Impresora 3dEii

Os enxeñeiros amosan o proxecto ó rector e ó representante de Schneider Electric.

Premio para unha impresora 3D viguesa

Un profesor de Enxeñería Industrial e un alumno gañan o certamen MachineStruxure, da multinacional francesa Schneider Electric

Un equipo formado polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial (EEI) da Universidade de Vigo Julio Garrido e o alumno Jaime Prado fíxose co premio da primeira competición MachineStruxure convocada pola multinacional francesa Schneider Electric. O seu proxecto foi elixido entre once propostas de universidades de toda España que debían desenvolver proxectos innovadores beneficiándose das vantaxes da plataforma MachineStruxure, que permite crear plataformas de automatización flexibles i escalables. Garrido e Prado propuxeron unha impresora 3D capaz de crear pezas de gran tamaño dun xeito máis preciso, exacto i eficiente enerxética e económicamente. E gañaron.

A competición MachineStruxure pretende concienciar ós estudiantes universitarios da importancia da eficiencia enerxética dende a fase inicial do diseño de maquinaria, creando sistemas optimizados e flexibles. Dirixido a universitarios de último curso, xunto a un tutor do proxecto, o concurso pedía unha memoria técnica para o desarrollo de maquina baseada na plataforma MachineStruxure, que ten como finalidade a creación de elementos eficientes, productivos e fiables a menor custo.

O acto de entrega de premios tivo lugar este martes na EEI e nel os gañadores explicaron que a súa proposta baséase no deseño mecánico, eléctrico e de software para unha impresora de pezas de plástico en tres dimensións. “A idea é pasar das impresoras low cost a unha impresora profesional” capaz de realizar pezas grandes sen defectos provocados pola propagación de erros de traxectorias, e cun consumo de tempo o máis axustado posible ás novas dimensións, explican os gañadores ó Diario da Universidade de Vigo (Duvi). En conxunto, permite un aforro de custes de material e de enerxía e tempo e a impresora fai posible o cálculo exacto e automático do custe que supón a realización de cada peza.

O proxecto de Julio Garrido e Jaime Prado propón unha máquina para pezas de gran tamaño

No acto deste martes o reitor, Salustiano Mato, felicitou aos premiados e á Escola de Enxeñería Industria, representada polo seu director, Juan Pou, e lembrou que esta é unha mostra máis do esforzo da institución por colaborar co tecido económico a través da transferencia e da I+D. O vicepresidente de Schneider Electric en España, Joan Jordi Arnó, destacou o papel que as universidades teñen no “tránsito á economía real, que será a que permita reindustrializar Europa tras esta crise á que se chega tras a explosión das burbullas inmobiliaria, financeira e de internet”. Lembrou o reitor que se Europa non quere quedar atrás debe apostar pola economía do coñecemento e “para transitar por ese camiño deben contar coas universidades como nexo de unión entre investigación e industria”.

Arnó afirmou que para recuperar o 15% do PIB que supoñía a industria na década de 1990, é preciso “fabricar produtos competitivos, con menor custe pero con maior calidade e o camiño para conseguilo é a automatización e a eficiencia enerxética”, por iso estas ramas están asentándose cada vez máis na formación dos futuros enxeñeiros. De aí xorde a idea de poñer en marcha esta primeira edición da competición MachineStruxure, que rematou recalando en Vigo.

A convocatoria deste tipo de premios permite achegar aos estudantes ao mundo real da empresa, axuda a fomentar a I+D e a transferencia real de coñecemento e tamén lle proporciona ás empresas a posibilidade de visualizar o desenvolvemento dos seus produtos. E é que ademais dun premio persoal aos investigadores, o galardón permitirá crear unha Aula Schneider Electric na EEI na que Garrido e Prado poderán levar á práctica o seu deseño de impresora 3D. Para isto, a Universidade recibirá ata un máximo de 15.000 euros e unha axuda doutros 4.000 para a posta en marcha do proxecto da impresora 3D.

“A idea é pasar das impresoras low cost a unha impresora profesional” , din os gañadores

O material, xa que está na aula, (dous postos de control de movemento), permitirá mellorar aínda máis o labor docente nos títulos de grao relacionados con automática e electrónica e no propio Máster en Mecatrónica, un dos poucos neste eido que se imparten en España. Por outra banda, a EEI tamén recibe da empresa un robot cartesiano de tres eixos que servirá como base para a construción da impresora 3D coa que Jaime Prado e o profesor Garrido gañaron o concurso.

Neste acto, o reitor quixo tamén ter palabras de lembranza para o profesor Ricardo Marín, que foi o precursor desta liña de investigación en mecatrónica e automatización industrial na escola viguesa. Tralo seu falecemento o pasado ano, tomou a remuda como investigador principal do grupo o profesor Julio Garrido.

Para o profesor Garrido e o seu alumno de doutoramento, Jaime Prado, esta convocatoria supuxo unha oportunidade para testar a súa idea fóra da Universidade e acadar o financiamento e o apoio preciso para poñelo en marcha. Na actualidade Prado está a desenvolver a súa tese de doutoramento neste eido baixo a tutela de Garrido e explica que gañar esta competición, “aparte da gran satisfacción persoal polo traballo realizado, é o que espero sexa o xermolo da miña tese, baseada no desenvolvemento de novas tecnoloxías de impresión 3D, para o cal o premio nos vai supor un importantísimo respaldo”. O propio Garrido lembra que xa tiñan comentado a posibilidade dunha tese no marco de novas estratexias de control para impresión 3D e mecanizado híbrido. “Tiñamos distintas alternativas no Laboratorio Ricardo Marín da EEI, pero faltaba un hardware base e fiable que servise de soporte e campo de probas e o concurso foi unha oportunidade para conseguilo.

Sobre o proceso de traballo, recorda que “foi estresante por cuestións de tempos de entrega”. Mentres Jaime Prado se ocupou dos planos (mecánicos, eléctricos, etc.), o profesor encargouse do desenvolvemento do software. O alumno recoñece a oportunidade que lles outorga Schneider e valora “a súa implicación co sector universitario, non só pola dotación do premio, senón porque este tipo de competicións nos estimula a mellorar e danos a oportunidade de levar a cabo un soño que, seguramente, sen o apoio de Schneider só se quedaría en papel”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.