tan importante, que sente?

– A dicir verdade, cando chegas cada día a traballar cada día aquí, estás centrada na túa axenda, nos asuntos que tes que resolver ese día, dos proxectos que hai en marcha, e non che da tempo a pararte a pensar en onde estás. Pero claro, de súpeto paras, reflexionas e dis: ‘Que estou no CERN!’; e claro, é algo tremendo poder traballar aquí.

Temos moitas facilidades para adaptar a nosa xornada á vida familiar

– A porcentaxe de mulleres informáticas é pequena, e o mesmo acontece co persoal do CERN. Notaches algunha vez algún tipo de problema?

– Si é certo que aínda hai poucas mulleres, e iso que polo que eu vin e o que dicían antes de que eu chegara, a situación mellorou moito. Pero eu non podo dicir que tivera ningún problema en ningún momento. A nivel profesional, ao contrario; intentamos que entren máis mulleres. Cando nos chegan curriculums, procuramos intentar buscarlles acomodo ás mulleres que poidan encaixar ben nalgúns dos perfís que ofrecemos. E a nivel familiar, temos moitas facilidades para adaptar a nosa xornada á vida familiar. Eu teño dúas nenas, e sempre houbo disposición para reducir temporalmente as xornadas, cambiar algo os horarios, etc.

– Como percibe o talento e o traballo que aporta Galicia ao CERN?

– Chega moita xente e moi boa. Tanto desde Galicia como o resto de España, no CERN vese que os estudantes e profesionais que chegan aquí traen un nivel de formación e de competencias bastante alto.

– Como ve o futuro?

– Creo que este é o meu sitio. Cando viñen aquí, marchei de Ourense con algo de medo porque claro, é a túa primeira experiencia fóra da casa, pero agora penso que aquela foi a mellor decisión que puiden tomar. A miña vida está aquí e teño un traballo apaixonante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.