5g AtlanTIC

Os investigadores de AtlanTIC Juan Carlos Burguillo, Felipe Gil, Cristina López e Francisco Javier González Castaño. / Duvi

Vigo impulsa a tecnoloxía 5G

Investigadores de AtlantTIC organizan en Chipre un 'workshop' sobre redes sen fíos no congreso WiMob 2014, referencia internacional na comunicación móbil

Os expertos auguran que a próxima xeración de conectividade móbil, a 5G, ofrecerá velocidades de ata 10 Gbps, arredor de 100 veces a mellor oferta do mercado na actualidade. E, ademais da velocidade, esta nova xeración de banda ancha móbil traerá tamén un notable incremento no eido da seguridade. De momento son promesas, pero para que se convertan en realidade son moitos os investigadores que están traballando xa no seu deseño. Tamén na Universidade de Vigo, onde o Grupo de Tecnoloxías da Información, integrado en AtlantTIC, leva anos estudando o campo das denominadas redes sen fíos cooperativas. O seu traballo non pasou desapercibido para os organizadores do congreso internacional WiMob2014, cita de referencia no campo das comunicacións móbiles, que os elixiu para organizar un workshop sobre este tipo de redes, claves para o desenvolvemento da Internet do futuro.

A cita será do 8 ao 10 de outubro en Larnaca, Chipre, dentro do X IEEE International Conference on Wireless and Mobile Computing, Networking and Communications (WiMob), onde se darán cita arredor de 200 profesionais dos cinco continentes. Na súa organización traballan xa un grupo de investigadores liderado dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación por Cristina López Bravo e Francisco Javier González Castaño, coorganizadores do encontro xunto aos profesores da Universidad Politécnica de Cartagena Felipe e Antonio Javier García Sánchez. Eles son as cabezas visibles dun grupo de preto de 20 expertos de diferentes centros de investigación de Europa e América, segundo informa o Duvi.

A próxima xeración de conectividade móbil ofrecerá unhas velocidades ata 100 veces superiores as actuales

O workshop foi bautizado como First International Workshop on Cooperative Wireless Network, CWN 2014, e nel afondarase en todos aqueles aspectos que poden axudar a mellorar a cooperación en redes sen fíos, todas aquelas operacións conxuntas de nodos e sistemas de rede para conseguir un mesmo fin: mellorar a cobertura, a fiabilidade dos enlaces das comunicacións, a xestión da potencia, aproveitar ao máximo as capacidades da rede… “Pensando na internet do futuro sen a cooperación non sería posible explotar ao máximo as capacidades das futuras redes de telefonía móbil na banda milimétrica, o que se coñece como 5G, e tampouco sería posible o desenvolvemento da Internet das cousas, Internet of the things, onde millóns de dispositivos dispares poderán comunicarse entre si”, subliña a investigadora Cristina López Bravo, que fai fincapé en que no futuro cada vez máis aparatos se conectarán á rede, desde coches ata frigoríficos.

A cooperación

Nesta liña, os organizadores sinalan que ao longo dos tres días que durará o encontro trataranse temáticas moi variadas. “Tan variadas como é o propio concepto de cooperación”, subliñan, en referencia a que se pode aplicar a unha ampla gama de tecnoloxías, sistemas e aplicacións, a fin de lograr un uso eficiente do espectro (radio cognitiva), a extensión da cobertura das redes (diversidade cooperativa, transmisión multimedia), un mellor rendemento e fiabilidade (codificación de rede, protocolos cross-layer) e a propia seguridade do usuario (redes vehiculares, redes de emerxencia…), entre outros aspectos.

O encontro, organizado desde Vigo, está dirixido tanto a científicos como técnicos do campo das redes de comunicacións móbiles que queiran presentar novas ideas e contribucións neste eido, “un campo moi amplo que, como xa sinalamos, abarca aspectos que poden ir dende mellorar a cobertura ou prestacións das redes de telefonía, a incrementar a seguridade dos usuarios evitando a colisión entre vehículos ou en situación de emerxencias”, recalca López Bravo, ao que engade que “por suposto” tamén está aberto a todas aquelas persoas que teñen interese en coñecer estas novas ideas ou contribucións.

No caso dos investigadores interesados en enviar artigos ao CWN 2014, teñen de prazo ata o vindeiro 27 de xuño para facelo e a notificación de aceptación será antes do vindeiro 28 de xullo. O envío definitivo de traballos ten como data límite o 20 de agosto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.