Balas de canón do galeón de Ribadeo. Imaxe: Archeonauta.

Balas de canón do galeón de Ribadeo. Imaxe: Archeonauta.

O galeón de Ribadeo, un coloso que esperta do seu sono

Dende o seu descubrimiento en 2011, o 'Santiago de Galicia' está considerado o galeón mellor conservado do mundo

O mar de Galicia está sementado de tesouros. Pero non son os dobróns da oito que cantaba o papagaio de Long John Silver na ‘Illa do Tesouro’. Senón a súa riqueza natural, cunha espectacular flora e fauna. Ademais dun valioso patrimonio, cunha vasta colección de restos históricos de antigos naufraxios. Un deles é o galeón de Ribadeo, que algúns consideran o mellor conservado do mundo. Unha asociación defende a súa memoria e foi xa obxecto de varios estudos arqueolóxicos coa participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

galeón do século XVI

Un galeón do século XVI.

O galeón, que se atopa a só catro metros de profundidade, foi descuberto de xeito casual no ano 2011. Cando se realizaban traballos rutineiros de draga, a mangueira de succión quedou atoada por restos de chumbo, madeira e pedras. Unha inspección posterior determinou que aquelas rochas non se correspondían coa xeoloxía da zona. E a madeira e o chumbo resultaron ser parte do casco dun buque.

A historia foi reconstruída grazas ao arqueólogo Miguel San Claudio, que foi quen identificou o pecio. A nave resultou ser o Santiago de Galicia, un galeón que se afundiu en augas de Ribadeo e que participara na cuarta expedición contra Inglaterra armada polo rei Felipe II no século XVI.

O investigador Miguel San Claudio e o proxecto ForSeaDiscovery estudaron o galeón

Tras os fracasos da Armada Invencible, en 1588, e do desembarco de Smervick, en 1579, Felipe II decidiu enviar unha nova frota sobre Inglaterra. Un total de 155 barcos e 20.000 homes saíron de Lisboa con rumbo a Irlanda en outubro de 1596. Pero unha terrible tormenta, á altura de Fisterra, provocou a perda de 44 embarcacións e obrigou á nova armada a refuxiarse en Ferrol. Entre estes barcos viaxaba o ‘Santiago de Galicia’.

Ao ano seguinte, o rei Felipe volve á carga e monta unha cuarta armada, que partirá da Coruña en outubro de 1597. Nesta ocasión, van 160 buques, 12.600 homes e 300 cabalos, co obxectivo de desembarcar en Cornualles. O galeón Santiago de Galicia destaca entre a frota, xa que incorpora algúns notables adiantos para a súa época, como un casco de dobre forro que dificultaba a adherencia dos organismos mariños e facía máis rápida a súa navegación. Tamén tiña unha dobre cuberta de seguridade, que lle permitiría permanecer á boia mesmo tras recibir un canonazo no seu casco.

O Santiago de Galicia foi construído entre 1570 e 1580 en Nápoles. E para moitos era o mellor buque da armada, xunto ao seu xemelgo, o San Felipe. Pero na súa primeira acción de guerra foi canoneado por un navío inglés e tres holandeses, que lle inflixiron graves danos. Finalmente, un temporal a 75 millas de Falmouth obrigou ao galeón a regresar. E así, nun estado lamentable, entrou na ría de Ribadeo, onde a tripulación foi acollida nas súas casas polos veciños. Pouco despois, o 13 de novembro de 1597, afundía quedando no esquecemento durante catro séculos ata o seu achado casual coa draga do ano 2011.

Mergulladores de Archeonauta traballan no galeón de Ribadeo.Foto: Archeonauta.

Mergulladores de Archeonauta traballan no galeón de Ribadeo.Foto: Archeonauta.

Miguel San Claudio, á fronte dun equipo de arqueólogos, foi catalogando o lugar do naufraxio, atopando as cadernas, as pedras de lastre, restos de cerámica, balas, obxectos de vidro… O buque, con tres cubertas de canóns, tiña 32 metros de eslora e case 10 de manga. Con todo, non se conserva ningunha peza de artillería, o que fai sospeitar que foron rescatadas despois do naufraxio polo seu importante valor. Moitos destes canóns eran de bronce.

A Asociación de Amigos do Galeón de Ribadeo rescata agora a súa memoria e promove accións para dar importancia a estes restos. Ao tempo, o proxecto ForSeaDiscovery, no que participa o CSIC, realizou xa estudos sobre o pecio, dentro dun proxecto europeo para catalogar barcos afundidos de singular valor histórico.

Como sinala Beñat Eguiluz na bitácora do proxecto ForSeaDiscovery, o galeón de Ribadeo é “un xigante durminte que xace agochado esperando para volver á luz”. Os anacos de madeira e de ferro que se atopan no fondo da ría “non parecen ser unha nave sorprendente a simple vista”. Pero a realidade é que este coloso durminte é todo un tesouro arqueolóxico que espera unha investigación máis fonda como o galeón mellor conservado do mundo.

Aquí podes facer un percorrido virtual submarino polo galeón de Ribadeo grazas ao proxecto ForSeaDiscovery:

Unha resposta a “O galeón de Ribadeo, un coloso que esperta do seu sono”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.