O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a relación de 31 concellos das provincias da Coruña e Lugo nos que se declara a corentena sobre os cultivos de pataca debido á praga da couza. A praga esténdese con forza, posto que hai pouco máis dun ano, en novembro de 2015, os únicos concellos afectados eran tres, todos na comarca de Ferrolterra: Ferrol, Narón e Neda. Agora a cifra xa se multiplica por 10.
Na resolución tamén se decretan as medidas fitosanitarias que se deben levar a cabo para facer fronte á praga. Os agricultores destes concellos deberán retirar e destruír todos os tubérculos danados, realizando tratamentos específicos para a súa eliminación. Ademais, deberán colocar trampas para a captura do insecto Tecia solanivora, responsable da doenza, e desinfectar os almacéns dos comercializadores. Por tanto, queda prohibido extraer pataca nas zonas demarcadas.
Os afectados son 13 concellos da provincia da Coruña (Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez) e 18 de Lugo (O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova).
Ao mesmo tempo, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo sinalou que o Ministerio de Agricultura elaborou un borrador de decreto sobre a praga, que trasladou ás comunidades autonómas (entre elas Galicia), co fin de recoller propostas e alegacións. A norma do Ministerio contempla a posibilidade de prohibir a plantación de patacas nas zonas infestadas, polo que aconsellou aos agricultores destas áreas paralizar, polo de agora, novos cultivos. Nos anos 2015 e 2016 destruíronse en Galicia 6.800 quilos de tubérculo afectado por esta praga, pagándolles aos produtores a razón de 0,30 céntimos por quilo. O borrador do ministerio tamén contempla a posibilidade de compensar, a maiores, aos agricultores afectados.
A couza guatemalteca chegou dende América a Canarias a comezos do século XXI
A praga denominada “couza guatemalteca da pataca”, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny, é unha das de maior importancia económica no cultivo da pataca en América Central, de onde é orixinaria, e nos países de América do Sur, nos que se foi introducindo: Venezuela (1983), Colombia (1985) e Ecuador (1996). En Europa este insecto foi observado e identificado nas illas Canarias (1999-2006). A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization) polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.
Os danos son causados pola larva, tanto en campo como en almacén, penetrando no tubérculo para alimentarse facendo galerías, sendo o tubérculo de pataca o único hospedador desta praga. A evolución en Galicia desta praga foi enorme. En novembro de 2015 había só 3 concellos afectados, todos no norte da Coruña: Ferrol, Narón e Neda. Un ano máis tarde, a cifra multiplicouse por 10. A prohibición de sementar pataca tenta atallar a extensión do foco, do que se teme que chegue ás grandes prantacións situadas en bisbarras como A Limia ou Bergantiños.
A primeira foto que aparece e de unha pataca con síntomas de Epitrix, non de couza