A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anunciou este xoves que Domingo Fontán (Porta do Conde-Portas, 1788) será o científico homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia neste ano 2018. A celebración coincide co 230º aniversario do nacemento do matemático e humanista galego, autor do primeiro mapa científico de Galicia. Realizouno cunha precisión que, en moitos casos, non puido ser superada ata a chegada da cartografía por satélite.
O acto académico celebrarase o 8 de outubro, coincidindo coa data sinalada como o Día da Ciencia en Galicia, pero a RAGC xa traballa en contacto “coas institucións científicas vinculadas ao investigador e aos seus campos de coñecemento para comezar a organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Fontán”, sinala a Academia no seu comunicado.
Domingo Fontán, “un home preocupado polo país”
Con só 12 anos, Fontán xa estaba matriculado en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, a súa alma máter, e con 23 xa impartía clases na institución. Foi alumno de Xosé Rodríguez, o Matemático de Bermés, outra figura ilustre da ciencia galega, e entre os seus discípulos tivo a destacados ilustrados como Ramón de la Sagra ou Casiano de Prado. “A súa primeira e principal virtude é dun home preocupado polo país“, destaca Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía da USC e gran coñecedor da vida e a obra de Fontán.
Díaz-Fierros destaca tamén “a visión aplicada da ciencia” que tiña Fontán. “Non só era un gran matemático, senón que soubo ver a necesidade que Galicia tiña de dispoñer dunha base cartográfica para ordenar o seu territorio: as redes de comunicacións, a ubicación dos asentamentos, etc.”
Grazas a Fontán, lembra o catedrático, Galicia adiantouse varias décadas ao resto de España. “O esforzo que fixo foi incrible. Foi un traballo ímprobo, un labor titánico; el só, durante tantos anos, e cunha precisión extraordinaria”.
Domingo Fontán comezou a súa obra magna en 1816, e dedicaría case 20 anos da súa vida a percorrer Galicia palmo a palmo. Díaz-Fierros destaca o celo de Fontán polo método científico á hora de realizar as medicións, baséandose na triangulación xeodésica. En 1834, o matemático presentou o mapa ante María Cristina de Borbón, pero non foi ata 1845 cando o proxecto saíu do prelo.
Amais do seu traballo científico, Fontán foi un destacado deputado nas Cortes polo Partido Liberal, o que lle supuxo algúns atrancos na súa carreira, sobre todo durante a etapa absolutista de Fernando VII. Exerceu tamén como director do Observatorio Astronómico de Madrid e, como empresario, dirixiu a Fábrica de Papel do Castro de Lousame. Tamén traballou no deseño da primeira liña ferroviaria de Galicia, entre Santiago e Carril.
A súa obra deixou unha fonda pegada na literatura galega, sendo evocado por Otero Pedrayo, Cunqueiro e Castelao. Está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, xunto a Alfredo Brañas, Rosalía de Castro, Castelao, Francisco Asorey ou Ramón Cabanillas. Con todo, a súa figura segue sendo pouco coñecida a nivel popular. Coa homenaxe deste ano, a Real Academia Galega de Ciencias busca divulgar entre a sociedade galega o mérito do traballo de Fontán.
Tamén podes ler:
historias-gc/domingo-fontan-biografia/