Martes 19 Marzo 2024

Lindano: de loción para os piollos a grave problema de saúde e ambiental

Moitos galegos que foron nenos nos anos 80 coñecen o lindano en carne propia. As súas nais botárono na súas cabezas en forma de loción para matar os piollos. Pero en 1991, este composto foi prohibido polos seus graves riscos para saúde tanto dos animais como dos seres humanos. A súa historia é similar á do DDT (dicloro difenil tricloroetano) o insecticida máis popular tras a II Guerra Mundial, pero que tamén foi retirado pola súa toxicidade. Co lindano pasou algo similar: todos pensaban que era un remedio contra as pragas, pero rematou por ser un problema medioambiental e de saúde.

Molécula de lindano.

O lindano é o nome comercial dun organoclorado de fórmula xenérica C6H6Cl6, en concreto o isómero gamma-1,2,3,4,5,6-hexaclorocicloexano. Foi empregado como insecticida en agricultura e para loitar contra os parasitos na gandería. Nos humanos, era o compoñente das locións antipiollos e das cremas contra a sarna. Finalmente, quedou demostrado que non somentes era tóxico, senón que os residuos da súa fabricación tamén o eran.

Publicidade

En Galicia, a industria fabricante do lindano foi Zeltia, que o sintetizou entre 1948 e 1964 na súa planta do Porriño. Normalmente, os residuos industriais adoitan ser unha fracción do proceso de transformación, pero na produción de lindano acontece o contrario. Obtense pola reacción de cloro e benceno, actuando como catalizadores os raios ultravioletas. Esta reacción ten un rendemento do 15 % de lindano, mentres que os residuos supoñen o 85 % restante. A reacción dá un produto con aspecto de po, do que se debe extraer o lindano para comercializalo cunha pureza do 99 %; para o que é necesario disolver o produto en metanol e tras procesos de filtracións, recristalizacións e de novas disolucións, pode obterse por unha banda lindano e por outra os seus isómeros non comerciais, ademais dun perigoso residuo líquido de gran toxicidade.

A OMS declarou o lindano canceríxeno nun informe definitivo do ano 2015

Nos 30 anos en que Zeltia fabricou lindano, esta industria xerou máis de 700 toneladas de residuos, que foron botados na zona do Porriño e mesmo empregadas para facer camiños, pistas e estradas, na crenza de que se trataba dun produto inerte. A realidade dos anos demostrou que era moi tóxico para a vida humana e animal.

O lindano é lipofílico, polo que se pode almacenar nas graxas do organismo. Polo tanto, é asimilado polos seres vivos e pode acumularse doadamente. O HCH asimílase por inxestión, respiración ou por vía cutánea, dado que a pel absorbe aproximadamente un 10% desta sustancia cando entra en contacto.

Pero preocupan máis os seus efectos a longo prazo que a corto. Porque habería que estar exposto a grandes cantidades de lindano para padecer síntomas como dores de cabeza, cansazo, debilidade, malestar, insomnio, diarreas, vómito e febre. Pero os principais problemas poden vir dunha exposición de baixa intensidade pero moi longa no tempo. Aquí poden aparecer problemas hepáticos, renais, hormonais, xinecolóxicos, sanguíneos (anemias) e do sistema nervioso.

Produto anti piollos con lindano.

A OMS confirmou no ano 2015 que o lindano é carcinóxeno. Tras anos de sospeitas, o organismo certificou que pode provocar tumores canceríxenos. Outros estudos científicos teñen demostrado a súa relación con enfermedades como a diabetes, o síndrome metabólico ou o párkinson.

No municipio do Porriño, veñen de atoparse no barrio de Contrasto novas zonas contaminadas por lindano. O achado supuxo que, como precaución, non se consuma auga dos pozos da zona e que non se consuman produtos da horta. Pero a contaminación, aínda que foi descoberta agora, leva aí moitas décadas. O lindano está aí como mínimo dende hai 53 anos, cando Zeltia deixou de fabricalo.

A primeira denuncia por contaminación por lindano chegou no ano 1996, cando os veciños da parroquia de Torneiros clamaron por vivir “sobre un polvorín químico”. Este barrio foi construido enteiramente sobre un depósito no que se acumularon os residuos de lindano producidos por Zeltia. En 1999, o entonces alcalde, José Manuel Barros, confirmou a contaminación e foron encargados traballos de descontaminación. A terra superficial foi levada a incinerar a planta de Somozas e as capas máis fondas foron seladas. Pero o problema persiste e aparece agora nunha nova zona do municipio.

Semella complicada a solución no Porriño ao problema do gama-hexachlorociclohexano, comercialmente  coñecido como lindano. Un composto que moitos nenos coñeceron como loción contra os piollos pero que se ten convertido nun grave problema de saúde e medioambiental.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela