Venres 26 Abril 2024

A cidade dos cidadáns

A transformación da estrutura urbana de Pontevedra que se iniciou en 1999 permitiu en pouco máis dunha década consolidar un modelo de cidade que a converteu nun referente nacional e internacional. Parecía imposible pensar entón no éxito dun proxecto que non só cambiou a cara do centro urbano da cidade senón que tamén conseguiu impactar na vida diaria dos seus habitantes. A recuperación de espazos públicos, a peonización das rúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas e o saneamento integral da cidade son medidas que abondarían para obter resultados importantes, pero que combinadas deron como resultado un cambio radical na vida cotiá dos habitantes da cidade.

pontevedra ponte

As ideas do pensador e psicopedágogo italiano Francesco Tonucci serviron de inspiración para desenvolver un proxecto urbano que coloca ás persoas, en xeral, e aos nenos, en particular, como os grandes beneficiarios das reformas acometidas nas infraestruturas e o mobiliario urbano. Calquera cidadán que pasee hoxe pola cidade poderá atopar espazos públicos máis amplos, rúas máis limpas nas que os coches deixaron de ser os donos absolutos e facilidades de todo tipo para que a cidade non sexa un territorio hostil para nenos, discapacitados e anciáns.

Publicidade

Unha das prioridades do proxecto foi que a rehabilitación do centro urbano de Pontevedra non fose en detrimento da actividade económica, especialmente do pequeno comercio, senón que pola contra a potenciase. A política de peonización de moitas rúas deu como resultado un cambio notable para os comerciantes ao darlle a posibilidade aos cidadáns de acceder dun xeito máis sinxelo a estes establecementos, así como mellorar a súa visibilidade. O resultado foi unha revalorización dos comercios. De forma paralela levouse a cabo unha política de xeración de solo industrial na contorna da cidade para favorecer a implantación de novas industrias.

A cidade reúne premios internacionais dende que impulsou un novo modelo

Ao longo destes anos, numerosos premios recoñeceron a transformación que se levou a cabo en Pontevedra. Entre eles merece destacarse o Premio Nacional da Cultura Galega, concedido á cidade en 2008 por parte da Xunta de Galicia. Pero os recoñecementos chegaron tanto dentro como fóra da comunidade autónoma. En febreiro de 2015 o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández-Lores recollía en Dubai o premio concedido por este emirato e pola axencia ONU-Habitat a Pontevedra para recoñecer o seu modelo de cidade “centrado nas persoas”. Sen dúbida que Pontevedra se converteu nun modelo exportable para urbes de todo o mundo que tratan de recuperar a cidade para os seus habitantes dunha forma similar á que se conseguiu neste recuncho do sur de Europa. O ano pasado, ademais deste premio, o modelo urbano de Pontevedra obtivo outros dous no ámbito internacional, que foron entregados en Nova York e Hong Kong.

Cando un teórico tan importante e co recoñecemento internacional que ten Francesco Tonucci cualifica o que aconteceu en Pontevedra como un modelo para seguir no seu propio país, Italia, é inevitable pensar que algo especial tivo que suceder nunha cidade onde as persoas volveron ocupar o espazo na cidade que nunca deberían de perder. Pero nun proxecto deste tipo o traballo nunca se detén e, ademais de conservar e mellorar o que se fixo, na cidade xa se está a traballar en retos como estender o modelo do centro urbano ás quince parroquias rurais do municipio. Unha vez máis, os propios cidadáns serán a clave para conseguir que este obxectivo volva alcanzarse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

Os rótulos da zona vella de Santiago: o mapa emocional da cidade

A historiadora Aldara Cidrás traballa nun proxecto sobre este tipo de gráfica comercial urbana da capital galega

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves