“Hawking aproveitaba cada minuto coma se fose un regalo”

Ao espertar na mañá do mércores, Jorge Mira Pérez (Baio, 1968) tiña case 50 chamadas perdidas no seu teléfono. O catedrático de Electromagnetismo da USC foi a persoa que trouxo a Stephen Hawking por primeira vez a Galicia, en 2008, cando se lle concedeu o premio Fonseca do programa Conciencia que el mesmo dirixe. A morte do científico británico chega xusto unha semana despois de que Mira rematase a tradución ao galego de Breve historia do tempo, que se publicará nos vindeiros meses dentro da colección de Clásicos do Pensamento Universal. 

– Somos conscientes da importancia da figura de Hawking?

Publicidade

‘Cando publicou os seus traballos máis importantes xa non era quen de escribir’, lembra Mira

– A verdade é que era o científico máis famoso da actualidade; e despois de Einstein, ninguén tivo o eco popular que chegou a ter Hawking. E foi moi importante a nivel científico por dúas circunstancias esenciais: por unha banda, completou a aparataxe do Big Bang, co artigo que publicou con Roger Penrose en 1970; e por outra, co seu traballo sobre os buracos negros e a descrición da radiación de Hawking, que foi o primeiro exemplo no que fixo compatibles a mecánica cuántica e a teoría da relatividade, que ata ese momento parecía que non pegaban nin con cola.

E por outra banda, Breve historia do tempo supón un antes e un despois na divulgación científica. Estivo catro anos entre os libros máis vendidos do mundo, e estímase que chegou a vender unha copia por cada 750 persoas que hai no mundo; foron unhas cifras que supuxeron un salto a nivel mundial.

– Que destacaría da súa personalidade?

As súas circunstancias de saúde son esenciais para entendelo. Levaba no fío da navalla desde 1963. E non hai que esquecer que cando presentou os seus traballos máis importantes, xa non era quen de escribir, tiña que facer todo de memoria.

E iso facía que aproveitara cada minuto coma se fose un regalo. Para a xente que estaba enferma, ou nunha situación mala, ver a Hawking era un xute de ganas de vivir. Porque el sabía o que era ter problemas de verdade desde moi novo. E iso tamén lle facía ter unha gran calidade humana. Ás veces era difícil que cadrase a axenda para atender a importantes autoridades, pero se acudía a velo unha persoa con problemas, el sempre atopaba un oco. Lembro que en Santiago foi a visitalo unha rapaza cunha enfermidade grave, el recibiuna e fixo que lle gardasen un espazo en primeira fila nun dos actos que protagonizou.

– Que impresión levou de Galicia?

‘Cando veu a Santiago quedou prendado da estatua de Fonseca no claustro da universidade’

– Cando veu, toda a xente que o acompañaba comentou que quedara prendado da estatua de Fonseca no claustro da universidade. E a visita, en xeral, gustoulle moito porque estaba moi ben preparada. A súa xefa de gabinete viñera uns meses antes para preparar todo, e cando chegou, todo estaba medido. Percorreu Santiago, estivo en Noia, pola Costa da Morte, no cabo Fisterra… Todo o mundo que veu con el quedou cunha boa impresión, e conectamos tamén con eles a nivel humano.

E tiña un cariño especial polo premio Fonseca. Recibiu moitos premios importantes, e o noso, ao lado deles, non é tan relevante, pero el tiña reservado un oco especial no seu despacho para a estatua. Estaba ao lado da foto de Richard Feynman.

– A morte de Hawking chega cando acaba de traducir ao galego Breve historia do tempo

– Fai unha semana que entreguei a tradución. Queda por facer agora un estudo introdutorio que prepararemos entre José Edelstein e máis eu, pero agora igual apuramos todo un pouco dadas as circunstancias. O libro vai ser o seguinte da colección Clásicos do Pensamento Universal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Pódcast | É hora de entender o cambio horario, con Jorge Mira

O catedrático de Física da USC, membro do comité de expertos que asesorou ao Goberno, aclara as dúbidas respecto ao movemento do reloxo

Un estudo cuestiona os riscos para a saúde atribuídos ao movementos do reloxo

Investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla revisaron a literatura científica máis citada a este respecto

O pai da batería de ión-litio: “Galicia ten un enorme potencial eólico, o reto é almacenalo”

O nobel de Química de 2019 lamenta en Santiago como o seu descubremento cambiou os nosos costumes: “O bo e o malo son indisolubles, tamén na ciencia”