Tamara Sotelo desenvolveu a súa investigación la Misión Biolóxica de Galicia do CSIC.

Tamara Sotelo desenvolveu a súa investigación la Misión Biolóxica de Galicia do CSIC.

Tres teses doutorais con premio na Universidade de Vigo

Os recursos mariños, o párkinson e a xenética vexetal son os temas que centran as investigacións premiadas

O desenvolvemento dunha metodoloxía estatística que axude a determinar a talla óptima para a captura do percebe, o estudo dunha substancia endóxena como posible axente antiparkinsoniano e a análise das bases xenéticas que determinan o potencial antioxidante de verduras como o grelo ou o repolo. Estes son os eixos das tres investigacións desenvolvidas na Universidade de Vigo que veñen de ser recoñecidas pola Deputación nos Premios Provinciais á Investigación, nos que o xurado seleccionou de dez proxectos de entre un total de 34 candidaturas. Concretamente, a institución viguesa copou os galardóns na área de Ciencias e Tecnoloxía, tanto no apartado de proxectos de investigación, na que foi seleccionado o traballo que Marta Sestelo desenvolveu xunto con Javier Roca e Nora M. Villanueva; como no de teses de doutoramento, na que foron premiados os proxectos de Tamara Sotelo e Lorenzo Justo.

“A verdade é que a carreira investigadora é longa e os recoñecementos relacionados con esta profesión son escasos, así que recibir un premio deste estilo axuda a continuar”, recoñece Marta Sestelo, membro do grupo de investigación SiDOR e investigadora posdoutoral no Centro de Matemáticas da Universidade de Minho, que viu como Novas achegas á xestión dos recursos mariños mediante o uso de modelos de regresión non paramétricos, o traballo que realizou xunto co profesor do Departamento de Estatística e Investigación Operativa Javier Roca e a investigadora de SiDOR e Gradiant Nora M. Villanueva obtiña un premio dotado con 3000 euros.

“O obxectivo da investigación foi achegar unha nova metodoloxía estatística para estimar a ganancia de peso nos recursos mariños”, e máis concretamente dos percebes, co propósito de determinar “unha posible talla de captura óptima” e contribuír así a súa preservación, explica esta investigadora. Os seus resultados deron xa pé á publicación de tres artigos en revistas científicas, enmarcados nunha liña de traballo, “a aplicación de novos modelos estatísticos á xestión dos recursos mariños”, que segue a centrar o labor investigador de Sestelo, quen recoñece o valor de premios como este como “un medio para concienciar á sociedade da importancia” do traballo investigador.

Estes premios queren concienciar á sociedade da importancia da investigación

Como unha “verdadeira satisfacción” e un estímulo para seguir traballando co propósito de que “desde a investigación poidamos facer que a nosa sociedade avance” recibiu Lorenzo Justo o premio, dotado con 2000 euros, que a institución provincial concedeu á súa tese Efectos de la isatina sobre la neurotransmisión dopaminérgica. Un estudio in vivo mediante microdiálisis cerebral. Baixo a dirección dos profesores Rafael Durán e Lilian Rosana Ferreira e coa colaboración tamén do profesor Miguel Alfonso Pallares, Justo centrou a súa tese no estudo de como a isatina, un composto xerado polo propio corpo, podería contribuír á loita contra o párkinson. Na súa tese, este investigador describe os efectos que deste composto nos niveis de dopamina, un neurotransmisor deficiente nesta enfermidade, que a administración de isatina contribuiría a incrementar, ao actuar como inhibidor da monoamino oxidasa, o principal encima encargado da degradación da dopamina.

“Sigo colaborando co grupo de Neuroquímica, xa que consideramos que é unha temática moi interesante e que aínda podemos afondar nalgúns aspectos do composto”, apunta Lorenzo, que actualmente traballa como docente na Universidad Europea Miguel de Cervantes de Valladolid, da liña de estudo aberta cunha tese centrada nunha substancia pouco estudada e “con moito potencial”.

Sotelo investigou os compostos biosaudables de brásicas como os grelos

Tamén na categoría de Ciencias e Tecnoloxía foi recoñecida a tese Brassica oleracea como fuente de compuestos biosaludables: aproximación genética que converteu en doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo a Tamara Sotelo, quen se recoñece “contenta e á vez sorprendida” con este recoñecemento, “xa que hai moitos traballos tan merecedores deste premio como o meu”. Desenvolvida na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, baixo a dirección das investigadoras Elena Cartea e Pilar Soengas, a tese que Sotelo defendeu na Escola de Enxeñaría Forestal buscaba afondar no coñecemento dos “xenes implicados na síntese e regulación dos compostos biosadubles presentes nas brásicas”, xénero no que se agrupan especies vexetais como o grelo, a berza o repolo ou a coliflor.

Segundo explica a investigadora, “este estudo permitiunos observar que as follas destes cultivos posúen unha maior capacidade antioxidante e os brotes unha maior concentración de glucosinolatos”, resultados que abren á porta ao deseño “de distintos programas de mellora xenética” destas especies, non centradas na busca de cultivos máis residentes, como se viña facendo tradicionalmente, senón na procura de “cultivos máis saudables”.

Xunto cos tres proxectos desenvolvidos na Universidade, os Premios Provinciais á Investigación 2015 tamén recoñeceron os proxectos Estado da conservación dos castros da comarca do Deza, de Antonio Presas, na área Humanidades e Ciencias Sociais; e Cabaqueiros nos reais arsenais. Ferrol como principal destno dos ‘maestros texeros’ do Baixo Miño, de María de los Ángeles Verea, na categoría Provincia de Pontevedra. No apartado de Novos Investigadores, Jorge Enríquez Méndez e Adrián Pérez foron distinguidos nas categorías de Humanidades e Ciencias Sociais e Novas Tecnoloxías, respectivamente, mentres que no de teses de doutoramento, os premios de Humanidades e Ciencias Sociais foron para Diana Dúo, Nuria Barros e Carlos Gegúndez.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.