O meandro da Cubela, no río Sil

O meandro da Cubela, no río Sil

Augas de Galicia di que o 76% dos ríos galegos están nun estado “mellor que bo”

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil sinala que minaría, vertidos e agrogandería 'impiden que estean ao 100%'

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, destacou que o 76% das masas de auga que abranguen as concas destes dous ríos e do Limia, se atopaban nun estado “mellor que bo”, cifra que ascendía ao 77% no caso do plan Galicia Costa, dependente de Augas de Galicia. A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra acolleu a segunda edición do Seminario de Xestión e Conservación dos Ecosistemas Fluviais. Nesta cita púxose en valor a necesidade dunha abordaxe integral das concas fluviais en Galicia para garantir a súa conservación.

Roberto Arias, José Manuel Corbacho, Francisco Marín e Enrique Valero, durante o seminario

Roberto Arias, José Manuel Corbacho, Francisco Marín e Enrique Valero, durante o seminario

Ante estes datos, o subdirector xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, Roberto Arias, afirmou que “se nos comparamos con outras partes de España, en Galicia temos bastantes zonas dos ríos en bo estado”. Partindo da máxima de evitar o seu deterioro, o responsable de Augas de Galicia apuntou ás múltiples actuacións recollidas no plan hidrolóxico, desde a loita contra a contaminación ao acondicionamento e recuperación das ribeiras ou a propia política forestal, “unha parte fundamental que se debería potenciar aínda máis”. Así mesmo, Arias puxo o acento na importancia de figuras como as reservas naturais fluviais, que foron o eixo da intervención de Mónica Velo, da Área de Calidade de Augas de Galicia, tamén representada neste seminario por Raquel Piñeiro, quen abordou os traballos de elaboración do novo plan hidrolóxico para o ciclo 2015-2021.

Francisco Marín, pola súa banda, detívose nalgunha das problemáticas que impiden que ese estado “máis que bo” alcance o 100% das concas da Confederación Hidrográfica, onde se xera “case o 20% da produción hidroeléctrica nacional”. Neste punto, aludiu en primeiro termo aos efectos que supón, en termos de acidificación das augas, a actividade mineira, tanto á asociada á lousa, como ao carbón nas comarcas astur-leonesas, á que sumou a “contaminación difusa” derivada da actividade agrogandeira. Apuntou tamén que a dispersión da poboación en Galicia provoca que existan “multitude de puntos de vertido e de extracción de auga” ao longo dunha conca fluvial, así como os efectos que nestas poden ter os “fenómenos meteorolóxicos extremos”, como as inundacións e as secas. “Aquí a vosa formación terá moito que dicir no futuro”, sinalou ao alumnado Marín, ao tempo que puña en valor o proxecto de especialización do Campus da Auga, en Ourense, xa que a xestión deste recurso constituirá “un campo importante de traballo”.

A actividade mineira e agrogandeira impide un estado óptimo das concas

“O que pasa augas arriba, afecta augas abaixo”, dixo Marín, falando do principio da ‘unidade de conca’, idea na que incidiron varios dos participantes no seminario. Tamén se destacou o papel que poden xogar  os enxeñeiros e enxeñeiras forestais en ámbitos como a bioenxeñaría. Ademais de Marín, a xornada reuniu neste centro do campus pontevedrés a unha decea de expertos e expertas, que abordaron aspectos como a xestión dos espazos protexidos, o desenvolvemento dos plans hidrolóxicos ou diferentes experiencias en materia de conservación e sensibilización ambiental.

Nese senso, o director da EE Forestal, Enrique Valero, puxo o acento na importancia de avogar por unha concepción da xestión da auga “máis ampla que a xestión dos caudais e a produción de enerxía e de auga para consumo”, de acordo co recollido na directiva marco europea “que sentou as bases” do actual modelo de planificación das concas hidrográficas. “E os enxeñeiros forestais sempre tivemos moito que ver neste tema”, engadiu Valero. Pola súa banda, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, destacou que “estes ecosistemas seguen a ser unha das contornas naturais máis degradadas, polo que a súa conservación e mellora tense que converter nunha prioridade absoluta”. Corbacho tamén apuntou á importancia de “fomentar a sensibilización da cidadanía” en materia medio ambiental, tarefa que, lembrou, constitúe un dos compromisos adquiridos no proxecto Green Campus.

“O que pasa augas arriba, afecta augas abaixo”

A idea da unidade de conca e da importancia de ter en conta “que todo o que acaba chegando ao río ten unha influencia” neste foi tamén resaltada polos representantes de Augas de Galicia e a Confederación Miño-Sil, que incidiron neste acto nas medidas recollidas nos plans hidrolóxicos aprobados no 2009 a raíz do disposto na normativa marco comunitaria. Uns plans que, salientou Marín, constitúen “unha radiografía en continuo dunha conca” e que a raíz desta directiva incorporaron unha “mentalidade máis ambiental”, xa que previamente, “o seu obxectivo era satisfacer demandas, ver canta auga se necesitaba nun sitio e que infraestruturas eran precisas para satisfacela”.

Co propósito de “dar a coñecer ao alumnado e á sociedade en xeral a importancia dos ecosistemas fluviais”, este seminario, salienta a súa coordinadora, a profesora Xana Álvarez, completouse cunha serie de relatorios dirixidos a dar a coñecer experiencias concretas en materia de conservación. Relatorios como o ofrecido polo presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho, para abordar o traballo que esta asociación vén desenvolvendo no río Gafos, ou como o impartido pola investigadora da Universidade de Freiburg (Alemaña) Andrea Janeiro, sobre o estudo que está a desenvolver sobre a conservación do cervo mulo no río Little Missouri, en Dakota do Norte (Estados Unidos), co propósito de coñecer os efectos que tivo nesta especie o “crecemento exponencial da industria do petróleo e do gas”, nesta zona. “O desenvolvemento industrial causa un grande impacto, que se traduce na perda e fragmentación do hábitat”, salienta esta investigadora, que incide en que “os ecosistemas e a fauna que os compoñen están indiscutiblemente correlacionados”.

Unha resposta a “Augas de Galicia di que o 76% dos ríos galegos están nun estado “mellor que bo””

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.