Xoves 28 Marzo 2024

Sanjurjo Badía, un xenio inventor

Sanjurjo Badía xunto ao invento da súa colmea.
Sanjurjo Badía xunto ao invento da súa colmea.

A figura senlleira que encarna un clásico inventor do século XIX está representada en Antonio Sanjurjo Badía. Nado na vila coruñesa de Sada, en 1837, este industrial desenvolveu en Vigo toda a súa carreira para converterse nun auténtico xenio na historia de Galicia.
Fillo de reloxeiro, Sanjurjo emigrou con 17 anos a Cuba, onde abriu unha fundición. Cinco anos máis tarde, regresou a Galicia e instalouse en Vigo, onde creou un taller ao que primeiro bautizou como “La Fundidora” para logo denominalo “La Industriosa”, nome co que quería render homenaxe ás laboriosas abellas, pois era afeccionado á apicultura.
No taller de Sanjurjo, ao que alcumaban o “Habilidades”, construíuse a primeira máquina de vapor fabricada en Galicia. E pronto gañou fama reparando motores para barcos de todas as bandeiras que recalaban no porto de Vigo. Sempre ideando proxectos, o noso home participou na fundación da primeira fábrica de papel continuo que houbo no país, que se movía cunha máquina de vapor deseñada por el. Aberta no concello de Lavadores, supuxo un grande avance para a imprenta e a prensa escrita en Galicia.

Creou a primeira fábrica de papel continuo e os buses que rematarían por ser o Castromil

En 1880, inaugurou nova sede para “La Industriosa” e máis tarde fundou os seus propios estaleiros, nun momento no que se disparaba a demanda de pesqueiros de vapor para manter a florecente industria conserveira.
Home preocupado polas cuestións sociais, empresario atípico na época, crea para os seus máis de douscentos operarios unha caixa de previsión que bautiza como “La Hermandad”, pola que os obreiros percibían unha pensión tras do seu retiro ou unha paga se estaban doentes. Dalgún xeito, inventaba así unha versión pioneira da seguridade social.

Publicidade

A 'boia submarina' de Sanjurjo, hoxe no Museo do Mar de Galicia.
A ‘boia submarina’ de Sanjurjo, hoxe no Museo do Mar de Galicia.

Tamén a finais do século XIX, empéñase no reto de levar a subministración de auga á illa de San Simón. A súa capacidade como enxeñeiro permitiulle conseguilo, utilizando só os medios da súa empresa. En 1898, coincidindo coa Guerra de Cuba, estrea a súa creación que acadaría máis sona: a “boia submarina“, coa que pretende combater ós Estados Unidos. Nas probas, o artefacto gobernado polo propio Sanjurjo navegou a 20 metros de profundidade durante unha hora e media.
O rudimentario submarino pode verse hoxe no Museo do Mar de Galicia, na viguesa praia de Alcabre, e resulta abraiante a audacia do seu creador. Pilotar o chisme foi tan valente como a propia idea de idealo, construílo e botalo.

O noso personaxe deu lugar tamén a algunhas fantasías. A primeira, xa descartada, pero que se mantivo durante décadas, foi que Xulio Verne, de visita en Vigo en 1878, se inspirou nos proxectos de Sanjurjo para idear o “Nautilus“. E que esa era a orixe da novela “20.000 leguas baixo dos mares”. Pero é algo imposible, porque a novela xa estaba publicada dende 1869. Tampouco é certo que se coñecesen nin moito menos mantivesen unha relación epistolar. Non existe ningunha proba desta fantasía e todos os indicios sinalan o contrario: Sanjurjo nin sequera é mencionado nos carnés de viaxe das súas dúas visitas a Vigo, nas que anotaba a todas as persoas que ía coñecendo.

Pero houbo máis xenialidades de Sanjurjo. A finais do XIX, presentou na Exposición de Santiago a súa “colmea móbil”, un artefacto de metal e cristal onde se podía contemplar ás abellas en acción. Jaime Solá, en “Vida Galega”, escribiu un admirado artigo: “Aquí demostrou Sanjurjo ata que punto chega o seu enxeño mecánico”.

Inventou unha rede de postes telefónicos para os primeiros buses de Galicia 

Co novo século, segue Sanjurjo cos seus inventos. En “La Industriosa”, logra reconverter motores de vapor en gasolina e funda “La Regional”, compañía de autocares cuxa principal ruta é A Coruña-Santiago. Con ela, desbanca a “La Ferrocarrilana”, a compañía de dilixencias que operaba daquela ata a chegada desta nova tecnoloxía. E suma un novo invento, as “estacións telefónicas portátiles”. Trátase de postes de teléfono situados na ruta cada dez quilómetros. Así, en caso de avaría, o condutor podía pedir rapidamente que chegase outro vehículo de substitución. “O Habildades” viña de inventar os postes de emerxencia das autoestradas.

A idea de progreso

Morre Sanjurjo en 1922 e os seus funerais son grandiosos. As crónicas salientan como se mobilizaron conmovidos os seus propios obreiros. A popularidade da súa liña de autobuses pasará logo a mans doutro pioneiro: Evaristo Castromil Otero. Os famosos “castromiles” pasarán a artellar Galicia, tras o servizo creado polo noso inventor.
Submarino, os primeiros autobuses, un seguro social, o poste telefónico das estradas e unha novidosa colmea foron as grandes aportacións de Sanjurjo Badía, todo un home do seu tempo, o século XIX, no que o mundo quedou abraiado coa idea do progreso, palabra que da nome a rúas de moitas poboacións de Galicia e mesmo ao xornal senlleiro de Lugo. O xenio de Sanjurjo queda para sempre como o do grande inventor galego.

2 COMENTÁRIOS

  1. Extraordinarios documentos de persoas e feitos insignes da nosa intra-Historia e que deberían ter repercusión nos medios de maior difusión. Grazas por dárnolo a coñecer. Parabéns a esta iniciativa de Portal Da Ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xustiza ordena aos herdeiros de Franco a devolución do Pazo de Meirás

A investigación histórica foi clave na sentenza, ao corroborar a doazón ao autoproclamado "xefe do Estado" e a simulación da compravenda

Entidades ecoloxistas alertan do recheo de “3.000 camións” de area na praia de Sada

Enviaron un escrito a Costas para opoñerse a unha actuación que soterraría unha pradería mariña protexida de "Zostera"

Sanjurjo, retrato dun inventor

O xenial industrial galego do século XIX creou un submarino, o poste telefónico e unha colmea automática