Varias "velutinas", no seu niño. Imaxe: Wikicommons / Francis Ithurburu.

Varias "velutinas", no seu niño. Imaxe: Wikicommons / Francis Ithurburu.

“Nuns anos, a velutina deixará de ser un problema para os apicultores”

O investigador Xulio Maside participa no proxecto contra a praga promovido pola Deputación da Coruña

logo-vector-diputacion-la-coruna

Contido patrocinado

Ata o de agora, a maioría das novas que afectan a propagación da praga da vespa velutina en Galicia son malas. Todo apunta á extensión pola xeografía galega dunha especie que ameaza especialmente ás abellas e as colmeas. Porén, agora semella que empezan a aparecer datos que espertan a esperanza. Xulio Maside, investigador do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, apunta que no prazo dalgúns anos a velutina deixará de ser un problema importante para os apicultores. “A combinación da investigación científica, co perfeccionamento dos enxeños artesanais para atrapar as avespas e co aprendizaxe das abellas para evitar os ataques desta especie fará que a súa incidencia na apicultura sexa moito menor. O que será case imposible é erradicala”, indica Maside.

O investigador forma parte do grupo que está a analizar a incidencia da velutina en Galicia dende diversas perspectivas. Maside pertence ao grupo de Xenómica de Parásitos do CiMUS e investiga a posibilidade de que parasitos autóctonos galegos podan chegar a afectar ás velutinas. A Deputación da Coruña financia un convenio coa Universidade de Santiago, cun importe de 137.000 euros, para estudar as distintas vías de combater esta praga.

A Deputación da Coruña financia un convenio para estudar as vías para combater á velutina

En cinco anos a velutina colonizou a totalidade das provincias de A Coruña e Pontevedra, o norte de Lugo e comezou a estenderse cara ao sur desta provincia e o interior de Ourense. A súa extensión semella imparable, mesmo en Italia detectaron que as vespas poden superar altitudes de 2.000 metros para viaxar a outros territorios.

Dende a súa experiencia investigadora na materia, o plan de actuación do equipo da USC articularase en torno a cinco eixos principais: as novas alternativas de loita biolóxica, concretamente a opción de control da praga mediante a inoculación de parasitos autóctonos; o estudo da distribución xeográfica da praga en Galicia; o desenvolvemento, obtención e testaxe dun biocida específico para a loita contra a avespa velutina; o establecemento de criterios para avaliar o impacto económico e social da praga; e a coordinación das colaboracións entre os diferentes actores implicados na loita conta esta especie invasora, entre outras a Asociación Galega de Apicultura-AGA.

“Un dos camiños posibles para frear ás velutinas e ver se os parasitos que teñen as especies autóctonas poden afectalas, xa que sería perigoso para o propio ecosistema traelos dos seus lugares de orixe. É un traballo de longo alcance porque primeiro temos que facer un catálogo dos parasitos dos véspidos galegos e ver se afectan tamén á velutina”, indica Maside.

Hai datos que invitan ao optimismo, tamén nesta vía. A poboación de abella melífera reduciuse nun 40% pola aparición de parasitos “e iso que era unha abella moi coidada, mentras que contra a velutina estase a loitar por distintos medios e algún parasito vai a afectala, iso é seguro”.

“Temos que facer un catálogo dos parasitos dos véspidos galegos e ver se afectan á velutina”

A Vespa crabro (abellón) é o equivalente á velutina en Galicia pero non depreda tanto ás abellas como o fai esta”, explica Maside. As colonias de velutina poden chegar aos 40.000 exemplares e son moi depredadoras das abellas. Os apicultores de toda Galicia están a ser moi afectados por esta praga.

Parece que loita para que os parasitos dos véspidos galegos afecten á velutina semella vai ser longa, pero o perfeccionamento dos enxeños que xa están distribuidos pola xeografía galega para loitar contra a velutina e o proceso de aprendizaxe que farán as abellas para non seren capturadas son algúns dos factores que fan a Maside seren optimista sobre a evolución desta praga. “O impacto dunha especie cando chega é moi forte pero despois o ecosistema reacciona: as abellas aprenden a evitalas, aparecen os parasitos e os apicultores defenden mellor as colmeas”.

“O impacto dunha especie cando chega é moi forte, despois o ecosistema reacciona”

O que ve case imposible Maside é que a velutina chegue a extinguirse xa que isto so podería ocorrer no caso de que aparecese un parasito que acabase con ela. De feito, o investigador sinala que o máis probable é que a velutina se estenda en pouco tempo por toda Galicia. Os datos que hai de 2017 aínda non son moi fiables porque estamos na época onde empezan a detectarse os niños, pero xa hai algúns localizados en concellos onde antes non estaban. “O clima deste ano contribúe á súa extensión, porque o inverno non foi moi frío, e isto favorece que sobrevivan cando abandonan o niño en outono”, engade Maside.

O investigador destaca a importancia de contar con financiamento de institucións como a Deputación da Coruña para loitar contra esta praga e apunta tamén que hai posibilidades de chegar a contar con axudas europeas para seguir investigando as mellores vías para facer fronte a un inimigo poderoso, pero fronte ao que cada vez irán aparecendo máis armas.

Unha invasión a velocidade de vertixe

A Vespa velutina é natural do sueste asiático. Estímase que entrou en Europa por Francia, arredor de 2004, nalgún barco que atracou no porto de Burdeos. Comezou a estenderse polo sur do país galo e o norte da península Ibérica. No ano 2013 detectouse en Galicia.

A súa expansión foi rapidísima. Ata o verán pasado, en pouco máis de dous anos, xa se levaban retirados máis de 10.000 niños no noso territorio. Ao carecer de depredadores no ecosistema local, e debido á súa voracidade cara as abellas, colonizou amplas zonas. Afecta, sobre todo, á apicultura, reducindo a produción de mel entre un 20 e un 40%.

O seu ciclo anual consta de cinco fases. En inverno, as raíñas fundadoras hibernan e morren os machos e as avespas obreiras. Arredor dos meses de febreiro e marzo, as raíñas comezan a construír os niños primarios, os máis pequenos, en zonas agochadas. Coa primavera, entre abril e maio, nacen as obreiras e mudan ao niño secundario, de maior tamaño, e que adoita estar en zonas elevadas. A colonia medra durante o verán, ata alcanzar un máximo de entre 1.200 e 1.800 individuos por colonia entre setembro e outubro. Nesta estación prodúcense a maior parte dos ataques contra as colmeas das abellas. É neste momento cando nacen os machos e as femias sexuadas e se produce a fecundación. Xa ben entrado o outono, as raíñas fundadoras emigran do niño secundario e hibernan ata que comeza de novo o ciclo.

Unha resposta a ““Nuns anos, a velutina deixará de ser un problema para os apicultores””

  1. Gondisalvo

    Hace dos días me comentó una vecina que en el techo del garaje de nuestra casa en Lubian Escobeiro (Mondariz) había aparecido un pañal de avispas asiáticas. Iban a avisar al ayuntamiento y me comentó que era el unico concello ( no se si de Pontevedra o de Galicia) que lo hacía gratuitamente. No se si es cierto o no, pero me aterra pensar en panales de avispas agresivas en casa. Además soy alergico a las picaduras de avispas. Lo descubrí hace tres años. En el mismo día me picaron dos, en el tobillo y la pierna y se me hincharon bastante.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.