Martes 19 Marzo 2024

O tesouro documental da Universidade de Santiago

A riqueza, variedade e transversalidade dos seus fondos converten o arquivo histórico da USC “ nun caso particular entre os arquivos de natureza universitaria”, afirma o seu subdirector Jaime Fariña, quen non dubida en cualificar este servizo como “unha das xoias escondidas e menos coñecidas da USC”. Na actualidade a renovación da súa páxina web marca o inicio dunha etapa na que o Arquivo Universitario da USC busca reivindicarse como ferramenta para a aprendizaxe e a investigación aberta á comunidade universitaria e á cidadanía interesada.

Arquivo_Mobiliario_de_conservacixn_de_pergameos

A súa existencia corre paralela á da propia USC xa que a súa posta en funcionamento asóciase á fundación e consolidación da USC ao longo do século XVI. Os documentos que acolle na actualidade “ son un reflexo da evolución e as transformacións sufridas pola institución dende as súas orixes”, engade Jaime Fariña. A importancia do fondo histórico universitario está directamente ligado á antigüidade da propia institución universitaria e “á importancia da propia institución docente no noroeste peninsular ao longo da Idade Moderna”, concreta o subdirector.

Publicidade

O Arquivo Universitario está constituído pola documentación administrativa e académica xerada pola Universidade ao longo da súa historia, así como por fondos documentais non universitarios adquiridos, doados ou confiados en depósito á USC. A súa misión inclúe a conservación, ordenación, clasificación e facilitar a consulta e uso da documentación tanto para a administración como para a cidadanía.

Os fondos do arquivo son de interese para un amplo abano de perfís e puntos de vista, aclara Jaime Fariña, dende historiadores, investigadores ou expertos/as en xenealoxía, ata “cidadáns con curiosidade ou interese na consulta de fondos históricos, materia prima para centenares de teses de doutoramento e publicacións da máis diversa índole”. En todo caso, os fondos son de acceso libre previa presentación do documento de identidade, coa limitacións marcadas pola normativa e o estado de conservación da documentación, engade o subdirector do servizo.

O arquivo recolle tamén unha gran colección de pergameos medievais

Aínda que a maior parte dos fondos son en soporte papel, o arquivo conta cunha gran colección de pergameos medievais, planos de distintos edificios da cidade e cunha colección de mapas e cartas náuticas procedentes das distintas seccións. A maiores, dende hai anos, pon a disposición de investigadores/as e usuarios/as preto de tres millóns de imaxes dixitalizadas e datos de documentos de diferente fondos accesibles a través da rede. As novas tecnoloxías permiten neste senso “ garantir a integridade dos documentos e multiplicar as súas posibilidades de difusión”, engade Fandiño.

A mediados do século XIX, a USC converteuse nunha das dez universidades de distrito, ostentando o reitor a máxima autoridade para todos os niveis do ensino nese distrito. Así, os fondos do arquivo xurdidos desta época son “ferramenta imprescindible para o estudo ou a investigación de calquera faceta da educación na Galicia contemporánea dende as escolas infantís ata a ensinanza superior”. A maiores, ao longo do século XX o arquivo acolleu outros conxuntos documentais non universitarios: a sección municipal alberga o fondo histórico do Concello de Santiago e os desaparecidos de Enfesta, Sar e Conxo. Outro exemplo é a sección Clero, cun fondo que converte o arquivo nun “dos máis importantes centros para o estudo da economía e a sociedade galegas do Antigo Réxime”, explica o seu subdirector. Tamén está dispoñible unha sección dedicada ao Hospital Real que agrupa o arquivo desta institución benéfica dende o século XV e outra de Protocolos Notariais que recolle as matrices de todos os documentos escriturados ante fedatarios públicos en Santiago e arredores dende comezos do século XVI.

A sección Clero permite coñecer a realidade galega no Antigo Réxime

Despois de ocupar instalacións diversas ao longo da súa andaina, dende o ano 1990 o Arquivo ocupa un inmoble propio situado na zona histórica da cidade, un total de 2.590 m2 de espazo articulado en seis plantas, das que tres se dedican exclusivamente a depósitos documentais coas precisas condicións ambientais e de seguridade. O edificio conta con espazos e instalacións axeitados para usuarios internos e externos, incluíndo unha sala de conferencias e exposicións con capacidade para cincuenta persoas.

A actividade deste servizo universitario está facendo un esforzo para “reposicionarse e visibilizarse” como ferramenta de interese público e particularmente para a aprendizaxe ao servizo de toda a comunidade universitaria, indica Fariña. Neste senso, o Arquivo Universitario está aberto a colaborar en calquera actividade docente e recibe alumnado na fase de prácticas dos seus respectivos estudos de grao ou máster, así como doutros niveis de ensino.

Neste nova liña de traballo, o subdirector do servizo subliña como prioridade as actividades divulgativas e de difusión que redunden nun maior coñecemento dos fondos. Xunto este labor de promoción, o arquivo tamén conta cun taller especializado na restauración total ou parcial de documentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopan a primeira receita médica en galego, unha ‘pequena xoia’ do século XV

Está anotada no reverso dunha escritura notarial datada o 2 de abril de 1477 e conservada no Arquivo da Real Chancillería de Valladolid

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s