Venres 26 Abril 2024

O mosquito que nos debería preocupar non é o do zika

Jeffrey R. Powell.
Jeffrey R. Powell.

Artigo de opinión de Jeffrey R. Powell*

As últimas semanas foron unha tolemia para os biólogos especialistas en mosquitos, como eu. Nunca antes recibiramos tantas peticións para que nos pronunciásemos sobre que pode supoñer para a saúde mundial unha enfermidade transmitida por mosquitos, o virus Zika. Con toda esta cobertura informativa, resulta sorprendente que ningún dos candidatos á presidencia dos Estados Unidos se aproveitara (aínda) da repercusión mediática relacionada co zika. Pero… representa en realidade o zika esa gran ameaza para nós e os nosos fillos

Publicidade

Existen razóns para sospeitar que se esaxerou sobre a grave ameaza que pode supoñer o zika para a saúde humana. O tema podería desaparecer bastante pronto dos titulares de prensa. Pero hai outros axentes patógenos transmitidos por mosquitos dos que realmente deberiamos preocuparnos, sobre todo aqueles que vivimos en latitudes altas.

Existen dúas especies de mosquitos (chamados ‘vectores’) que son capaces de transmitir virus causantes de enfermidades humanas como a febre amarela, a febre do dengue, a febre chikunguña ou o zika. Un deles é o Aedes aegypti, endémico do África subsahariana e limitado a climas cálidos, motivo polo cal estas enfermidades sempre se consideraron tropicais. Isto tamén explica o motivo polo que non se lles prestou moita atención: principalmente, teñen lugar en países do terceiro mundo, onde non se obterían demasiados beneficios económicos ao desenvolver medicamentos ou vacinas.

Os ovos de mosquito tigre retrasan a maduración para sobrevivir en latitudes altas

O segundo mosquito é o Aedes albopictus. En 1960, escapouse da súa contorna nativa en Asia e comezou a conquistar o mundo literalmente. Gañou o seu nome común: o mosquito tigre asiático. É quen de transmitir os mesmos virus que o Ae. aegypti. Do mesmo xeito que o seu parente, reside en hábitats humanos e é un agresivo trabador de persoas. O máis importante é que pode sobrevivir durante todo un ano en climas mornos.

As poboacións de Ae. albopictus que viven en latitudes máis altas poñen ovos no outono que poden atrasar o seu desenvolvemento (‘diapausa’, na xerga científica) ata unha época máis cálida como a primavera e eclosionar entón. Actualmente, as poboacións reprodutoras permanentes atópanse en gran parte de Europa e ata a altura de Nova Jersey, ou quizais Connecticut, nos Estados Unidos.

Por que podería o Ae. albopictus converterse nunha praga nos Estados Unidos e Europa? Unha das razóns é que, mentres esta especie continúa a se espallar, tamén estivo a adaptarse ao longo dos últimos 30-50 anos, o cal significa que podemos esperarnos poboacións de maior tamaño. Para que persista unha epidemia provocada por unha enfermidade transmitida por mosquitos, resulta necesaria certa densidade do mosquito vector para que o axente patóxeno continúe desprazándose dun portador a outro mentres se desenvolve a inmunidade. É probable que o Ae. albopictus estea a alcanzar a súa densidade crítica nalgunhas zonas da súa área ampliada.

zika mosquito

Que virus ten máis probabilidades de converterse nun grave problema como resultado das poboacións cada vez maiores de Ae. albopictus? Xeralmente, considérase que o Ae. albopictus non ten a mesma capacidade que o Ae. aegypti para transmitir virus de enfermidades humanas. Con todo, a febre do dengue é endémica de zonas de China nas que non hai Ae. aegypti, senón unicamente Ae. albopictus, o cal demostra que si que é capaz de provocar epidemias de febre do dengue se a súa densidade é o suficientemente alta.

Aínda máis desacougante é o que sucedeu na pequena illa da Reunión, no océano Índico, durante os anos 2005 e 2006. Producíronse ao redor de 250.000 infeccións (nunha poboación total de aproximadamente 800.000 persoas) do virus chikunguña, outro axente patógeno transmitido por mosquitos. Con todo, na illa da Reunión non existía o Ae. aegypti, unicamente o Ae. albopictus, o cal non debería ser capaz de manter unha epidemia de chikunguña. Como fixo vector ‘débil’ para provocar tal brote? O misterio resolveuse grazas ás investigacións posteriores: o virus mutara! Á nova cepa do virus chikunguña, responsable da epidemia, dáselle bastante ben reproducirse no Ae. albopictus. A evolución do virus converteu a un mosquito vector débil nun vector moito máis forte.

As persoas afectadas polo virus chikunguña presentaban síntomas similares aos do dengue: febre alta, erupcións e dor articular. O nome procede dunha lingua de África, o makonde, e significa ‘que se dobra’, en alusión á postura que adoptaban as persoas infectadas. A maioría, entre o 72% e o 97% dos humanos infectados con chikunguña desenvolve estes síntomas, en comparación cunha minoría de entre o 20% e o 25% de persoas infectadas con zika ou dengue.

A febre chikunguña é moito máis grave e contaxiosa que o zika

A febre chikunguña prolóngase por máis tempo e presenta síntomas máis graves que os relativamente leves e de pouca duración do zika. Mesmo despois de eliminar o virus do chikunguña, os síntomas poden persistir. Un ano despois da aparición dun brote en Italia durante 2007 (provocado polo Ae. albopictus), o 66% dos pacientes aínda presentaba síntomas.

O virus chikunguña non se rexistrou no Novo Mundo ata 2013, ano no que foi detectado na illa de San Martín, no Caribe. Desde entón, viaxou ao longo dos trópicos americanos, probablemente transmitido polo Ae. aegypti, o mosquito tropical. Resulta importante mencionar que as cepas actuais do chikunguña no Novo Mundo non son as mesmas que as da Reunión, que se reproducían moi ben no Ae. Albopictus, o mosquito tigre.

Non resulta desatinado pensar que é só cuestión de tempo que as cepas de chikunguña que poden transmitirse polo mosquito tigre aparezan no Novo Mundo, ben introducíndose ou ben creando novas mutacións que poidan reproducirse no Ae. albopictus mesmo mellor que a cepa mutante da illa da Reunión. Se isto sucedese, o zika podería pasar a considerarse unicamente unha anécdota curiosa na historia das epidemias transmitidas por mosquitos.

Jeffrey R. Powell, profesor de Ecoloxía e Bioloxía evolutiva da Universidade de Yale, é un apaixonado do Aedes aegypti, ao que estudou durante 50 anos. Este artigo de opinión publicouse en inglés na web STATS e foi reproducido pola Axencia Sinc.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Por que o cerebro dos vertebrados é tan complexo? A clave está en virus antigos

Uunha secuencia xenética derivada de primitivos retrovirus resulta esencial para producir mielina, a capa que protexe as fibras nerviosas

Alerta por dengue en Europa: pode ser endémico en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade, detectouse por primeira vez en Moaña durante o verán e xa se estendeu a outros catro concellos

Confirmada a presenza do mosquito tigre no concello de Vilaboa

Identificouse un exemplar nunha das trampas colocadas no municipio, despois de que a especie aparecese por primeira vez en Galicia este verán