Nas últimas investigacións en Oímbra atopáronse tamén gravados rupestres.

Nas últimas investigacións en Oímbra atopáronse tamén gravados rupestres.

Un estudo da UVigo revela a orixe da vila de Oímbra no século XIII

A vila ourensá é dous séculos máis antiga do que se pensaba e os investigadores fixeron novos achados históricos

En abril de 2017 Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra, e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, asinaron un convenio de colaboración que tiña como obxectivo buscar as orixes históricas deste municipio ourensán.

Agora se presentaron os resultados da investigación realizada por un equipo da Facultade de Historia do campus de Ourense. Entre eles destácase como “cos novos datos coñecidos a raíz da elaboración deste proxecto de investigación, Oímbra configúrase como vila xa no século XIII, sempre con anterioridade a 1287 e, polo tanto, dous séculos antes do que ata o momento se pensaba”.

Presentación da investigación en Oímbra.

Presentación da investigación en Oímbra.

A presentación do informe do Proxecto Investigación Arqueolóxica e Histórica sobre as Orixes do Concello de Oímbrativo lugar no municipio ourensán coa participación da súa alcaldesa e de Beatriz Comendador, especialista en Prehistoria e Historia Antiga, e o investigador Víctor Rodríguez Muñiz, que xunto a Beatriz Vaquero e Francisco Javier Pérez, especialistas na etapa Medieval e Moderna, completaron o equipo da Facultade de Historia que levou a cabo este estudo.

A idea de pór en marcha esta iniciativa, lembrou Ana María Villarino, naceu da necesidade de buscar as orixes deste municipio e pór luz sobre a descoñecida evolución histórica deste municipio. Segundo explicaron os autores e autoras do informe, o proxecto perseguía o duplo obxectivo de amosar a información arqueolóxica coñecida para o concello, mediante a revisión de catalogacións e prospeccións en campo, e rastrexar as referencias que os textos escritos, moitos deles en documentación aínda inédita, puidesen achegar para un maior e mellor coñecemento da realidade de Oímbra.

O traballo efectuado, subliñaron os seus responsables, permitiu confirmar a riqueza histórica do concello. Se ben o actual concello de Oímbra ten a súa orixe nas reformas administrativas do século XIX, comentaron os investigadores e investigadoras, “a vila e o seu termo afondan as súas raíces moitos séculos atrás.

De feito, e froito dunha xeografía que combina serra e val e das súas excelentes condicións de comunicación, fundamentalmente a través do Támega, Oímbra amosa unha ampla e diversificada riqueza patrimonial, tanto arqueolóxica como etnográfica, e foi testemuño ou protagonista de non poucas páxinas da nosa historia”.

Trátase, detallaron os historiadores e historiadoras, dun territorio no que se aprecian as pegadas dos distintos períodos históricos ao longo dos séculos. “Contamos con mámoas, interesantes conxuntos de arte rupestre ou unha interesantísima mostra de estatuaria prehistórica, a estatua-menhir do muíño de San Pedro, cargada dun simbolismo ao que non foi allea a súa reutilización como elemento funerario e de distinción social séculos máis tarde, en época romana”. Son moitas, engaden, as evidencias de ocupación romana nas múltiples villae asentadas neste territorio de Oímbra, “pero non só, porque os antigos castros, lonxe de ter desaparecido, continuaron a ser importantes lugares de asentamento, se ben modificados e adaptados ás novas maneiras que Roma trouxo consigo”.

O concello de Oímbra conta con dous dos castros máis representativos da bisbarra

Precisamente, sinálase no informe presentado este xoves, o concello conta con algúns dos castros máis representativos da contorna, ambos limítrofes con Monterrei: o Muro do Búbal e, de maneira moi destacada, o Castelo das Chás, un asentamento en altura que tivo unha pervivencia continuada de tres milenios, desde o calcolítico ata os anos finais da Idade Media, cando no seu recinto se erguía o Castelo de Lobarzán.

“É na Idade Media onde o proxecto deu os seus maiores froitos. Case descoñecida ata o momento, a historia medieval de Oímbra foi obxecto de especiais atencións coa procura de fontes documentais que permitiron un achegamento moito máis exhaustivo e que modificou en boa medida o coñecemento que de Oímbra tiñamos ata o momento”, detallaron os investigadores e investigadoras. Foron fundamentais para isto, apuntaron, as fontes inéditas consultadas, de maneira particular as coleccións diplomáticas dos mosteiros de Montederramo e de Melón (xuntamente con outras xa publicadas como a de Celanova), “congregacións que cobizaron estas fértiles terras, chegando as dúas últimas a asentar cadansúa granxa, das que non había ata o momento noticia”.

Cos novos datos coñecidos Oímbra sitúase segundo o informe presentado como unha vila real, fundada tal vez en paralelo á de Monterrei, e que conta con notario e xuíz que atenden as súas necesidades e do couto do que era cabeceira. “Unha importante feira, que foi quen de competir coa de Chaves, e a presenza dun castelo (ao que o tempo lle reservou un destino pouco convencional, pois hoxe podemos ver a súa pedra edificando outra torre, a de Don Sancho en Monterrei), subliñan a importancia de Oímbra na Idade Media e ata a guerra de independencia de Portugal desde 1640, cando a inestabilidade da fronteira truncou, por non poucas décadas, este período de esplendor”, sinálase no informe.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.