O equipo do profesor Díez na súa campaña de investigación. Foto: DUVI.

O equipo do profesor Díez na súa campaña de investigación. Foto: DUVI.

Descubrindo a paisaxe dos dinosauros

Investigadores da Universidade de Vigo atopan os fósiles dos fentos que eran o menú dos grandes sauros do Mesozoico

Fósil dun fento prehistórico atopado na investigación.

Fósil dun fento prehistórico atopado na investigación.

Os fentos son fósiles viventes. Conviviron cos dinosauros, hai máis de 200 millóns de anos. Pero xa estaban sobre a Terra moito antes ca eles. Os científicos cren que formaban parte da súa dieta. O que supón un pequeno misterio porque, na actualidade, a inmensa maioría dos fentos son tóxicos. Outras plantas, como as grandes coníferas ou o gingko biloba, sumábanse ao menú do Mesozoico.

O cine foi xeneroso cos animais e avaro coas plantas. Con Spielberg, o T-Rex é sempre protagonista, pero os fentos, pouco expresivos, non pasan de figuración ou decorado. Pero o estudo daqueles vexetais é unha disciplina apaixonante, como o demostran estudos como os que impulsa o investigador José Bievenido Díez, paleobiólogo da Universidade de Vigo.

A revista ‘Cretaceous Researh’ publica os achados do grupo de José Bienvenido Pérez

A revista científica “Cretaceous Research” publica este mes un artigo sobre fentos semiacuáticos do Cretácico inicial, cunha antigüidade de 130 millóns de anos. A Universidade de Vigo participou na investigación, realizada en Horcajuelos, en Burgos, con estudantes vigueses nas escavacións. E descubríronse 35 fósiles de fentos, da familia Marsilácea, que son os máis antigos achados xamais en Eurasia.

Estas plantas formaban parte da paisaxe de comezos do Cretácico, hai 130 millóns de anos. E, en depósitos próximos ao investigado pola Universidade de Vigo, atopáronse fósiles de dinosauros, algúns deles herbívoros como dous de nomes case impronunciables: iguanodontoideos hipsilofodóntidos.

Como particularidade, o artigo científico sinala que estes fentos vivían en lagos de auga doce. E facíano nun momento clave, á espera de que chegasen as plantas anxiospermas, as que teñen flores e sementes, como a gran maioría das da actualidade.

Xunto ao equipo dirixido por José Bienvenido Díez, da Universidade de Vigo, participaron no estudo o Colectivo Arqueolóxico e Paleontolóxico de Salas, o Museo Paleontolóxico de Trelew (Arxentina) e as universidades de Zaragoza, e Nacional de México.

Impacto mundial

Non se trata do primeiro estudo importante do grupo de Díez, docente na Facultade de Ciencias do Mar. Pola contra, o paleontólogo estivo en boa parte dos últimos achados en España relacionados coa vexetación do Cretácico. En 2011, na localidade turolense de Estercuel, descubriron fósiles de plantas fósiles que tiveron grande eco internacional. “Os nosos rexistros son moito mellores e máis completos e preservados que os do depósito de Potomac, en EUA, que ata o de agora era a gran referencia mundial” , comentaba Díez durante aquela campaña.

Na investigación de Teruel, identificaron 60 especies distintas, pero acharon outras moitas que non puideron definir. E misterios como o da Aquatifolia Fluitans, un vexetal acuático emparentado cos nenúfares actuais e que, ata hoxe, só fora atopada nun único depósito, situado en Kansas (EUA).

O grupo de José Bienvenido Díez acumula nos últimos anos a publicación de máis de trinta artigos de investigación en revistas científicas de alto impacto. Ademais, da súa labor académica saíron varias teses doutorais e alumnos que participan todos os anos en escavacións na Península Ibérica.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.